arte
(< lat artē)
-
s
f
Actividade humana encamiñada á creación de obras estéticas.
Ex: Os museos adoitan amosar obras de arte.
-
s
f
Ámbito no que o home desenvolve a súa capacidade creadora con fins estéticos.
Ex: A arte da música.
-
s
f
Conxunto de producións artísticas que caracterizan unha época, estilo, movemento, etc.
Ex: A arte románica ten unha ampla representación en Galicia.
-
s
f
Sistema de preceptos e regras que se requiren para o desenvolvemento dunha profesión.
Ex: A arte de navegar ten a súa orixe na Antigüidade.
- s f
-
-
s
f
Medio co que se consegue facer algunha cousa.
-
arte indecorosa arc
Profesión prohibida aos clérigos, como a de actor, xograr, matador, taberneiro, etc.
-
arte liberal arc
En oposición a arte servil é aquela arte propia do home libre e, en oposición a arte mecánica, refírese a aquela arte que require, de xeito especial, o exercicio intelectual.
-
arte manual/mecánica arc
En oposición a arte liberal é aquela arte que require, de xeito especial, a práctica manual.
-
arte máxica
Arte de encantamento.
-
arte servil arc
En oposición a arte liberal é aquela arte exercida por persoas de condición servil.
-
malas artes
Xeito de obter beneficios por medios reprobables, tales como a astucia e o engano.
Ex: Conseguiu enganarme coas súas malas artes.
Sinónimos: artimaña.
-
s
f
-
-
s
f
[ARTE]
Acto polo que valéndose da imaxe, son, palabra ou movemento, o home imita ou expresa o material ou o inmaterial, creando mediante copia, evocación ou invención. A palabra grega techné referíase ao exercicio dun oficio seguindo determinadas regras. Para Platón e Aristóteles este termo significaba a creación, polo que abranguía o traballo do pintor, do escultor ou mesmo do carpinteiro; isto é, do que hoxe chamamos artista ou artesán. Non se distinguía entre obxecto artístico e técnico pero, xa dende Aristóteles, o termo techné tamén se refería ás técnicas intelectuais como a oratoria. Este significado perdurou no equivalente latino do termo ars, que servía igualmente para designar as artes liberais do trivium e do quadrivium, pero tamén se entendeu a arte como unha actividade mental. Cando Platón quería falar da “grande arte” insistía precisamente no feito de que esta arte non é produto dunha técnica aprendida, senón da inspiración, do entusiasmo ou do furor divino (Ió). A clasificación e a distinción das artes -pintura, escultura, poesía, arquitectura, música, etc- non foi clara en Grecia. Na Idade Media distinguíase entre artes liberais ou artes do espírito como a Gramática ou a Retórica e as artes mecánicas ou manuais. A preponderancia recae nas artes liberais creadoras da idea mentres que as artes mecánicas encárganse da súa revalorización. Ao final do período medieval as artes figurativas comezan a valorizarse, reforzando especialmente o aspecto intelectual. A estrita separación ten lugar na época moderna coa transformación da arte da iluminación, do vitral ou do retablo en pintura, do gregoriano en música vocal, etc. A elaboración teórica da diferenza entre arte e técnica é aínda máis tardía: non foi ata finais do s XVIII cando os filósofos comezaron a falar de arte no sentido actual. Parece evidente que se os antigos non tiñan un termo para designar a actividade artística, é porque non a apreciaban como unha cousa independente. A ambigüidade do termo arte reflite, aínda hoxe, a ambigüidade dos obxectos ou das actividades que designa. Aquilo que se considera como artístico nun momento histórico non é independente das transformacións culturais que, ás veces, fan ver arte alí onde a xeración anterior non vía máis ca obxectos sen interese. O denominador común destes obxectos ou actividades cualificados como “arte”, non hai que buscalo, entón, nin na forma nin na intención destas obras, senón na estrutura á que responden. A historia da filosofía presenta unha longa lista de intentos por encontrar o elemento unificador daquelas actividades nas que se pode fundamentar unha definición de arte. Trátase de definir a esencia da arte ou da actividade artística. Para Platón a arte era imitación pois o home imita o creador do mundo; para Aristóteles é a produción de algo que non existía pero tamén é imitación (mímese) das características xerais ou típicas da realidade; Bergson ou Proust retoman esta teoría pero dándolle a