arrieiro
(< arre, voz para estimular as bestas de carga)
-
s
m
[ETN]
Individuo que ten por oficio transportar mercadorías con bestas de carga. Xeralmente trataba co viño. Acompañado do corredor, que coñecía a clase de viño de cada bodega e as preferencias do arrieiro, compraba nos lugares de produción. Tiña unha recua formada por catro ou máis cabalerías, case sempre mulas ou machos. O seu constante camiñar ía acompañado de cantos moi característicos, divulgados máis tarde polos coros galegos. O arrieiro localizábase, principalmente, na comarca ourensá do Carballiño. Os modernos medios de transporte provocaron a súa desaparición, sendo substituídos, na merca do viño, polos pipeiros. Moitos aspectos dos desaparecidos arrieiros foron recollidos en cantigas populares. Tamén son ricas as mostras do refraneiro popular: “Arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta, e pescador de cana, perde máis que gana”. “Arrieiros somos, e no camiño andamos, e moitos días nos atopamos”. “De arrieiro a arrieiro, non pasa diñeiro”. “Vale máis arrieiro dunha besta, que criado dunha recua”. “Arrieiros de Loibán cunha besta catro van: dous arrean, un contén e outro mira se vai ben”. “Arrieiros somos e no camiño nos tropezamos”. “Todos somos arrieiros e xa nos atoparemos”.
-
s
m
Bandada de patos.
Refráns
- Arrieiros de Loibán cunha besta catro van: dous arrean, un contén e outro mira se vai ben.
- Arrieiros somos e no camiño nos tropezamos.
- Todos somos arrieiros e xa nos atoparemos.