Asia
É o maior dos continentes (45.077.999 km2; 3.611.658.000 h [estim 1998]). Non hai, en rigor xeográfico, transición con Europa, (fálase dun Gran Continente Boreal ou da Eurasia), pero considérase como fronteira convencional a marcada polos montes Urais, o Mar Caspio e os estreitos do Bósforo e dos Dardanelos. Está separada de América do Norte polo estreito de Bering e do resto de América polo Océano Pacífico; o Océano Índico, o Mar Vermello e o istmo de Suez sepárana de África. Deste xeito, os seus extremos (excluíndo as súas illas e arquipélagos) pódense situar nos 26° 10’ de lonxitude L (no cabo Baba, en Turquía), pola parte occidental, e 164° de lonxitude O (no cabo Dežnev, en Siberia) pola parte oriental, e entre 77° 41’ N (cabo Čel’Uskin, en Siberia) e 1° 16’ de latitude N (no cabo Buru, na península de Malaca).
Xeografía física
Xeoloxía e relevo
Asia é o continente de maior extensión e, ao mesmo tempo, o de maior altitude media (aproximadamente 960 m). Desde un punto de vista morfoestrutural, está formado pola unión de elementos distintos: un conxunto de vellas rochas precámbricas, separadas por mar e profundos xeosinclinais que foron medrando ao longo dos tempos para formar unha única masa continental. Neste proceso, as tres pezas fundamentais foron os escudos precámbricos da Angara, de Arabia-Decán e chinés. O actual relevo do continente pódese definir como a unión de dous conxuntos de altiplanos, depresións e chairas exteriores, a cada un dos lados dun enorme eixe montañoso alpino de disposición xeralmente L-O. Ao N, a Asia setentrional presenta unhas altitudes moderadas e un relevo relativamente suave de chairas, depresións e altiplanos. O enlace entre a Asia setentrional e os relevos alpinos do S efectúase dun xeito bastante brusco ao longo dunha serie de concas endorreicas (depresión árabe-caspiana) situadas á beira dos contrafortes alpinos. Situadas ao S do eixe L-O formado polas serras alpinas, a Península Arábiga e a India deben ser consideradas, dende un punto de vista xeolóxico, máis como estruturas africanas ca asiáticas, por mor da súa procedencia gondwaniana. A Asia Oriental presenta unha estrutura complexa: o zócolo angarés elévase no seu límite meridional e forma as aliñacións dos montes Jablonoj, Stanovoj e Džugd-žur; máis ao S, a estrutura está constituída por unha serie de bloques ríxidos precámbricos cunha cuberta primaria (a máis importante é a moa de Ordos, unida por áreas pregadas hercinianas e secundarias, con extensas intrusións graníticas, que forman o sur da China e as penínsulas de Indochina e Malaia. O eixe alpino comeza ao O, a partir de Turquía, nunha aliñación única que se subdivide, na fronteira afgano-paquistaní, nunha liña meridional dinárica e nunha setentrional alpina entre as que quedan macizos intermedios (Turquía, Irán) e que se prolonga nos inmensos macizos do Himalaia, que alberga o cumio máis alto do planeta (Everest, 8.848 m).
Climatoloxía
O clima do continente asiático, caracterizado polos contrastes térmicos, está rexido por diferentes factores: a extensión en latitude, a estrutura maciza do bloque continental e a distancia das terras do interior ao océano. Xunto coa barreira montañosa L-O que atravesa o continente, estes factores determinan unha Asia interior árida e unha Asia oceánica chuviosa. Durante o inverno, as baixas temperaturas crean un centro de altas presións moi estable que se mantén sobre Siberia, que levanta ventos secos e fríos sobre as marxes do continente non protexidas polas barreiras montañosas. Outros núcleos de altas presións dominan Arabia e a India peninsular. Estes núcleos de altas presións favorecen a baixada de vento frío do N cara ao S que ocasiona invernos largos e rigorosos. No verán a situación invértese. Desenvólvense dous centros de baixas presións, unha máis forte sobre o Punxab e a outra sobre o deserto de Gobi que atraen ventos húmidos dende o mar e que depositan chuvias no S e no SL (monzón de verán). Sobre Siberia, unha área de baixas presións permite a entrada de depresións ciclónicas do Atlántico que penetran moito cara ao L e, na Asia oriental, a dirección do vento (dende o mar á terra) permite a penetración das masas de aire do Índico e do Pacífico cara ao deserto de Gobi. O efecto xeral destas distribucións é un quentamento de practicamente todo o continente, agás as marxes árticas e os altiplanos. No inverno, pola contra, todo o norte se enfría moito, mentres que o sur se mantén quente, especialmente en Indonesia. Deste xeito, entre os extremos térmicos determinados polo clima ecuatorial, de escasa oscilación, e o clima continental de grande oscilación, existe toda unha gama de réximes térmicos. Pódense establecer en Asia catro grandes rexións climáticas. A Asia ártica, que ocupa toda Siberia e ten unhas características continentais extremas que se van facendo máis acusadas do O ao L e do S ao N. A Asia árida, que abrangue dende Arabia a Mongolia, co límite N dos monzóns (20° O-50° L). Alén deste límite, as montañas impiden a penetración de ventos oceánicos. A Asia monzónica esténdese por toda a zona sur do continente, dende o Mar de Omán ao Mar da China. Na área entre o Ecuador e o Trópico de Cáncer, dende o Indo ao Xi Jiang, o réxime monzónico combínase co clima tropical, provocando temperaturas elevadas. Ao N do Qin Ling, a Asia monzónica toma contacto coa área de clima temperado, con invernos rigorosos a causa dos ventos do interior ártico e con veráns calorosos con precipitacións da orde dos 600 mm. Por último, a Asia mediterránea, que constitúe unha faixa no occidente da península de Anatolia, costa de Siria e Palestina, goza de clima morno con invernos moderados e veráns cálidos e cun réxime de precipitacións concentradas na estación invernal.
