Ascaso Budría, Francisco
Anarquista. Desde 1916 traballou activamente nos sindicatos anarcosindicalistas. Foi prendido baixo a acusación de atentar contra o redactor xefe do periódico El Heraldo de Aragón, contrario ás reivindicacións obreiras. Trasladouse a Barcelona e con Durruti, G. Oliver e outros constituíu o grupo Los Solidarios (1922). Tiñan como misión a loita terrorista contra a patronal, a policía e os sindicatos libres. Ao ano seguinte participou no asasinato do cardeal Soldevila, feito que provocou a súa detención e a posterior fuxida a Francia. En 1924 xunto con Durruti percorreu diversos países americanos onde realizaron diversas expropiacións para acadar fondos para a organización anarquista. Participaron no intento de asasinato de Afonso XIII en París e contribuíron á publicación da Encyclopédie anarchiste (Enciclopedia anarquista) de Sebastián Faure. Foi un dos fundadores da Federación Anarquista Ibérica (FAI) en 1927 e defendeu o putsch (sublevación) como medio de chegar á revolución social. Despois da proclamación da Segunda República, en 1931, dirixiu diversos sindicatos e foi secretario do Comité de Catalunya da Confederación Nacional del Trabajo (CNT). Participou na insurrección anarquista do Alt Llobregat (1932) e foi deportado a Bata. En València estivo preso ata a vitoria electoral da Fronte Popular en febreiro de 1936. Volveu a Barcelona e cando se produciu o alzamento do 18 de xullo de 1936 morreu nun intento de reducir os militares insurrectos.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Almudévar -
Deceso
Lugar : Barcelona