Asemblea Federal de Lugo

Asemblea Federal de Lugo

Xuntanza celebrada o 15 de xullo de 1843 en Lugo polos representantes das diferentes Xuntas provinciais constituídas tralos pronunciamentos que teñen lugar ese mesmo ano (A Coruña: 18 de xuño; Lugo: 19 de xuño; Vigo e Ourense: 21 de xuño), onde quedou constituída a Xunta Central de Galicia. No escrito publicado o 16 de xullo expuxéronse as resolucións adoptadas: fidelidade ao rexente Espartero, necesidade de constituír unha Xunta Central de España que represente ás diferentes Xuntas provinciais, convocatoria de Cortes Constituíntes e organización dun poder central en Galicia que asumise todos os poderes. Como último obxectivo sinalaban a salvación do país e da Raíña Isabel II. Reclamaba tamén a soberanía mentres o poder central non fose restaurado. O primeiro de agosto o ministerio de Gobernación só aceptaba unha xunta por provincia e suprimía as demais. En Lugo isto non se aceptou e, finalmente, o 15 de agosto, unha comunicación do ministerio instou á súa desaparición.