Hidrografía
As características dos ríos asiáticos responden a cada unha das unidades climáticas respectivas. Á rexión ártica correspóndelle un tipo de río de curso lento e regular e que ten a fonte nas montañas do interior do continente e unha orientación xeral S-N cara ao Océano Ártico. Destacan o Ienisei (cunha lonxitude de 4.750 km), o Obi-Irtyš (5.410 km) e o Lena (4.400 km); entre os lagos desta rexión destaca o Baikal, cunha superficie de 31.500 km2. A Asia interior é esencialmente unha rexión de concas endorreicas, e tanto o círculo montañoso como a escaseza das precipitacións impiden a formación de grandes ríos. Hai, sen embargo, grandes lagos ou mares interiores: o Mar Caspio (371.000 km2), o Mar de Aral (41.000 km2) ou o lago Balkhaš (18.200 km2). Na Asia monzónica, os ríos deixan as montañas alimentados pola foxa dos novos pero caracterízanse por unha crecida determinada polas chuvias do monzón de verán. Son ríos de curso irregular. Destacan o Iangtsé (Azul), o Mekong, o Huang He (Amarelo), o Ganxes e o Indo. Fóra dos ríos árticos e dos monzónicos só o Tigris e o Éufrates, situados na Asia interior, artellan unha conca fluvial de consideración.
Bioxeografía
A gran diversidade de rexións climáticas de Asia reflíctese na súa fauna e na súa flora. As especies animais e vexetais repártense nun núcleo holártico que ocupa toda a parte boreal do continente e noutro núcleo paleotropical que ocupa Asia meridional. O límite entre os dous dominios bioxeográficos é nidio, sobre todo, na cordilleira do Himalaia; pola contra, nos desertos que se estenden dende Arabia ao N da India e ao SL da China hai unha ampla zona de transición. O extremo N de Asia, de clima polar, é dominio da tundra ártica. Ao S da tundra, ocupando a maior parte de Siberia, esténdese a inmensa taiga, o bosque boreal de coníferas co que se mesturan cara ao Extremo Oriente numerosas especies caducifolias. A fauna compóñena, sobre todo, os animais herbíboros da tundra como o reno, roedores, insectos xilófagos e aves migradoras. Os carnívoros están representados, fundamentalmente, por cánidos como o lobo ou o raposo ártico e por diversos tipos de osos. A estepa, continuación da de Ucraína e do S de Rusia, esténdese ata Mongolia e Manchuria, entre a zona de caducifolias e a zona desértica e subdesértica da Asia Central; os prados de gramíneas foron desprazados en gran medida polos cultivos. Ao S da estepa, dende o Mar Caspio ata Mongolia esténdense ás chairas desérticas da Asia Central. A vexetación dominante é de tipo xerófila e prolóngase a través dos altiplanos do Tíbet cara ao extremo norte do Himalaia. A fauna das estepas e a dos desertos de Asia é relativamente semellante. Dominan os grandes herbívoros, como os equinos salvaxes, o camelo ou o iac, pequenos mamíferos escavadores, aves galiformes, réptiles e grandes insectos herbívoros como as lagostas. Ao L destas grandes rexións desérticas, o S da China, de Corea e de Xapón constitúen unha rexión de vexetación moi peculiar con bosques densos de pouca altura de tipo lauroide que marcan a transición entre a Asia holártica e a Asia tropical. A fauna tamén participa deste carácter de transición. Na Asia Occidental, os pisos inferiores do Cáucaso conservan un reduto de bosques do tipo lauroide, mentres que os pisos superiores son análogos aos das montañas alpinas de Europa. O litoral de Anatolia, Siria e N de Palestina ten un carácter mediterráneo seco cunha vexetación de bosque esclerófilo ou de maquis. Máis ao S aparece xa o deserto, prolongación do Sáhara (desertos de Arabia, S de Persia e Paquistán e NO da India). A Asia tropical é moi complexa. Na costa occidental da península indostánica atópase unha área extensa de selva ecuatorial chuviosa que se prolonga ata a illa de Sri Lanka; o resto da península repártese entre bosques monzónicos e sabanas que ao pé do Himalaia se converten en bosques húmidos subtropicais. A selva ecuatorial chuviosa reaparece na península de Indochina e nas illas de Insulindia, rexións que ocupa totalmente, agás as terras máis altas, nas que o bosque ten carácter subtropical, e algunhas áreas máis secas, ocupadas por sabana. A fauna da Asia intertropical é ben característica; onde hai selva ecuatorial atópanse, sobre todo, simios antropomorfos orientais, é dicir, o xibón e o orangután, o siamang, os lemúridos e o galeopiteco. As sabanas e os bosques máis claros teñen os grandes herbívoros e os grandes depredadores (elefantes, rinocerontes, tigres) e ofidios, como a cobra. Nos ríos atópanse crocodilos e cetáceos como os do xénero Platanista.
