Asensio Barbarin, Eugenio
Profesor e investigador da literatura portuguesa e hispánica. Doutourouse na Universidad de Madrid en 1928 cunha tese sobre Francisco de Quevedo. Ampliou os seus estudios nas universidades da Sorbona e de Berlín e acudiu como profesor convidado a diversas universidades de Europa e EE UU (Cambridge e Lisboa). Foi académico honorario da Real Academia Española e en 1991 recibiu o Premio Príncipe de Viana. Os seus estudios literarios centráronse particularmente na época do Humanismo, na literatura do s XVII e na poesía medieval. Estreouse cun ensaio anovador sobre o Erasmismo que obrigou a reconsiderar a tese de Marcel Bataillon Erasmo y España. Non tivo menos repercusión no eido doutrinal o seu libro La España imaginada de Américo Castro. Entre as publicacións dedicadas á literatura portuguesa destaca a súa obra Estudios portugueses e a edición da Comédia Eufrosina de Jorge Ferreira de Vasconcellos. Ademais, abriu novos camiños no coñecemento de Gil Vicente, Camões, Bernardim Ribeiro e Sá de Miranda, entre outros moitos clásicos das letras lusas. Dentro da literatura hispánica, que situou nun contexto occidental e europeo, publicou Itinerario del entremés (desde Lope de Rueda a Quiñones de Benavente) e Poética y realidad en el cancionero peninsular de la Edad Media. Así mesmo, a súa lectura dos cancioneiros galego-portugueses medievais foi decisiva para o descubrimento dos procedementos do paralelismo e dos contidos ancestrais e autóctonos da cantiga.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Murieta, Navarra -
Deceso