artrite
(< artr(o)
Inflamación articular. Maniféstase pola dor, inchazón, arrubiamento, aumento da temperatura da pel, derrame intraarticular e transtorno das funcións dunha articulación. Nalgunhas artrites, sobre todo de longa duración, poden producirse lesións nas estruturas articulares coas conseguintes deformacións, actitudes viciosas e limitación da mobilidade que, en casos extremos, pode quedar totalmente anulada (anquilose). A artrite pode afectar a unha soa articulación (monoartrite) ou a varias (poliartrite). A artrite está motivada fundamentalmente por enfermidades reumáticas, por infeccións articulares ou por transtornos metabólicos. No primeiro caso, os tres tipos máis frecuentes de reumatismo capaces de provocar artrite son o reumatismo poliarticular agudo, a artrite reumatoide ou poliartrite crónica progresiva e a espondilartrite anquilosante, tamén de curso crónico. No segundo caso, as infeccións articulares máis frecuentes son as provocadas polo bacilo de Koch (artrite tuberculosa), as provocadas por estafilococos, estreptococos, ou gonococos (artrites supuradas agudas) e as provocadas polas brucelas (artrites da febre de Malta). No terceiro caso, o máis importante é a artrite gotosa ( gota), provocada pola precipitación de ácido úrico.