Xeografía económica e economía
Os recursos naturais e a economía
A economía asiática é moi heteroxénea, tanto nos tipos de sistemas económicos como no nivel de desenvolvemento. Na Alta Asia, os recursos económicos céntranse na minería e na explotación de novos campos petrolíferos. Na Asia do SO altérnanse economías de tipo agrícola (Mesopotamia, Anatolia, oasis interiores) e o pastoreo nómade (Irán, Arabia, Xordania). Tamén aquí o petróleo transformou a economía: as explotacións modificaron a paisaxe, creceron novas cidades e creáronse novas industrias á marxe das refinerías. Na Asia oriental a agricultura constitúe un recurso importante; os países da Asia do SL tiñan tradicionalmente unha economía baseada na agricultura dos deltas (arroz) ou de subsistencia no interior. Nos estados insulares practícase a agricultutra itinerante (ladang), o comercio, especialmente co SL do continente, e a pesca. Na Asia meridional, os principais produtos son o arroz e o millo. A industrialización aquí é moi feble e os principais centros metalúrxicos están situados na Bengala occidental, Bihar e Orissa e no estado de Maisuro. O Xapón, a antiga Asia soviética, Israel, Hong Kong, Singapur, Taiwán e Corea son as zonas máis desenvolvidas de Asia, aínda que non son as máis ricas. As rendas por habitante máis elevadas son as dos países exportadores de petróleo, entre os que destacan os árabes (Emiratos Árabes Unidos, Qatar, Kuwait ou Arabia Saudí) e Brunei. Gran parte do continente atópase en plena fase de desenvolvemento agrario, aínda inmerso nun estadio de subdesenvolvemento. A pesca é outra actividade importante, pero as técnicas empregadas son moi desiguais e moito máis sofisticadas nas antigas repúblicas soviéticas e no Xapón. A industria asiática ten un desenvolvemento moi recente. A carón de vellas actividades artesanais xurdiu unha nova industria, especialmente no antigo territorio soviético, no Xapón e posteriormente na China, na India, Corea do Sur, Taiwán, Hong Kong, Singapur, Vietnam, Indonesia, Malaisia, Paquistán, Turquía, Israel e Arabia Saudí. Xapón, China e os países da Asia do SL, conforman a rexión do mundo onde se rexistraron as maiores taxas de crecemento económico nas décadas de 1980 e 1990. Malia a grave crise de 1997, a potencia industrial dos países do leste e sueste asiático é quen de competir en condicións de superioridade nos mercados mundiais, destacando os sectores da confección, do automóbil e da electrónica. Gran parte da súa competitividade reside na redución de custos que se logra mercé á flexibilidade do inmenso mercado laboral do que dispoñen estes países, superpoboados e nos que os exiguos salarios e cotizacións sociais e fiscais repercuten nun prezo final dos produtos moi reducido. Gracias a estas vantaxes para as empresas, a rexión converteuse nun foco receptor de investimentos foráneos, de xeito que os capitais xaponeses e estadounidenses, principalmente, dominan a industria local. Polo que respecta á minería destaca a explotación petrolífera. O petróleo do Próximo Oriente está monopolizado polas grandes compañías occidentais, especialmente as estadounidenses. No SL destaca a produción petrolífera de Indonesia, Malaisia e Brunei; no L a da China e no S a da India.
Transportes e comunicacións
Cara á fin do s XIX predominaban en Asia as rutas de caravanas, que se complementaban co tránsito dos buques oceánicos. Na segunda metade do s XIX experimentouse un importante crecemento do transporte marítimo e no último cuarto do século o ferrocarril comezou a representar un papel máis importante, producíndose un considerable desenvolvemento dos transportes. A tracción animal, aínda que hoxe en día é importante, vai sendo reemprazada polo camión rapidamente, cun desenvolvemento simultáneo de camiños e de estradas en moitos países. As autoestradas son escasas. A navegación interna é importante nalgúns lugares. Entre os países que dispoñen dunha rede ben desenvolvida de comunicacións fluviais destacan Bangladesh, Myanmar, Tailandia, Laos, Vietnam, Camboxa e China. Como grandes portos fluviais merecen salientarse os de Calcuta, Rangún, Bangkok e Ho Chi Minh. Para o transporte de produtos petrolíferos produciuse un certo desenvolvemento de oleodutos e de barcos petroleiros, especialmente na Asia Occidental e no O e SO da Asia exsoviética. Actualmente o transporte aéreo é o máis rápido e o máis barato, e ten un papel particularmente importante en países totalmente interiores como Afganistán, Nepal e Laos, e na apertura de áreas relativamente inaccesibles.
Xeografía humana e sociedade
Poboación e poboamento
A poboación de Asia representaba en 1998 o 60,5% da poboación mundial. A súa distribución sobre o continente é moi irregular: case as tres cuartas partes se concentran na China, India, Indonesia e no Xapón, o que supón un 33% do territorio. A densidade media de Asia (62 h/km2) é moi pouco significativa, pois mentres algunhas rexións superan os 1.000 h/km2, noutras non vive ninguén. En conxunto, en Asia predomina a poboación rural, non obstante, o índice de urbanización aumenta continua e progresivamente, incremento que é máis rápido nos países industrializados (Israel co 90,6% ou Xapón co 77,6%) e nos produtores de petróleo (Bahrain co 90,3% ou os Emiratos Árabes Unidos co 84%), feito que provocou un forte éxodo rural cara aos centros industriais e mineiros. Asia presenta un forte crecemento demográfico: en menos de corenta anos (1950-1990), a poboación incrementouse un 126%, a causa da baixa mortalidade (pola erradicación de moitas enfermidades) e a elevada natalidade. Non obstante , obsérvase unha clara tendencia descendente en todos os países, en especial naqueles nos que comeza a ser efectivo o control da natalidade (China, Xapón ou Corea do Sur). Calcúlase que no ano 2000 o 30,1% da poboación terá menos de 15 anos.