volta: a arte é a mímese do particular ou do atípico. Consciente de que o pracer estético que produce un obxecto é irredutible ao seu valor histórico ou práctico, Kant volveu definir a arte como aquel obxecto que produce unha “satisfacción desinteresada”, entendendo que o pracer estético que produce un obxecto é irredutible ao seu valor histórico ou práctico; por unha banda, diferenciou entre arte e coñecemento, entre arte e ciencia e entre arte e técnica. Co Romanticismo, vólvese insistir no carácter obxectivo da arte. A obra de arte será, entón, “manifestación sensible” dalgunha cousa que transcende a aparencia: da Natureza, da Divindade ou da Idea. Nesta época nace o concepto de Belas Artes. A difícil tarefa da arte é, en palabras de Schiller, “elevarse por riba do real, manténdose dentro do sensible”. Schiller foi o primeiro en definir a tarefa da arte como a superación e liberación da alienación da personalidade e da humanidade. Hegel formulou a relatividade histórica do concepto e da función da arte ao dividir a súa historia en tres períodos: a arte simbólica (a arte exipcia e, en xeral, a arquitectura), a arte clásica (a arte grega e, en xeral, a escultura) e a arte romántica (a arte moderna e, en xeral, a pintura ou a música). A fenomenoloxía advirte que non se debe confundir a xénese da arte coa súa esencia. Desde o punto de vista marxista, a arte estudiouse e definiuse como a realización plena do traballo e das súas categorías da vida cotiá ou como instrumento posible dunha auténtica redención da humanidade (Gramsci, Marcuse). Unha nova e máis profunda interdependencia entre a obra de arte renacentista e a estrutura social foi subliñada por Marcuse ao afirmar que a obra de arte é a actualización no irreal dos ideais (harmonía, proporción, equilibrio, etc) que os factores económicos e políticos non permiten realizar no mundo afectivo. A estética contemporánea tratou de apelar ao valor connotativo (emocional, suxestivo, formal, expresivo) das mensaxes artísticas fronte ao exclusivamente denotativo (representativo, alusivo, referencial) das mensaxes cotiás. Esta tese, sen embargo, só entende a demarcación como oposición entre o “artístico” e o “non artístico”. Para entender esta distinción pódese elaborar un esquema capaz de dar razón, a un tempo, da continuidade e da orixinalidade que caracteriza a relación entre as mensaxes artísticas e as cotiás. Na arte a relación entre condición necesaria (códigos visuais, verbais e outros que hai que utilizar) e condición suficiente (aquilo que só fai un simple uso destes códigos) é sempre difícil e tensa. Malia isto, é precisamente a boa solución desta tensión entre esixencias da comunicación e esixencias da creación, entre convención e innovación ou entre redundancia e información o que caracteriza unha verdadeira obra de arte. A eficacia social da arte non pode ser entendida con independencia do seu código. O artista é precisamente o mantedor e o renovador destes códigos (auditivos, visuais ou verbais) dende os que se pode sentir e ver os demais e mesmo falarlles. A arte é, tecnicamente, unha peculiar administración dos códigos vixentes; orixinariamente é o produto da progresiva diversificación do traballo artesán e da secularización do rito e do culto; funcionalmente é o intento de introducir no mundo a orde que durante moito tempo se mantivo no ámbito teolóxico do culto, que baixou despois ao metafísico de aquilo que aínda se entende hoxe por arte e que cómpre que baixe máis aínda para ordenar o mundo positivo, o medio físico e humano no que desenvolvemos a nosa vida. A estética moderna intentou definir a arte dende múltiples puntos de vista: o Vitalismo de Nietzsche entendíaa como unha ilusión; o Psicoloxismo de Freud que a entendeu como medio para manifestar os complexos ou o Formalismo de Wölfflin e outros que se centraron na forma, na historia da arte sen nomes.
-
s
f
[ARTE]
Cada unha das chamadas Belas Artes.
-
s
f
[ARTE]
Estilo dun artista.
Ex: A arte de Picasso revolucionou a pintura do seu tempo.
-
arte aplicada/industrial /
[ARTE/IND]
Arte aplicada aos produtos industriais coa finalidade de embelecer obxectos de uso común: mobles, ourivería, cerámica, armas, etc.
-
arte decorativa
[ARTE/ARQUIT]
Arte aplicada que engade elementos ornamentais a unha estrutura arquitectónica.
