Asia Menor
Nome co que se coñece tamén a península de Anatolia, especialmente na historiografía da Antigüidade clásica. O poboamento da Asia Menor comezou no Paleolítico superior e medio. Do Paleolítico superior só son coñecidos xacementos de facies auriñacenses. Atopáronse mostras de arte rupestre do tipo do Paleolítico superior, con gravados e pinturas, na rexión de Anatolia. O Mesolítico foi bastante parecido ao do resto de Oriente. Asia Menor adquiriu unha grande importancia cultural a partir do Neolítico, do que se coñece un xacemento clave, Çatal Hüyük, cidade na que se desenvolveu dende o 6500 ao 5650 a C o Neolítico cerámico. Tamén se atoparon restos dun Neolítico precerámico en Hacilar, xacemento datado arredor do 7000 a C, onde tamén se deu un Neolítico recente que dá paso ao Calcolítico ata o 5000 a C. Este Calcolítico semella ser o máis antigo de todo o Oriente, xa que Asia Menor é a única zona rica en metais; o xacemento máis coñecido é Mersin e tamén os niveis inferiores de Beycesultan. A vida baseábase na agricultura, a caza e a pesca, xunto cunha actividade comercial baseada nas primeiras materias. Dende o III milenio comezou a Idade do Bronce co desenvolvemento dunha serie de provincias culturais: a noroccidental en Troia e a necrópole de Yortana como lugares característicos; a do centro, establecida na gran conca do río Halis; a suroccidental, que ocupaba a zona das fontes do río Meandro, e a da chaira de Konya. Os diversos conxuntos de habitantes tiñan unha vida cultural moi semellante: vida sedentaria con agricultura e gandería. Os traballos feitos na necrópole de Alaca Hüyük amosaron riquezas de ouro. Neste momento Asia Menor tiña fortes paralelismos culturais co mundo exeo. De feito, en Beycesultan, atopáronse construcións que se tenden a considerar precedentes do megaron prehelénico, e tamén en Troia II. Contra a fin do III milenio a C, a península de Asia Menor sufriu unha primeira invasión indoeuropea que levou aos lubios ao SO, e aos hititas ao altiplano central. Durante o segundo milenio a presenza asiria na parte S do país manifestouse coa fundación de mercados e colonias de comercio; a máis coñecida é o kārum de Kanis ou Kültepe. No s XII a C unha nova invasión indoeuropea puxo fin ao Imperio Hitita e principiou coa Guerra de Troia axudados polos micénicos: os ahhijawa e os daniuna dos textos hititas, que se están tentando identificar cos aqueos e os danaos homéricos. De feito, durante a época micénica, os habitantes de Grecia estableceron emporios e colonias na costa de Asia Menor. Esta nova invasión, que cambiou completamente o mapa político de Asia Menor, trouxo tamén o ferro, e con el unha nova etapa cultural. Cos recén chegados, o pobo frixio instalouse no vello territorio hitita. Entre os ss VIII e VII a C estableceuse o Reino de Urartu (o Ararat bíblico) na parte oriental da península, á beira do lago Van, moi coñecido polos seus produtos metalúrxicos. Entrementres, a costa occidental estaba xa poboada de establecementos gregos, repartidos en tres provincias de N a S: Eolia, Xonia, Doria, herdeiros da vella civilización micénica. As súas relacións con Frixia achegáronlle ao mundo grego innovacións orientais. Frixia caía en mans dos cimerios na fin do s VIII a C e, posteriormente, quedaba sometida ao novo Reino de Lidia, ao levante da Xonia, que sempre impresionou aos gregos polas súas riquezas. Nestes momentos Oriente ve o crecemento poderoso de Persia, que vencía aos babilonios e aos asirios e apoderábase do sur de Asia Menor no 334 a C e incorporábaa ao dominio macedonio, aumentando a presión sobre os libios e as cidades gregas da costa. No ano 500 a C estas cidades alzáronse nunha revolta que deu lugar ás Guerras Médicas, pero a forza de Persia sobre a península continuou indestrutible, a pesar de ser vencidos polos gregos, pois, dous séculos máis tarde, durante a hexemonía de Esparta e Tebas, foi quen gobernou, na sombra, os asuntos dos gregos axudando a uns ou a outros. A Paz de Antálcides (ou do Rei) deixou a Persia todas as cidades da Xonia, e non foi ata a hexemonía de Alexandre cando foron recuperadas. Alexandre pasou a Asia Menor no 334 a C e incorporouna ao dominio macedonio. Á súa morte, Frixia e Lidia corresponderon a Antígono, o cíclope ou o torto vencido por Lisímaco en Ipsos (301 a C), quen conseguiu así Tracia e Asia Menor, que foron ocupadas por Seleuco de Siria no ano 281 a C despois da vitoria de Cluropedion. Unida Asia Menor ao imperio seléucida, comezou o desmembramento: no 280 a C coa formación do Reino da Ponte, na costa do Mar Negro, e no 279 a C coa fundación do Reino de Bitinia. No 263 a C constituíuse o Reino de Pérgamo na costa occidental. Os tres reinos viviron durante o s II un apoxeo económico extraordinario, sobre todo Pérgamo. O resto da península continuou baixo o poder seléucida ata o 190 a C, cando Antíoco III foi vencido polos romanos na Batalla de Magnesia e perdeu, pola Paz de Apamea (188 a C), Asia Menor. O país foi romanizado progresivamente: o Reino de Pérgamo, cedido a Roma polo seu derradeiro Rei Atalo III o 133 a C converteuse máis tarde na provincia romana de Asia; o 74 a C, Nicomedes, Rei de Bitinia legou o seu Reino ao Senado romano. Finalmente, a destrución do imperio seléucida por Pompeio o Grande no 64 a C entregou a Roma, como provincias, a Ponte e Cilicia e como reinos clientes Armenia, Capadocia, Galacia e Colquida. Dende entón o dominio romano sobre Asia Menor foi efectivo, agás as loitas cos partos polo protectorado do Reino de Armenia, cobizado polos dous imperios, e que tiveron unha primeira solución cunha paz diplomática establecida por Nerón o 63 d C. O 116 Traxano conquistou o reino e fíxoo provincia romana, mais Adriano renunciou a el con tal de conseguir a paz entre ambas as partes. A retirada romana do estremo oriental de Anatolia comezou cos sucesores de Constantino; Xoviano perdeu definitivamente Armenia. A península quedou baixo o dominio bizantino, formando parte do imperio de Oriente, despois da división de Teodosio. Asia Menor, co nome de Anatolia seguiu as vicisitudes do Imperio Bizantino e foi escenario dalgúns dos episodios fundamentais da súa historia. Como terra de fronteira co Próximo Oriente desencadeáronse loitas cos persas, cos árabes e sobre todo co poder turco seléucida durante os ss XI e XII. A penetración dos turcos, xunto a outros movementos como o dos armenios ou dos kurdos e, sobre todo, o desenvolvemento do Imperio Otomano a partir do s XIV, alteraron profundamente o carácter étnico e cultural de Asia Menor, que culminou coas matanzas de armenios (ss XIX-XX) e coa expulsión da poboación grega do litoral mediterráneo e do Mar Negro (década de 1920), na turquización practicamente total da península.