Asemblea Nacional-Popular Ga-lega
Organización suprapartidaria de coordinación de diversas frontes. O seu acto fundacional tivo lugar en Viana do Castelo (Portugal) en abril de 1975. En xaneiro de 1976 presentouse en Galicia nunha rolda de prensa. Autodefiníase como “plataforma apartidaria de forzas nacionais e populares”. En abril de 1976 difundiu o Chamamento e Declaración política no que expuña os seus principios: autodeterminación, autogoberno, anticolonialismo, democracia e protagonismo das forzas políticas propias. Integrou as Comisións Labregas, Comités de Axuda á Loita Labrega, Estudiantes Revolucionarios Galegos, Sindicato Obreiro Galego, Sindicato Galego dos Traballadores do Mar, Unión Galega de Artistas, Unión de Traballadores da Banca de Galicia, Unión de Traballadores do Ensino de Galicia, Unión de Traballadores da Sanidade Galega e outros colectivos e persoas de moi diversa adscrición ideolóxica, dentro dunha común militancia galeguista. A Asemblea Nacional-Popular Galega adoptou como símbolo a bandeira galega, engadindo no seu centro unha estrela vermella de cinco cabos. A AN-PG editaría un boletín mensual. A organización artellábase a través de asembleas locais. Controlada e dirixida pola Unión do Pobo Galego (UPG), en abril de 1976 sufriu a escisión dalgúns sectores, principalmente da órbita do Partido Socialista Galego (PSG), que reclamaban maior pluralismo e que formaron a Asamblea Popular Galega. En abril de 1977 a AN-PG constituíu xunto coa UPG o Bloque Nacional-Popular Galego, formación coa que concorrería ás eleccións. O periplo vital da AN-PG rematou en 1982, dando paso a unha nova fomación, o Bloque Nacionalista Galego (BNG).