Artaud, Antonin
Poeta, actor, director e teórico teatral. Creador de diversas compañías de teatro de desigual fortuna, as súas achegas máis interesantes hai que situalas no eido da reflexión e das propostas de carácter teórico, sobre todo aquelas nas que enunciaba o Teatro da Crueldade, nas que reclamaba a recuperación dunha teatralidade renovada ou nas que mostraba a transcendencia doutras tradicións teatrais. Foi membro do grupo surrealista de Breton (1924), pero axiña rompeu con este para atacalo. Desta época son dous libros de poesías: L’ombilic des limbes (O embigo dos limbos, 1925) e Le Pèse-Nerfs (O Pesa-Nervios, 1927). Publicou L’art et la mort (A arte e a morte, 1929) e Le manifest du théâtre de la cruauté (O manifesto do teatro da crueldade, 1932), onde expuña a súa utopía dramática de influencia oriental. A única concreción das súas concepcións teóricas é Les Cenci, que foi un fracaso (1935). O seu libro El teatro y su doble, publicado orixinalmente en 1938, constitúe un dos textos teóricos máis salientables de todo o século XX e exerceu unha influencia significativa nas diversas tentativas de renovación teatral que se sucederon desde a desaparición das vangardas históricas. Recluído por desequilibrado, publicou textos confusos pero con intuicións lúcidas: Héliogabale ou l’anarchiste couronné (Heliogábalo ou o anarquista coroado, 1934), Le théâtre et son double (O teatro e o seu dobre, 1938), Lettres de Rodez (Cartas de Rodez, 1946) e, postumamente, Lettre contre la Kabbale (Carta contra a Cabala, 1949) e Vie et mort de Satan-le Feu (Vida e morte de Satan-le Feu, 1935). En 1981 o grupo Troula presentou o espectáculo Tres, creado a partir de diversos textos seus, con dirección de Antonio Simón.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Ivry -
Nacemento
Lugar : Marsella -
Deceso
Lugar : Seine