arsénico

arsénico

(< lat arsenĭcu < gr ἀρσενικόν‘varonil’)

  1. s m [QUÍM]

    Elemento de número atómico 33 e peso atómico 74,9216, con propiedades metálicas e non metálicas. Pertence ao grupo VA da táboa periódica (cuarto período) e ten valencias -3, +3 e +5. Os sulfuros de arsénico naturais xa se empregaban na Antigüidade clásica como pigmentos e medicamentos, pero a primeira obtención do elemento atribúeselle a Alberte o Grande cara ao 1250. O arsénico existe en tres estados alotrópicos cristalinos: o arsénico gris, chamado tamén arsénico metálico, que é o único estable; o arsénico amarelo e o arsénico negro, sen contar diversos estados amorfos non tan ben definidos. O arsénico pode ser preparado por quentamento da arsenopirita ao abrigo do aire ou ben reducindo con carbón o trióxido. A purificación faise por sublimación. As aplicacións directas do elemento arsénico son poucas e consisten esencialmente na fabricación de aliaxes con cobre e chumbo, ás que lles dá dureza e resistencia ante a corrosión. Cando é moi puro pode empregarse tamén para a excitación (dopaxe) de semicondutores para electrónica e na fabricación dalgúns arseniuros semicondutores, tales como o arseniuro de galio. Na maior parte dos seus compostos, o arsénico compórtase como non metal. Entre os máis importantes están o hidruro ( arsina); os óxidos e os oxiácidos, e os seus sales; os sulfuros e os seus derivados, e os haloxenuros. O arsénico presenta tamén a singularidade de dar un gran número de compostos orgánicos (coñécense uns oito mil) de composición e aplicacións moi variadas. En tonelaxe as aplicacións máis importantes dos compostos arsenicais son as agrícolas (insecticidas, herbicidas, secado do algodón, funxicidas) e a industria do vidro. Unha aplicación importante é como aditivo alimentario para acelerar o engorde do gando; en cambio, a aplicación como pigmento perdeu unha gran parte da súa antiga importancia. Numerosos compostos de arsénico teñen, en pequenas doses, accións medicamentosas. Algúns deles empregáronse, por exemplo, contra transtornos da nutrición e outros para a cauterización e o tratamento de afeccións cutáneas. A terapéutica arsenical experimentou un novo empuxe cando Paul Ehrlich descubriu a arsfenamina, comercializada co nome de salvarsan, descubrimento que marcou un fito na historia da quimioterapia. Superados en moitos casos por outros fármacos máis recentes, aínda se empregan para combater as amebiases, as tripanosomiases e en veterinaria. Hai que ter en conta que os compostos de arsénico teñen unha toxicidade elevada que impón precaución no seu uso terapéutico e obriga a vixiar a súa presenza en moitos produtos químicos ou vexetais utilizados na alimentación, e tamén en gases e fumes de certas industrias. No campo alimentario, estableceuse en moitos países unha regulamentación estrita sobre as épocas de aplicación dos tratamentos arsenicais agrícolas e sobre os residuos tolerados nos vexetais para alimentación. A pesar disto, prodúcense intoxicacións accidentais, ás veces mortais, sen contar as intoxicacións criminais, das que existen abundantes exemplos nas crónicas xudiciais. En caso de inxestión dun composto de arsénico o tratamento baséase en evitar, o máis posible, a absorción a través do tubo dixestivo, mediante vomitivos ou substancias que o insolubilicen, e na administración do BAL. A investigación bromatolóxica e toxicolóxica do arsénico faise habitualmente mediante a redución a arsina (ensaio de Marsh con modificacións diversas).

  2. adx [QUÍM]

    Dise dos compostos de arsénico nos que este é pentavalente.

  3. ácido arsénico [QUÍM]

    Ácido ortoarsénico que se obtén por ebulición do trióxido de arsénico con ácido nítrico concentrado. Emprégase na obtención de materias colorantes orgánicas; e os seus sales, os arseniatos, como insecticidas e na fabricación de vidro.