-
arte dramática
[ESPECT]
Arte de interpretar o teatro.
-
artes figurativas
[ARTE]
Antigamente denominadas “artes plásticas”, as artes figurativas representan a realidade en contraposición á arte abstracta.
-
arte infantil
[ARTE]
Representación plástica feita polos nenos como consecuencia dunha necesidade innata de expresar o seu mundo en imaxes. O neno plasma nos seus debuxos as cousas importantes para el, o que fai posible interpretar as súas preferencias. A arte infantil non pode ser calibrada pola perfección, senón pola riqueza expresiva. De aí a importancia de estimular o poder de invención do neno, sobre todo, a partir dos 9 ou 10 anos, cando coa aparición do espírito crítico esta calidade diminúe. No s XVIII Rousseau iniciou o camiño do ensino da arte como elemento importante da formación da personalidade humana; Pestalozzi, Fröbel, Montessori, Decroly e Freinet seguiron este camiño, pero foron Dewey e Holmes os que máis falaron da expresión estética na escola. A Escola Nova consideraba que a arte era vital na educación do neno.
-
arte pola arte
[ARTE]
Actitude que defende, fronte aos diferentes tipos de compromiso ou alienación, a validez da finalidade da arte por si mesma. Se ben un precedente inmediato pode encontrarse no credo estético da revista romántica Le Globe (1824), esta actitude enunciouna, por primeira vez, Théophile Gautier en 1835.
-
arte popular
[ARTE]
Arte realizada polo e para o pobo, xeralmente dun xeito anónimo, con finalidade decorativa e materiais simples de escaso valor material. Corresponde a un pobo e a unha delimitación xeográfica, pero non a un período histórico; non ten épocas e unha das súas características propias é a continuidade de formas, cores, temas e procedementos. Non se identifica a persoa do autor, pero pode clasificarse en escolas ou grupos locais. En Europa a diferenza entre arte popular e arte culta remóntase ao Renacemento, cando aparece o coleccionismo e o culto á personalidade do artista. A máxima separación entre arte oficial e arte popular dáse no s XVIII. Dende entón conviven unha arte popular de base tradicional e unha arte popular produto da corrupción da arte oficial. O Romanticismo, coa súa valoración da Idade Media, reivindicou a arte popular e os procedementos artesáns, estudiou seriamente o folclore e propugnou a renovación dos oficios artesanais.
-
arte psicopatolóxica
[MED]
Manifestación artística do enfermo mental. A arte psicopatolóxica é unha axuda para a comprensión do seu estado, se se considera dentro do contexto clínico e encadrada na personalidade mórbida do individuo. Os estudios dirixidos cara ás artes plásticas sistematizáronse segundo os cadros clínicos. Nos esquizofrénicos destacan a gran riqueza simbólica e a tendencia á estilización e á asimetría. Os maníacos comprácense en usar papeis con cores moi vivas onde proxectan as ideas megalomaníacas ou o seu erotismo excitado. Nos epilépticos predomina o mundo sensorial con tendencia a pintar escenas violentas. Os dementes fan garabatos absurdos e toscos. Aínda que a temática e a produción dos oligofrénicos son extremadamente puerís, a súa expresión contrasta cos outros medios de comunicación. Aproveitando as relacións da arte coa psicoloxía e a psiquiatría creáronse tests baseados no debuxo. A arte psicopatolóxica deu lugar a estudios sobre a presunta patografía de artistas. O máis investigado de todos é, sen dúbida, Van Gogh. A arte tamén se usa con finalidades terapéuticas.
-
arte sacra
[RELIX]
Arte relixiosa.
-
arte suntuaria
[ARTE]
Arte decorativa que emprega materiais luxosos.
-
artes/industrias gráficas
[GRÁF]
Denominación xenérica aplicada ao conxunto dos métodos e procedementos que interveñen na consecución dun impreso.
