Arrhenius, Svante August

Arrhenius, Svante August

Químico sueco, un dos fundadores da química moderna. En 1887 publicou a teoría da disociación iónica dos electrólitos en solución diluída, pola que recibiu o Premio Nobel de Química en 1903. A súa teoría ofrece unha explicación dos fenómenos da condutividade eléctrica das solucións diluídas de electrólitos e das desviacións das leis de Raoult que estas solucións presentan. Traballou tamén na determinación da forza dos ácidos con Ostwald e no estudo dos fenómenos de tensión superficial e de ósmose con Van’t Hoff. Estudiou a velocidade das reaccións químicas demostrando a ecuación, proposta por Hood, que relaciona a taxa de reacción coa temperatura, e que leva o seu nome (ecuación de Arrhenius). No eido da Astrofísica formulou en 1900 unha teoría segundo a que a dirección da cola dos cometas está determinada pola presión que sobre ela exerce a luz do Sol. En Bioquímica investigou os mecanismos das toxinas e antitoxinas. Interesado polas cuestións de Cosmoloxía, formulou a hipótese da panespermia. Entre os seus escritos máis famosos cómpre mencionar: Manual de teoría electroquímica (1900), Manual de física cósmica (1903), Teorías da química (1906), Química inmunolóxica (1907) e Evolución dos mundos (1907).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Wijk, Uppsala

  • Deceso

    Lugar : Estocolmo