Grupos humanos
O poboamento humano de Asia constitúese por representantes de todos os grupos humanos. Segundo a clasificación de Heim están presentes en Asia os seguintes grupos: dentro do grupo xantodermo sitúanse o grupo humano paleosiberiano ou urálico, o mongoloide (meridional, central e setentrional), malaio (protomalaio e deuteromalaio); no leucodermo, o surorientálido, o indo-afgano, o anatólido, o turánido ou turco-tártaro e o ainú; no australoide, a veda; e no melanodermo, o negrito das illas do Índico. Malia que moitos autores sitúan a orixe das razas humanas actuais no continente asiático, sobre todo os chineses, a humanidade chegou a Asia dende África hai 2,5 M a. As primeiras evidencias desta presenza atópanse en Yiron e Ubeidija (Israel), Riwat (Paquistán), Iuanmou e Zhoukodian (China) ou en diferentes puntos da illa de Xava. O primeiro grupo humano fósil presente en Asia é o Homo erectus (pitecántropo e sinántropo) que, segundo as últimas teorías, sería unha especie que se extinguiu en Asia sen descendencia; a teoría multirrexional defendida por Wolpoff propuña, sen embargo, que desta especie descenden todos os grupos humanos actuais que estaban adaptados ás condicións ecolóxicas das súas áreas de orixe. Así mesmo, todos os indicios sinalan a unha orixe de Homo sapiens neandertalensis no Mediterráneo asiático (xacemento de Monte Carmelo), que progresivamente iría penetrando en Europa polo norte do Mediterráneo. Todos os grupos humanos actuais presentes en Asia proceden da evolución de Homo sapiens sapiens no conxunto do continente. O grupo xantodermo ocupa a maior parte do continente asiático e constitúe a case totalidade da poboación de Asia que se sitúa por riba dunha hipotética liña Odesa-Calcuta. O grupo paleosiberiano ou urálico está espallado dende os Urais ata o estreito de Bering e presenta un interesante dimorfismo consistente na combinación de caracteres mongois e caucásicos. O túnxido dispersouse por Siberia central e oriental, Manchuria e as estepas e tundras de Mongolia. O sínido estendeuse entre o río Huang He e o Tíbet. A extensión dos xantodermos polo sueste asiático deu lugar a dous grupos ben diferenciados: o continental (Myanmar, Vietnam, Malaisia e o sur de China) e o insular (Indonesia e Filipinas). O grupo mediterráneo está representado en Asia polos surorientálidos, que se distribúen pola Península Arábiga e Mesopotamia, e o indo-afgano, que é unha prolongación cara a oriente do anterior, ocupa o val do Indo, o Ganxes, o Punxab e forma logo o núcleo do Paquistán, Afganistán e Irán. O grupo dinárico está representado en Asia polos anatólidos. O grupo turánido constitúe a fronteira oriental cos caucásicos europeos e esténdese ata o Altai ocupando a amplísima zona do Turquestán. O ainú atópase nas illas de Honshū, Sakhalin e Kuriles. Os vedas ocupan diferentes áreas da India e de Sri Lanka. Os negritos atópanse en Malaca, Filipinas, Andamán e outros lugares do SL de Asia.
Etnias e culturas
Etnograficamente, Asia pódese dividir nas seguintes áreas rexionais: Siberia, Asia central, Asia oriental (China, Corea e Xapón), Oriente Medio -vinculada a Exipto-, Himalaia, India e contorno, Asia do sueste continental e Insulindia. As 34 etnias autóctonas de Siberia pertencen a tres grandes conxuntos lingüísticos: urálico (finougrio e samoiedo), altaico (turco, mongol e manchú-tungú). As sociedades de cazadores, mesmo etnicamente diferentes, parécense entre si máis ca as sociedades pastorís emparentadas. As sociedades do bosque están organizadas en metades exógamas de filiación patrilinial; sen embargo, coa adopción da gandería o mundo verticalízase e xerarquízase. Aínda que coñecen a escritura rusa dende hai moito, as sociedades siberianas rexeitaron a notación escrita da súa tradición oral: contos e historias de caza para os pobos do bosque e mitos, epopeas e cantos chamánicos para as sociedades de gandeiros. Malia a hostilidade do medio da Asia central, onde alternan as estepas, as mesetas e os vales profundos, estes pobos formaron os chamados “imperios das estepas” e mantiveron contactos coas familias de pobos próximas. O grupo turcófono conta aproximadamente cunha poboación de 110 millóns de persoas, dos cales case a metade están en Turquía e o resto en Kazakhistán, Uzbequistán, Turkmenistán, Taxiquistán, Kirguizistán, Irán, Afganistán e China. A unidade deste grupo débese á lingua, ao Islam -marcado por un profundo sincretismo coas crenzas locais-, e á tradición mística (bectachismo e naxbendismo). A iurta é a base da vida doméstica. A base económica destas sociedades é pastoril, aínda que coñecen a agricultura. O sistema de parentesco é patrilineal, no que se establece unha oposición entre o pai (óso) e a nai (carne). A literatura popular destes pobos é de tradición oral, aínda que se fixou por escrito a partir do s VIII. O grupo minoritario, o mongol, está integrado por diferentes pobos: mongois de Mongolia e da China (3.750.000 h), buriatos (353.000 en 1979) do lago Baikal e calmucos (147.000 h) na beira dereita do Volga. A gandería nómade é un elemento constitutivo fundamental desta sociedade, onde o xinete nómade é o ideal a seguir. As visitas estivais manteñen o tecido social destes pobos que se organizan en unidades que se reducen a un feixe de familias; no inverno predomina a dispersión e o illamento. O sistema de parentesco é patrilineal; así mesmo, a vida nómade esixe a solidariedade entre os consanguíneos e certas formas de colaboración entre aliados veciños. O Imperio de Xenguis Khan baseouse neste sistema para introducir unha oposición xerárquica entre a aristocracia e a xente común. O fondo