  4. arsénico amarelo [QUÍM]

    Arsénico tetraatómico obtido por condensación rápida de vapores de arsénico a resgardo da luz. As súas propiedades físicas son as dun non metal. É un redutor enérxico e a luz ultravioleta transfórmao en arsénico gris.

  5. arsénico branco/anhídrido arsenioso/trióxido de arsénico [QUÍM]

    É o máis importante dos compostos de arsénico, formado por combustión do elemento. Existe nunha forma amorfa e en dúas formas cristalinas, unha cúbica (octaedros) e outra monoclínica (prismas). As solucións acuosas son lixeiramente ácidas e ao engadirlle as bases dan os arsenitos. Os oxidantes transfórmano en pentóxido e os redutores en arsénico metálico. Industrialmente obtense ao torrar arsenopirita e purifícase por sublimación. É extremadamente tóxico e moi perigoso porque é inodoro e insípido, de feito, empregouse moito con fins criminais. As principais aplicacións industriais son: a fabricación do vidro (descoloración e opalinización) e a obtención do arsénico elemento e dos outros compostos arsenicais. Emprégase tamén como raticida e insecticida; para a preparación de baños destinados a eliminar os parasitos do gando; en esmaltes cerámicos; en pirotecnia; na conservación de peles e na industria téxtil. En dermatoloxía emprégase como cauterizador e en odontoloxía para destruír a polpa dentaria.

  6. arsénico gris/metálico [QUÍM]

    Ten aspecto metálico aceirado e conduce a calor e a electricidade como os metais. É pouco abundante na codia terrestre (0,0005%); sen embargo, con frecuencia aparece dispersado e cunha ubicuidade sorprendente. Non se adoita encontrar en estado puro, senón que sempre aparece aliado con outros metais e acotío formando sulfuros dobres ou simples. O arsénico gris é moderadamente reactivo; neste sentido, en frío non se altera exposto ao aire seco, sen embargo, recóbrese dunha película de óxido se o aire é húmido. Así mesmo, atácano os halóxenos e en quente combina co xofre; os ácidos non oxidantes e os álcalis non o atacan, aínda que o ácido nítrico e o ácido sulfúrico quentes disólveno e dan, respectivamente, pentaóxido e trióxido.

  7. arsénico negro [QUÍM]

    Forma alotrópica metastable do arsénico obtida por sublimación do arsénico gris nunha corrente de hidróxeno e con arrefriamento lento dos vapores. 

  8. disulfuro de arsénico [QUÍM]

    Pos moi tóxicos que se obteñen torrando a arsenopirita. Emprégase na industria do coiro e como pigmento e raticida. O mineral natural é o realgar.

  9. hidruro de arsénico [QUÍM]

    arsenamina.

  10. pentaóxido de arsénico/anhídrido arsénico [QUÍM]

    Sólido delicuescente e velenoso que se obtén por deshidratación térmica do ácido arsénico a 200°C. Emprégase como substancia de partida na fabricación de arseniatos para insecticidas e para obter colorantes.

  11. pentasulfuro de arsénico [QUÍM]

    Sólido velenoso que se obtén ao pasar unha corrente de sulfuro de hidróxeno por unha solución ácida de arseniato. Emprégase como pigmento para pinturas e para a obtención de compostos de arsénico.

  12. tricloruro de arsénico [QUÍM]

    Líquido de aspecto oleoso que se pode obter por combustión do arsénico metálico nunha atmosfera de cloro. Actúa como intermediario na obtención de derivados orgánicos (farmacéuticos e insecticidas); emprégase, así mesmo, en cerámica e para facer gases velenosos.

  13. trisulfuro de arsénico [QUÍM]

    Sólido velenoso que se obtén por precipitación dunha solución ácida dun composto de arsénico trivalente pola acción do sulfuro de hidróxeno. Emprégase como pigmento, como axente redutor e en medicina.