-
artes liberais
[PEDAG]
As sete disciplinas en que Marcial Capela (s V) dividiu os coñecementos humanos e que correspondían ás ensinanzas dadas dende a Antigüidade nos dous ciclos do trivium (Gramática, Retórica e Dialéctica) e o quadrivium (Aritmética, Xeometría, Música e Astronomía). Na Idade Media as disciplinas variaron en número e contido; aínda que se engadiu a Filosofía, prescindiuse dalgunhas materias do quadrivium. No s XIII, cando se desenvolveron as primeiras universidades e se estruturou o ensino superior en toda Europa, o ensino das artes organizouse nunha Facultade de Artes (chamada tamén de Filosofía e Artes), considerada como Facultade Menor, paso obrigado para acceder ás Facultades Maiores (Dereito Civil e Canónico, Teoloxía ou Medicina). Ademais da Gramática, Dialéctica ou Lóxica e Filosofía, ensinábase, entre outras, Poesía e Retórica (orixe das Facultades de Humanidades) e, dende o Renacemento, Matemáticas (orixe das Facultades de Ciencias), Gramática Hebrea e Grega. O estudante recibía o grao de bacharel en artes e podía acceder aos de licenciado en artes (só en París) e mestre en artes, necesarios para ingresar nas Facultades Maiores. No s XIX queda definitivamente desprazado polo bacharelato e, na universidade, polos estudios de filosofía, letras e ciencias.
-
artes maiores
[ARTE]
Segundo a división tradicional da arte considéranse artes maiores, por oposición ás menores, a pintura, a escultura e a arquitectura.
-
artes menores
[ARTE]
Segundo a división tradicional da arte considéranse artes menores, por oposición ás maiores, a ourivería, a cerámica, a vidrería, a forxa, o esmaltado, a tapicería, a marquetería, a encadernación, o gravado, a ebanistería ou o mosaico, entre outras.
-
artes plásticas
[ARTE]
Artes que implican o modelado ou que representan obxectos sólidos; na actualidade, tan só a pintura e a escultura.
-
Belas Artes
[ARTE]
Tradicionalmente designa aquelas artes que teñen por obxecto a expresión da beleza mediante a cor, a forma, o son, a linguaxe ou o movemento (pintura, escultura, arquitectura, música, poesía, danza).
-
historiografía da arte
[HIST/ARTE]
As primeiras manifestacións artísticas apareceron nos albores da humanidade, cando as diferentes imaxes adoptan un sentido máxico ou simbólico e comeza a elaboración de útiles cun fin decorativo. As primeiras finalidades da pintura e da escultura radicaban no interese por representar as forzas descoñecidas que actuaban sobre a vida diaria; máis adiante expresaron ideas de carácter máxico e relixioso. A construción dos grandes edificios serviu para mostrar o poder e a riqueza das institucións que albergaban. O obxectivo destas dúas artes figurativas foi a representación das formas ideais reflectindo os modelos estéticos ideais. A Arquitectura ten fundamentalmente unha finalidade utilitaria. As achegas estéticas adoitan estar supeditadas aos problemas técnicos. Acostúmase estudiar a arte seguindo unha periodización cronolóxica atendendo aos diferentes estilos; así, fálase de arte grega, romana, románica, etc, non obstante o xeito de estudiar a arte foi variando ao longo do tempo. A historiografía da arte naceu nos ss XIX e XX, aínda que os primeiros escritos dedicados á arte aparecen xa na Antigüidade. Na Grecia do s V a C Platón e Aristóteles elaboraron unha teoría sobre a arte resaltando o seu valor estético. Da mesma época son os primeiros tratados técnicos como o Canon de Policleto. Nos s IV e III a C aparecen as primeiras biografías coa obra de Duris de Samos e os primeiros estudios histórico-artísticos con Xenócrates de Sicione. Unha verdadeira guía da arte grega é a obra de Pausanias, Periegesis. En Roma, os Dez libros de arquitectura de Vitrubio constitúen un compendio teórico e práctico da arte da Antigüidade clásica coas descricións e as valoracións persoais do autor. Os primeiros séculos da Idade Media caracterízanse pola escaseza de escritos, reducíndose a aspectos técnicos e representacións iconográficas. A finais do período medieval, no s XV, Cennino Cennini fixo unha síntese de datos no seu Libro de arte abrindo o camiño aos teóricos do Renacemento. Os artistas renacentistas elaboraron diferentes tratados técnicos: Leon Battista Alberti deu a coñecer as normas arquitectónicas en De re aedificatoria; Leonardo da Vinci revolucionou a arte da pintura co seu Tratado da pintura; Giorgio Vasari recuperou o xénero das biografías coa obra Vidas de artistas. En toda Europa