relixioso dos pobos mongois é chamánico, semellante ao dos siberianos. Durante o s XIII, baixo o Imperio adaptaron a escritura; sen embargo, a tradición chamánica permaneceu de forma oral ata o s XX, igual ca as epopeas populares. Un mito fundacional fai remontar as orixes de Corea a Tan’gun, que fusionou os pobos novos orixinarios do norte da península. Falan unha lingua aglutinante da familia uro-altaica que escriben cun alfabeto orixinal (ban’g ǔ l) creado en 1943. A forma de filiación é patrilineal e a residencia patrilocal para a maior parte dos fillos. O Chamanismo é o refuxio da tradición relixiosa nacional e un terzo das mulleres coreanas son chamáns. No Xapón cómpre distinguir entre a sociedade ainu e a nipona, de filiación patrilineal e con clases de idade; sen embargo, o impacto da sociedade moderna deturpou amplamente as estruturas sociais tradicionais. Na China existen 55 nacionalidades minoritarias (67 millóns de h) diferenciadas fronte ao grupo homoxéneo dos han. A sociedade han é patrilineal, patrilocal e patriarcal, e está formada principalmente por comunidades campesiñas enmarcadas pola administración imperial. A familia, preferentemente extensa, é a célula económica de base. Así mesmo, o culto aos antepasados é o motor de desenvolvemento tanto da familia como da liñaxe. A sociedade organízase en tres clases: o mandarinato, o pobo e os “desclasados” ou seres viles. A relación co mundo sobrenatural fundaméntase no animismo panteísta. As minorías non han comprenden os tungús, mongois e turcos, da familia altaica; o grupo miao-iao; as etnias montañesas tibeto-birmanas; e grupos austroasiáticos diversos. A diversidade do mundo indio, que engloba a India, Paquistán, Bangladesh e Sri Lanka, baséase nas diferentes familias lingüísticas que o integran (indoeuropea, dravidiana, tibetobirmana e austroasiática) e non debe ser considerado como o resultado de criterios de diferenciación social ou cultural, senón como produto dos conflitos provocados polos valores modernos. Só así se pode explicar a diferenciación entre o hindi e o urdu, a expresión de resistencias territoriais, relixiosas ou nacionalistas. O Sueste asiático continental presenta unha gran diversificación cultural. Os austronesios, probablemente orixinarios do litoral chinés fronte á illa de Formosa, abranguen un espazo insular que partindo de Taiwán chega a Madagascar no Índico e á illa de Pascua no Pacífico. A organización social variou entre as flotas de mariños nómades (os moquen do arquipélago Mergui) e a confederación de Estados malaios, o reino marítimo cham e as tribos vietnamitas (rade e khorai). A familia miao-iao presenta unha gran coherencia derivada da súa relixión, dominada polo Taoísmo, e da súa organización sociopolítica en liñaxes. A familia sinotibetana abrangue tanto aos han chineses, que tiveron un papel fundamental no sueste asiático, como aos tibetano-birmanos, amplamente dominantes nas zonas montañosas desta rexión. A sinización e a indianización, que introduciron nesta área a escritura (tanto a ideogramática como a silábica que orixinou máis dunha ducia de escrituras locais), modificaron as estruturas étnicas tradicionais ata o punto de facelas moi complicadas e de delimitación difusa. A expansión colonial occidental sería o terceiro elemento exterior que contribuíu a esta diversificación. O mundo insulindio, que abrangue un amplo territorio que parte de Luzón ata chegar a Xava e de Sumatra ás Molucas, é homoxéneo lingüisticamente (austronesio); sen embargo, as súas sociedades son o resultado dun longo proceso histórico que comeza na Prehistoria e no que ten moita importancia o contacto cos pobos do sueste asiático continental. A poboación de Oriente Medio (200 millóns de h) é culturalmente moi heteroxénea debido ás tres compoñentes principais: árabes (40%), iranios (30%) e turcos (25%), dos que só os dous primeiros son autóctonos. Non obstante , alén desa diversidade, existe unha certa unidade cultural que se basea na súa profundidade histórica e no poder integrador do Islam.
Linguas
As linguas faladas en Asia pertencen a familias moi diversas. Pódese establecer, sen embargo, unha posible clasificación. Primeiramente poderíanse situar as linguas indoeuropeas, en xeral da familia indoiránica. Fálanse ao S e ao SL do continente. Tamén pertencen á gran familia indoeuropea o armenio e o ruso, introducidos en Asia coa colonización moderna de Siberia. As linguas semíticas fálanse na península Arábiga e zonas adxacentes do Oriente Próximo. Outra familia importante das linguas asiáticas está formada polas uralo-altaicas, que inclúe a familia uraliana, a familia altaica (co turco, o mongol e o manchú-tunguso), as linguas paleosiberianas ou paleoasiáticas e, illadamente, o xaponés, o coreano e o ainu. Dentro do apartado de linguas paleosiberianas, repartidas por todo o nordeste de Siberia, pódense distinguir catro grupos sen relación xenética entre si e con dubidosas relacións con outras familias. Situaríanse o grupo luoravetliano que inclúe o chucoto, o coriaco ou nimilán, o camchadal ou itelmeno, o aliutor e o quereco; o grupo iucaguiro representado polo iucaguiro ou odul; o grupo ieniseo, o queto ou ieniei-ostiaco; e o guiliaco ou nivejí, máis ao sur. Todas elas están baseadas no alfabeto cirílico dende principios do século XX. En canto ás linguas altaicas, dentro da variante do turco, estarían as linguas turca, a azarí de Acerbaixán e o turcomano, repartido entre a antiga URSS, Irán e Afganistán, o uzbeco e o uiguro. Xunto a elas, o tártaro, o kazakho, o quirguizo e o baxkir na parte noroeste. Xa no nordeste, o iacuto, tuvinio e o chuvacho, falado