Asemblea de Parlamentarios

Asemblea de Parlamentarios

Nome que reciben diversas reunións extraoficiais de deputados e senadores que tiveron lugar en Barcelona e Madrid entre xullo e outubro de 1917. Foi unha resposta á crise producida pola fin da Primeira Guerra Mundial, o aumento da desocupación, o triunfo da Revolución Rusa, o descontento das forzas armadas ante a arbitrariedade que dominaba no funcionamento interno e que deu lugar ás xuntas militares de defensa, e a presión, dos nacionalistas cataláns, dos republicanos e dalgúns monárquicos para romper o sistema de quendas no poder e acadar reformas políticas, económicas e sociais. O encarceramento dos dirixentes das xuntas militares fixo caer o goberno de García Prieto (10 de xuño). O poder pasou a mans do conservador Dato, quen, faltándolle a maioría, pechou as Cortes, suspendeu as garantías constitucionais e instaurou a censura de prensa. Baixo a iniciativa da Lliga Rexionalista, o 5 de xullo celebrouse en Barcelona unha asemblea de senadores e deputados de Catalunya á que asistiron os nacionalistas cataláns, os republicanos liberais e algúns conservadores. Baixo a Presidencia de Ramón d’Abadal (Lliga), Giner de los Ríos (radical) e o marqués de Marianao (liberal autonomista), reclamouse a autonomía para Catalunya e para todo o estado español, e a reunión dunhas cortes constituíntes que deliberasen sobre a constitución do estado, a autonomía e o problema militar e económico. O goberno non accedeu e decidiu convocar a todos os parlamentarios españois a unha asemblea extraoficial. Dato non atendeu as peticións e tomou medidas ante os que non acudiron á reunión. O 19 de xullo, día da convocatoria, fixo ocupar Barcelona polo exército. Pese a iso, 68 parlamentarios de todas as tendencias constituíronse en asemblea en Barcelona presididos por Ramon d’Adabal. A proposta de Melquíades Álvarez, Cambó, Giner de los Ríos, Pablo Iglesias, Lerroux, Rodés, Roig i Bergadá e Zulueta, de convocar unhas cortes constituíntes que emprendesen a reforma do país, foi aprobada por unanimidade. Formáronse tres comisións para tratar respectivamente, a reforma constitucional do estado, o ensino e a xustiza, e os problemas económicos e sociais. A garda civil interrompeu a reunión e dispersou os parlamentarios. A tensión aumentou no mes de agosto e estalou unha folga xeral revolucionaria reprimida con violencia polo exército. O goberno denunciou como responsables aos dirixentes da asemblea, entre os que se atopaba Cambó: de feito os contactos que Cambó demandara á Confederación Nacional del Trabajo (CNT) foron rexeitados pola organización obreira. A Lliga pola súa banda, acusou ao goberno de ter organizado a folga para provocar o fracaso da asemblea. Os parlamentarios reuníronse en Madrid (15-17 de outubro), primeiro no Congreso e despois no Ateneo, e aprobaron o programa dunha reforma total: separación de poderes, autonomía rexional e municipal, soberanía do estado, reforma democrática do exército, etc). Dato demitiu e Cambó, despois de entrevistarse con Afonso XII e dado que o movemento desbordaba os propósitos iniciais da Lliga, aceptou que esta participara nun goberno chamado de ‘concentración nacional’ presidido por García Prieto e formado por conservadores e liberais. Ventosa i Calvell foi nomeado ministro de Finanzas, e Felipe Rodés, de Instrución Pública (30 de outubro). Así, este movemento finalizárono os mesmos iniciadores, que aceptaron a colaboración co mesmo poder que combateran.