seguíronse as directrices marcadas por Vasari, por exemplo na obra Vidas de pintores, escultores e arquitectos modernos de Belloni. En España no s XVI destaca o tratado de Diego de Sagredo Medidas do romano e, no s XVIII, Os diálogos da pintura de Francisco Pacheco. Ata o s XVIII os escritos sobre arte son obra de artistas, nace agora a figura do periodista e do crítico xunto cos estudios de carácter científico. Winkelmann formula unha evolución das formas artísticas na Historia da arte na antigüidade mentres que Lessing no Laooconte concede maior importancia á datación cronolóxica. A finais dese século Luigi Lanz fixo unha clasificación e un estudio das obras por escolas e xéneros na Historia pictórica de Italia. En España destacaron as diferentes obras de Antonio Palomino como Museo Pitórico. No s XIX multiplicáronse as interpretacións: Hegel considerou a arte como unha representación da idea; Taine na Filosofía da arte relaciona a obra artística co medio no que se desenvolve; Burckardt valorou máis os aspectos espirituais e considera a arte como historia da cultura na obra Cultura do renacemento en Italia. Marx e Engels supeditaron a creación artística ao factor económico mentres que Semper condicionou as formas ao material ou á técnica. No s XX aumentaron as teorías: a formalista, baseada no idealismo de Kant e na Escola de Viena, entendía a obra como un sistema de puras relacións de forma; Wolffin, na súa obra Conceptos fundamentais da historia da arte ideou unha serie de divisións nas que a arte pode expresarse na súa obra. Focillon seguiu esa tendencia na Vida das formas. A teoría iconolóxica explicou o contido das obras a través do signo; Panofsky en A perspectiva como forma simbólica e outras obras analizou a arte, sobre todo a pintura, tendo en conta a forma, o tema e o contido. Gombrich traballou na mesma liña no seu estudo Imaxes simbólicas. En España o impulsor desta teoría foi Santiago Sebastián. A teoría sociolóxica de Hauser, que constitúe o eixe central da súa Historia social da literatura e a arte, analiza o feito artístico como resultado dunha realidade social. Freud aplicou o método da psicanálise á arte: o artista deixa agromar o seu subconsciente nas súas obras. As tendencias máis recentes diríxense cara ao Formalismo, ás interpretacións psicolóxicas ou ás análises lingüísticas.
-
obra de arte
[ARTE]
Obxecto producido como resultado da aplicación dunha actividade artística. É resultado dunha serie de factores que afectan ao autor e á propia obra; ao artista aféctalle a creación, é dicir, a elección dos temas, a influencia das teorías estéticas da época e os seus propios sentimentos, a visualización desas ideas e a destreza manual e técnica. A obra de arte pode verse afectada pola realidade espacial que a circunda, polos condicionamentos intelectuais, políticos, económicos e sociais que a rodean e polos aspectos técnicos da época na que vai ser realizada. Un dos temas máis controvertidos é a división das obras de arte. Tradicionalmente co nome de Belas Artes designábase a Arquitectura, Pintura e Escultura. A división en maiores e menores atendeu á separación entre belo e útil. Así, a Arquitectura, Escultura e Pintura serían artes maiores mentres que a cerámica, ourivería, vidrería, etc artes menores. Non obstante , o cualificativo de “menor” non debe levar a confusión xa que, en determinadas épocas estas artes obtiveron a mesma importancia ca as maiores; o adxectivo “menor” pode ser aceptado en relación ao tamaño. A denominación de artes industriais non se pode aplicar á maioría destas manifestacións xa que implicaría a elaboración en serie ou con medios artesanais e o artista crea a súa obra segundo a súa inspiración. Por outra banda no s XX apareceron novos medios de manifestacións artísticas como o cine. Podemos falar de artes plásticas (Arquitectura, Escultura e Pintura); artes decorativas, dividíndoas entre as que están subordinadas á arquitectura (azulexos, vidreiras, mosaicos, etc) e as exentas (gravados, miniaturas, cerámicas, etc) e artes non plásticas (música, danza, cine, literatura e fotografía). As obras artísticas defínense polo estilo, sexa cal sexa o seu modo de expresión. A maioría dos estilos artísticos (Románico, Barroco, etc) definíronse a finais do s XVIII e durante o s XX. Aínda que os estilos teñen relación coa etapa histórica e cultural na que se desenvolven, pódense distinguir unha serie de fases: arcaica ou preclásica, época