na rexión central do Volga. No apartado das linguas mongolas situánse o mongol, o buriato, o santa, o daguro e o monguor. No oeste, o oirato, o calmico e o mogol. Dentro do grupo manchú-tunguso, representado por numerosos dialectos, aparecen o evenquí, o lamuto, o nanai e o manchú. Certos autores inclúen tamén na gran familia uralo-altaica as linguas esquimo-aleutes. A gran familia sino-tibetana ou indochina inclúe as familias tibetana, birmana, bárica e chinesa. O chinés presenta as seguintes variedades: o wén-yán ou fala literaria, o corpo de escritura clásica, o bái-huà ou lingua coloquial, o p ǔ tōnghuà ou lingua común e o pīn-yīn ou escritura fonética. Constitúen outras familias importantes as linguas dravídicas e as austroasiáticas (que abranguen as linguas munda e as mon-kemer). A familia drávida conta cun grupo de vinte linguas, entre as que se atopa o tamil, que data do s III a C, o telugu (ou andhava), o canarés e o malabar. Con máis dun millón de falantes sitúanse o gondi, o curuj ou oraoní e o tulú. Con medio millón o birahuí, unha lingua illada da súa familia principal, e o puyí. Con menos falantes aparecen o malto, o naiquí, o pengo e o manda. Clasifícanse sempre illadamente o andamanés e o buruixaski. Neste apartado inclúese, finalmente, a descrición xeral das linguas de Asia, a das zonas marxinais caucásicas e austronésicas (Filipinas, Indonesia). As linguas do sur están representadas polo gran grupo mon-kemer -falado en Vietnam, Laos e Camboxa-, en partes de Myanmar e Malaisia. Máis de medio millón de persoas falan mon ou talaing en Myanmar e Tailandia, e máis de cinco o kemer ou camboxano. Rexistráronse inscricións de ambas linguas dos ss VI e VII. A principal lingua do grupo é o vietnamita, aínda que se cuestiona a súa inclusión neste grupo do sur. Fálase en Vietnam do Norte e do Sur, Laos e Camboxa, ademais de numerosas partes do mundo. Outros grupos, xa separados do mon-kemer, serían o munda, falado principalmente no nordeste da India, que conta coas linguas santalí e mundarí, e a familia nicobaresa, cunha serie de linguas faladas nas illas Nicobar, no golfo de Bengala. Tamén no sueste asiático sitúase a familia daica, composta por linguas que se dividen en tres grupos: sudoccidental -onde se fala o tai ou siamés xunto ao lao, o chan e o iuan-, central e setentrional. Dátanse algunhas inscricións aproximadamente do s XIII. No apartado das sino-tibetanas, faladas en China, Taiwán, no sueste asiático e nos propios EE UU. A familia tibeto-birmana agrupa case que 300 linguas. Xunto ao chinés, o birmano e o tibetano son as linguas principais nesta familia. Falan o birmano máis de 25 millóns de persoas, mentres que o tibetano entre os 3 e 4 millóns de falantes. Os escritos do tibetano están datados no s VIII e tratan sobre materias relixiosas budistas. A clasificación exposta anteriormente é a máis comunmente aceptada pero admite numerosas obxeccións (deste xeito, discútese a existencia da familia uralo-altaica). A tendencia xeral, pola contra, é a de poñer en cuestión as grandes agrupacións e basearse en grupos máis limitados, aínda que suficientemente vastos dos que se poida ter un fundamento sólido de abondo. A imaxe que se ten do fraccionamento lingüístico de Asia non é realmente exacta se se teñen en conta as dimensións do continente. Pola contra, atópanse linguas faladas por masas moi importantes de poboación como o chino e o hindi (faladas, en total, por máis de mil millóns de persoas). A expansión comercial portuguesa fixo que a súa lingua se instalara no litoral meridional do continente, alí onde establecían as súas bases a partir do s XVI. Na actualidade a fala portuguesa mantén a súa presenza na illa de Timor, no territorio chinés de Macau (colonia portuguesa ata o 1 de xaneiro do 2000) e en Goa (India).
Relixións
As relixións que acadaron maior difusión no mundo tiveron a súa orixe en Asia: Confucionismo, Budismo, Hinduísmo, Xudaísmo, Cristianismo e Islam. Aínda hoxe Asia presenta esa gran pluralidade relixiosa, manténdose ao carón das relixións históricas un amplo número de cultos chamánicos de panteístas. A expansión dalgunhas das grandes relixións fixo que se constituísen diversos agregados de cultura relacionados pola relixión, malia as diferencias culturas propias. Así, o Budismo é común á maioría das sociedades que se estenden por unha ampla franxa de terra ao norte e leste da India, pero comprende diversas confesións segundo o lugar onde se practica (hīnayāna e mahāyāna), dividido en lamaísta e zen. Xeograficamente, as relixións distribúense do seguinte xeito: no SO predomina o Islam, dende o Mar Vermello e o Mediterráneo ata Paquistán, Kazakhstán e o Xi Jiang. O Xudaísmo e o Cristianismo teñen aquí o seu berce e algúns adeptos. Na India, a relixión máis importante é o Hinduísmo, aínda que hai unha importante porcentaxe de musulmáns, sunitas, xiítas e da seita sikhs, cristiáns, budistas e xaines. No SL do continente a relixión máis estendida é o Budismo, pero hai grupos significativos de musulmáns e cristiáns. En Indonesia hai maioría de mahometanos, con algúns hinduístas e cristiáns. Nas Filipinas domina o Catolicismo, aínda que hai comunidades musulmanas. No Xapón, as relixións dominantes son o Budismo e o Sintoísmo; non obstante existe unha comunidade cristiá crecente e unha certa proliferación das sectas mesiánicas. A China considérase a terra das tres relixións: Budismo, Confucionismo e Taoísmo. En Mongolia, no Tíbet e no Nepal, predomina o Lamaísmo. No Tíbet, ademais, o Chamanismo permanece nas etnias tradicionais. Na Siberia rusa a relixión predominante é o Cristianismo ortodoxo e o Chamanismo.