de iniciación, momento inicial de creación das características, que se denomina co prefixo proto- (ex: protogótico); clásica, época de madurez e apoxeo na que aparecen as distintas escolas nacionais; manierista, partindo do clasicismo o artista dálle un novo tratamento ás formas, estilizándoas ou transformándoas; barroca, valoración dos efectos, do movemento e do monumental. O ciclo remata cunha fase arcaizante na que se imitan as formas do pasado próximo ou cunha fase recorrente como reacción ante os excesos barrocos; co prefixo neo- desígnanse os diferentes estilos desta fase (ex: Neoclasicismo). O coleccionismo artístico comezou no mundo helenístico dando lugar á produción case industrial de copias das obras e ao inicio dun activo comercio. En Roma, en cambio, a obra tivo un carácter moito máis utilitario e servía para dar publicidade de batallas vitoriosas e feitos diversos. Na Idade Media unha serie de manufacturas, habitualmente monásticas, fóronse secularizando e comezaron a ser producidas en gran cantidade (por exemplo, os esmaltes de Limoges a finais do s XII). No Renacemento italiano o desexo de coleccionar esculturas clásicas fixo rexurdir a arte da falsificación; ao mesmo tempo, o prestixio dos novos artistas provocou a creación de grandes obradoiros. Xurdiron grandes coleccións, especialmente reais e aristocráticas, de obras de arte coetáneas, como a de Isabel I de Castela. Coa intensificación do coleccionismo no s XVII apareceron os comerciantes intermediarios entre artista e cliente. O refinamento do Rococó provocou a importación de exóticos obxectos artísticos chineses (chinoiseries), que tamén se imitaron en Europa. A raíz da Revolución francesa, os membros da burguesía convertéronse nos grandes coleccionistas do s XIX. París foi substituíndo gradualmente a Roma como centro económico da arte e o antigo comerciante deu orixe á figura do marchante. A obra de arte orixinal entra, a partir dese momento, nunha engrenaxe complicada de intereses económicos non sempre relacionados coa calidade. Por outra banda o valor monetario mitificou o valor de determinadas obras. É o momento en que aparece o mercado coa significación moderna; o marchante, o principal impulsor da obra dun artista, organiza exposicións, busca financiamento para a súa galería e impulsa as novas tendencias artísticas do s XX. Hoxe en día o mercado da arte vai máis alá das poxas ou das galerías; a publicidade, as novas formas de comunicación, as bienais ou as feiras realizan o traballo de difusión dos artistas e das súas obras. Mentres que as pezas de arte antiga non sofren variacións nos seus prezos, as obras contemporáneas viven no campo da especulación; xunto ao valor artístico, as obras adoitan un valor de mercadoría.
-
sétima arte
[ARTE]
Arte cinematográfica, expresión introducida por Riciotto Canudo en 1914.
-
s
f
[ARTE]
-
s
f
[IND]
Gremio ou corporación profesional. Designaba, entre outros, os gremios de sedeiros, veludeiros ou veleiros. En Italia distinguíanse os arti maggiori (os máis ricos e prestixiosos) dos arti minori.
-
[INFORM]
-
arte dixital
Actividade que ten como finalidade a creación de obras estéticas a partir de aparellos e aplicacións informáticas e electrónicas.
-
arte lineal
Conxunto de debuxos, logotipos e imaxes que se realizan por medio de liñas definidas e bloques sólidos de cores.
-
arte virtual
Arte dixital deseñada para ser contemplada en todos os seus detalles exclusivamente coa intermediación de equipos e programas informáticos, por exemplo a través da Internet.
-
arte dixital
-
[PESCA]
-
s
f
Conxunto de redes que conforman un aparello. Nalgunhas zonas do litoral galego, tales como O Morrazo, identifican a arte como sinónimo de xábega, sen que o xenérico aparello sexa denominado de tal xeito.
-
arte de cerco
Calquera das artes de acoso de grandes dimensións empregadas para capturar grandes cantidades de peixe. As redes que integran as artes de cerco mantéñense, colgando por debaixo da liña de flotación, ao redor do banco de peixe. Algunhas artes de cerco, como a traíña ou a tarrafa, teñen unha serie de anelas ligadas á armadura dos chumbos polo ollo das cales pasa unha sirga, chamada ságula, que permite pechar a arte por debaixo, como se estreitase a boca dunha bolsa. As canizadas, os trasmallos, etc son artes de cerco para pescas moi concretas. O camión e a xábega representan a transición entre as artes de cerco propiamente ditas e as artes de arrastre.
-
artes de arrastre
Calquera das artes de acoso en forma de funil que, arrastradas polo fondo do mar, capturan todos os animais que encontran ao paso e os reteñen na parte final. As máis modernas artes de arrastre de fondo están constituídas por un gran funil e dúas pezas de rede, unha a cada lado, chamadas bandas, que se unen ao cable de arrastre mediante unha pequena barra traveseira chamada calón. A parte dianteira do funil ou gorxa está formada polas pezas da rede; despois vén a manga ou peza de tres, que é a parte máis estreita e onde se realiza unha certa succión e, finalmente, o cope. Por debaixo e por riba do funil hai unhas pezas especiais, chamadas fisgueta e fisga, respectivamente, que actúan como elementos de tracción. Todo o conxunto vai montado nas respectivas armaduras ou relingas con cortizas (relinga superior) e chumbos (relinga inferior). As artes de arrastre actuais proceden de formas primitivas diferentes, entre elas o gánguil ou rastro das costas mediterráneas, e o dredge inglés. Sen dúbida, a orixe destas artes de fondo está na arte de praia, de grandes dimensións. A arte traballa preto da costa. Unha banda está unida mediante unha corda á praia e a arte cálase en semicírculo por unha barca, ata que outra corda une a outra banda tamén coa praia. Levántase á man mediante cordas de esparto de 1.000 a 3.000 m de lonxitude. A arte de praia, moitas veces chamada só arte, se ben pouco, aínda se emprega na actualidade. Formas particulares desta son a agullera e a sonsotera. Da arte de praia derivan, tamén, o beam trowl inglés e a arte de varas. Máis adiante e durante moito tempo, para manter aberta a boca das artes de arrastre, utilizáronse dúas embarcacións traballando paralelamente, a parella. Actualmente, mantéñense as bandas separadas mediante unhas pezas chamadas portas que, unidas unha a cada banda, actúan como as estelas e permiten que un só barco faga a mesma faena ca a parella. Esta última forma sufriu moitas adaptacións e deu lugar ao bou catalán, ao charlestón, á rateira, á baca, á Vigneron-Dahl, etc. As artes de arrastre permiten capturar grandes cantidades de peixe e resulta perigoso o abuso delas se se quere evitar o esgotamento dunha zona.
-
s
f
-
[PESCA]
-
s
f
Nome que se aplica a diversos aparellos de pesca constituídos por redes provistas dun cope, por exemplo a arte de praia ou o bou catalán (artes de arrastre) e, en xeral, a todos os aparellos constituídos por redes. Polo tipo de técnica que desenvolve cada unha destas artes, pódense distinguir tres modelos diferentes. As artes de captura pasiva actúan capturando o peixe que atopa de xeito accidental; entre outras, cómpre salientar os sardiñais, os trasmallos e outras artes comunmente chamadas redes (artes de fondo e artes de deriva). Outra modalidade é a constituída polas artes de trampa, tales como as nasas, que representan unha trampa de entrada fácil e saída practicamente imposible; son salientables, entre outras, as almadrabas e as morunas. Os restantes aparellos agrúpanse en artes de acoso, que perseguen ou acurralan o peixe ata a atrapalo; son, respectivamente, as diversas artes de arrastre e as artes de cerco.
-
arte brava
Aparello propio do marisqueo que se realiza á pé; fundamentalmente nas zonas de praia e sen a necesidade de empregar unha embarcación. Este aparello consiste en: dous mangos de madeira en forma cilíndrica cunhas medidas variables (entre 75 centímetros e 1´25 metros); entre os mangos, e cunha lonxitude aproximada de 1 metro, vai un pano de rede (ou cope), realizado en malla moi pecha (0´5 centímetros); na parte inferior desta rede van colocadas unhas pezas de chumbo coa intención de que a rede non aboie e a pesca escape por debaixo. O xeito de traballar coa arte brava é o seguinte: cóllese polos mangos e, completamente estendida, arrástrase polos fondos de praia; se o que se pretende capturar son camaróns, o arrastre farase entre as pedras e as algas, e se o que se procura é anguía, faise necesario traballar entre dúas persoas: un levanta as pedras debaixo das que se agochan e a outra suxeita o aparello por diante. Coa arte brava captúranse toda clase de mariscos.