Estrutura política
Dos países que asinaron a carta da ONU, ratificada o 24 de outubro de 1945, só pertencían ao mundo asiático a Unión India, Iraq, Líbano, Filipinas, Irán, Arabia Saudí e a China representada por Chiang Kai-shek (reducida á illa de Formosa en 1949, a consecuencia do triunfo da revolución comunista chinesa). En canto aos outros países asiáticos, algúns estaban en situación de dependencia colonial e outros en estado de subdesenvolvemento, o que non lles permitía ter un papel internacional de primeira orde. Outros, pola contra, eran os vencidos na guerra. A necesidade de organizar administrativa e politicamente os países liberados supuxo unha serie de problemas, entre os cales o máis complicado foi o que supuxo a creación de novas nacións cunha certa unidade interior, inexistentes antes da independencia. Moitos países adoptaron solucións unitarias, unidades baseadas en moitos casos nunha uniformidade relixiosa; Birmania (logo Myanmar) e a Federación Malaia (logo Malaisia), decantáronse por un federalismo de base racial; a Unión India foi dividida administrativamente segundo as súas características lingüísticas; a China, malia a súa centralización, estableceu unha división administrativa con ampla autonomía. En calquera caso, a característica xeral é a existencia dun goberno forte, asegurado unha veces polo apoio militar, outras por un partido único dominante. Os réximes parlamentarios máis antigos instalados no continente son o de Israel e a India, de sistema republicano, e o do Xapón, onde existe unha monarquía. En Asia enfrontáronse dende a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) o capitalismo e o socialismo. Neste sentido, a proclamación da República Popular da China (1949) marcou a estabilización da influencia da URSS no continente. Malia o posterior distanciamento entre a China e a URSS (1959), a influencia soviética sobre o continente foi indubidable ata o ano 1990. A disolución da Unión Soviética (1991) xerou novas nacións asiáticas: Acerbaixán, Armenia, Kazakhstán, Kirguizistán, Tazhiquistán, Turkmenistán, Uzbequistán e Xeorxia, que en 1998 formaban parte da Comunidade de Estados Independentes, que agrupa tamén a Rusia, Bielorrusia, Ucraína, Moldavia e Armenia. As seis repúblicas musulmanas da antiga Unión Soviética (Acerbaixán, Kazakhstán, Kirguizistán, Taxiquistán, Turkmenistán e Uzbequistán), xunto con Afganistán, integráronse no ano 1992 na Organización de Cooperación Económica, creada en 1985 por Turquía, Irán e Paquistán. Así mesmo, o mundo árabe organizouse na Liga Árabe xunto con países africanos e no Consello de Cooperación do Golfo, creado en 1981 como reacción á revolución iraniana, integrado por Arabia Saudí, Bahrain, os Emiratos Árabes Unidos, Kuwait, Omán e Qatar. Oriente Medio e Asia Central son, sen embargo, un foco de tensións rexionais fortes: problema kurdo, que implica a Turquía, Irán, Siria, Iraq e Armenia; guerra iraniano-iraquí e invasión de Kuwait polo exército iraquí. A política expansionista do Estado de Israel é tamén un foco de permanentes tensións: ocupación dos Altos do Golán, invasión do sur do Líbano e problema palestino. Os países do Pacífico desenvolveron numerosos organismos internacionais entre os que cómpre destacar a Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), organización internacional creada en 1967 que ten como obxectivos impulsar o progreso económico, social e cultural dos países do SL de Asia. Creada en Bangkok (8.8.1967), os seus membros fundadores son Brunei, Filipinas, Indonesia, Malaisia, Singapur e Tailandia. O Vietnam ingresou en xullo de 1995, e en xullo do 1997 fixérono Laos e Myanmar. Camboxa e Papúa-Nova Guinea asisten ás xuntanzas da organización en calidade de observadores e Corea do Sur posúe un estatuto especial. Esta organización dende 1994 reúne o Foro Rexional da ASEAN (FRA), no que participan os nove países da ASEAN máis Australia, Camboxa, Corea do Sur, Xapón, Hong Kong, Nova Celandia, Taiwán, China, India, EE UU, Rusia e a Unión Europea para tratar das cuestións de seguridade na zona do Pacífico. A Asociación de Asia do Sur para a Cooperación Rexional (SAARC) fundouse en 1985 para impulsar o progreso económico, social e cultural dos seus estados membros, que en 1997 eran Bangladesh, Bután, India, Maldivas, Nepal, Paquistán e Sri Lanka. Malia que as dúas organizacións pretendían constituír un foro onde discutir sobre a paz e a estabilidade da rexión, os conflitos e as tensións non están ausentes do sueste asiático: conflitos fronteirizos entre India e Paquistán, disputas territoriais entre varios países membros, independentismo de Caxemira, Punxab e o Tíbet. Así mesmo, os Dereitos Humanos están a ser violados en numerosos estados asiáticos (Afganistán) ou algúns deles non están recoñecidos (dereitos políticos en Arabia Saudí ou China). Ademais, nalgúns países como a India ou Indonesia, a explotación laboral da infancia é norma habitual nos procesos económicos.
Historia
As bases das civilizacións asiáticas
Un ensaio cunha visión de conxunto da prehistoria asiática non pode ser máis ca un intento de hipótese de traballo. As primeiras evidencias da presenza humana en Asia, que debeu chegar alí hai 2,5 M a procedente de África, proveñen dos xacementos de Yiron e Ubeidija (Israel), Riwat (Paquistán), Iuanmou e Zhoukodian (China) ou da illa de Xava. As vías de entrada serían a través do canal de Suez, polo norte do Mar Vermello, e logo a través dos vales do Tigris e do Éufrates; ou polo estreito de Adén, cruzando polo sur da Península Arábiga ata chegar ao golfo Pérsico, que puideron cruzar polo estreito de Ormuz ou percorrer polo litoral. O primeiro grupo humano fósil presente en Asia é o Homo erectus (pitecantropo e sinantropo), que segundo as últimas teorías sería unha especie que se extinguiu en Asia sen descendencia; a teoría multirrexional defendida por Wolpoff propuña, sen embargo, que desta especie descenden todos os grupos humanos actuais que estaban adaptados ás condicións ecolóxicas das súas áreas de orixe. Durante o Paleolítico inferior obsérvanse no continente asiático dúas tradicións tecnolóxicas diferentes: unha acheulense, presente na maior parte do territorio, e outra non-acheulense, que se localiza fundamentalmente no sueste asiático continental e no arco insular. Neste sentido, as últimas teorías admiten un illamento desta área do continente, derivado das glaciacións e dos movementos eustáticos, que farían derivar o Homo erectus cara a unha especie local, o Home de Wadkhak. O Paleolítico medio está ben documentado no Oriente Próximo, onde aparecen restos de Homo sapiens neandertalensis e Homo sapiens sapiens coexistindo no mesmo espazo e tempo. Durante o Paleolítico superior, desenvolvéronse uns complexos industriais semellantes ao Auriñacense e Gravetense europeos que aparecen asociados exclusivamente a Homo sapiens sapiens. O poboamento de Siberia, que semella estar ligado ao Madalenense, momento no que aparecen as primeiras ocupacións nos vales do alto Gobi, Ienisei e Lena, constitúe un feito de grande interese debido á relación que ten con respecto á penetración humana en América. Os historiadores están de acordo á hora de destacar o papel fundamental de Asia na aparición do Neolítico, ao redor do 8000 a C, nunha franxa de terra que vai dende Israel ao N de Iraq, incluíndo unha parte da Anatolia. Outro núcleo neolítico apareceu na China, na conca do Huang He, e un terceiro na India. A evolución cultural máis rápida produciuse no Oriente Próximo, coa aparición de asentamentos humanos en poboados de organización máis complexa e o uso dos metais. Este proceso levou ao nacemento das primeiras civilizacións urbanas da Mesopotamia cara ao 3000 a C, nun proceso tradicionalmente denominado “revolución urbana”, desenvolto ao longo de varios milenios. Estas civilizacións caracterízanse pola aparición das cidades e da escritura, pola estratificación social, a división do traballo (artesáns, agricultores e escravos), as relixións de tipo politeísta, o desenvolvemento da metalurxia do bronce a arte, etc. Posteriormente, tamén evolucionaron cara ás civilizacións urbanas o núcleo neolítico chinés (cara ao 2000 a C) e o hindú (civilización do Indo ou de Mūan-ho Da ṛ o, cara ao 2500 a C). Ao carón destes tres núcleos dos grandes vales fluviais, o único territorio asiático que tamén tivo un papel de primeira orde na evolución histórica foi o de Asia Menor. As outras áreas do continente estaban poboadas por nómades, a miúdo en conflito cos citados núcleos sedentarios. As diversas invasións das zonas máis desenvolvidas por parte de grupos nómades ocasionaron rupturas políticas e cambios culturais, pero axiña os novos continxentes chegados eran absorbidos nas vellas civilizacións locais por mecanismos de aculturación.