-
arte de deriva
Calquera das artes de acoso formadas por redes, xeralmente rectangulares, que se desprazan de xeito incontrolado por alta mar seguindo as correntes.
-
arte de fondo
Calquera das artes de captura pasiva formadas por redes xeralmente rectangulares que se calan de maneira que a armadura dos chumbos quede a rentes do fondo.
-
arte de luz
Aparello de pesca que recibe o seu nome por empregarse cando rompe a mañá ou ben na pesca que se realiza durante o día.
-
s
f
-
arte común
[LIT]
Composición poética formada por unha serie de estrofas nas que non se repiten as mesmas rimas consonantes, senón que cada unha de elas presenta unha diferente.
-
arte final
[COMUN]
Orixinal publicitario elaborado con textos e imaxes cos que se inicia o proceso de reprodución gráfica do anuncio. O orixinal pode compoñerse sobre un soporte de cartón, coas filmacións correspondentes, ou ben en disquete.
-
arte militar
[BÉL]
Aplicación práctica dunha serie de coñecementos (políticos, militares, económicos, técnicos, etc) á hora de previr, formular e desenvolver a defensa dun estado contra posibles adversarios. Desde o punto de vista estritamente militar divídese nas seguintes ramas: estratexia, organización, táctica e loxística.
-
arte poética
[LIT]
Obra didáctica na que se definen as principais características da creación poética e se expoñen as regras que deben ser observadas na composición da obra poética.
-
arte real
[LIT]
Expresión coa que se designa, na tradición castelá, unha serie de combinacións estróficas integradas por versos octosílabos que riman en consonante e están divididas en dúas semiestrofas. Así se producen gran cantidade de formas poéticas como a copla real, a copla castelá, a estrofa manriqueña, etc. A arte real adquire a súa maior vixencia nos séculos XV e XVI.
-
artes e oficios
[OFIC]
Conxunto de regras teóricas e de técnicas manuais necesarias para os oficios mecánicos.
-
artes escénicas
[ESPECT]
Aquelas que designan as manifestacións espectaculares que xeralmente teñen na escena o seu marco de realización e, nos teatros, o espazo básico de recepción; isto é, as expresións artísticas que constitúen a ópera, a danza, o ballet, a zarzuela e o teatro, e que algúns autores denominan “artes da interpretación” ou “artes da representación”. Neste último ámbito tamén se ten situado o cine, a pintura, a escultura ou a arquitectura mais, a diferencia delas, as artes do espectáculo teñen como trazo diferencial o feito de que a realidade representada se renova e cobra vida en cada función. Noutras ocasións, as “artes escénicas” fan referencia a unha serie de áreas de creación e expresión artística orientadas á realización e produción de espectáculos teatrais en toda a súa pluralidade fenomenolóxica; serían a dramaturxia, a dirección de escena, a escenografía ou a interpretación que, ademais de constituíren manifestacións artísticas e prácticas profesionais, tamén poden dar lugar a materias académicas das que se poden derivar diversas disciplinas, tal e como acontece nas Escolas Superiores de Arte Dramática. Configúranse, así, tres grandes ámbitos de estudo conformados polas artes escénicas, os estudios teatrais e os oficios teatrais, que dan lugar a prácticas artísticas e a materias e disciplinas que se ocupan do seu estudio, descrición, sistematización, docencia e investigación. A miúdo equivale a artes do espectáculo.
-
artes marciais
[DEP]
Nome xenérico dunha serie de técnicas de loita, integradas nunha concepción do mundo (cosmogonía) específica, orixinarias de Extremo Oriente e incorporadas a Occidente como deporte. Estas técnicas que se fundamentan no dominio do corpo e da mente son, entre outras, as seguintes: aikido, jiu-jitsu, judo, kárate, kendo, kick boxing, kung fu e taekwondo. Algunhas destas disciplinas, como o judo ou o taekwondo, están incluídas no programa dos Xogos Olímpicos de Verán.
Frases feitas
-
Na arte do demo. Facer algo ás présas.
-
Por arte de maxia. Sen que se saiba cómo, de forma imprevisible.
-
Non ter arte nin parte. Non ter ningún interese nin participación nunha cousa.
Refráns
- Ás artes non te mates.
- Bacharel en artes, burro en todas partes.
- O que ten arte vai por todas partes.