As grandes civilizacións asiáticas e os asaltos dos nómades (ss IV- VII)
Irán foi un dos grandes centros de civilización da Asia occidental, sobre todo despois de que o Imperio Persa se impuxese sobre os pobos mesopotámicos (s VI a C). Comezou a desenvolverse durante o Imperio Persa Aqueménida (529-330 a C), que chegou a estenderse do Exeo ao Índico. O poder persa quedou anulado por Alexandre o Grande (s IV a C) e os seus sucesores; sen embargo, foi restaurado pola revolta da tribo iraniana dos partos (dinastía arsácida, 129 a C-224 d C), que construíron un imperio con forte influencia helénica. Posteriormente, a dinastía sasánida, que adopta o mazdeísmo, patrocinou entre o 224 e o 640 un iranismo exacerbado. As rexións da India constitúen outro gran centro da civilización asiática, acaso o máis fecundo e de formas máis variadas. Durante o período de asentamento dos indoarios (ss XIII-XI a C?), configurouse o Bramanismo sobre un importante substrato preario. Este actuaba tanto como unha concepción relixiosa do mundo alicerzada nun monismo espiritualista como ríxido sistema de estruturación social baseado nun sistema de castes. Contra o Hinduísmo apareceron dúas concepcións novas: o Xainismo, atribuído a Mahāvīra (540-468 a C?), e o Budismo, predicado polo príncipe Siddhārtha Gautama (563-483 a C?), chamado o Buda (Buddha ‘iluminado’). O Budismo achega unha nova concepción do mundo e unha nova ética relixiosa e social baseada no sacrificio, a caridade universal e a non violencia. A división en principados, típica da tradición hindú superouse no N coa formación do segundo grande imperio hindú: o da dinastía gupta (320?-470?), protectora do Budismo e do Hinduísmo, e coa que a cultura hindú vive un auténtico século de ouro. A civilización gupta foi destruída polas invasións dos hunos heftalitas (ss V e VI). Alicerzada nunha milenaria civilización agraria, a China mantivo unha tradición imperial raramente interrompida. O mundo material e mental chinés formouse entre os ss XX e X a C, no que alternaron períodos de unificación e de fragmentación feudal. A concepción chinesa do mundo gravita sobre un principio cósmico ordenador, o Dao ou Tao (a Vía), como síntese de alternancia do in (principio feminino) e do ian (principio masculino). En toda a historia do pensamento chinés foi decisiva a dialéctica entre o Confucionismo e o Taoísmo. A dinastía Qin fundou o imperio histórico chinés (230 a C?): centralizou o goberno, unificou a escrita e o territorio e conquistou as rexións meridionais, que a partir dese momento adoptaron a cultura chinesa. Logo dun breve período de anarquía, a dinastía Han (202 a C-220 d C) consolidou as institucións que marcaron toda a historia imperial da China: carácter nominal dos títulos feudais, administración a través dunha burocracia escollida por medio de exames públicos e a instauración do Confucionismo como sistema ético e político do estado. A dinastía Han anexionou definitivamente o país meridional e estendeu o Imperio Chinés pola Asia central (Turquestán chinés). O Imperio Han dividiuse en tres reinos (220) ata que foi reunificado pola dinastía Jin (ou Tsin) no 280. As grandes invasións hunas do 311 ocuparon o N, onde se sucederon estados de pobos mongólicos efémeros e belicosos ata que se impuxeron os tuoba (dinastía Wei, 426-534). No S (con capital en Nanquín) continuou o Imperio coas dinastías Tsin, Song, Qi, Liang e Chen (318-589). Durante o s VI apareceron por primeira vez co seu propio nome os turcos (‘fortes’), probablemente descendentes dos hunos, que crearon un grande imperio dende Mongolia ata o Turquestán. Axiña se dividiron en dous Khanatos: os turcos orientais, que presionaron sobre a China, e os occidentais, que o fixeron sobre os persas sasánidas.
A expansión do Islam cara a Asia (ss VII- XII)
A expansión islámica que transformou a vida de media Asia, foi obra principalmente de pobos nómades, primeiramente os árabes, despois os turcos. Os tres primeiros califas sucesores de Mahoma estenderon a dominación árabe aos territorios palestinos (634) e sirios (636) do Imperio Bizantino e conquistaron o Imperio Persa Sasánida (640). O poder califal, neste momento político e relixioso, foi tomado pola dinastía Omeia que, establecida en Damasco, reinou durante case un século (660-750). Foi un período de elaboración dunha cultura islámica con elementos principalmente bizantinos e persas. Unha nova dinastía, a dos Abbásidas, ostentou o califato durante cinco séculos (750-1258). Fundou Bagdad como a nova capital do Islam e converteuna nun gran centro demográfico, comercial e cultural. A vitoria dos abbásidas significou a vitoria dos musulmáns iranianos ou xiítas (disidentes seguidores de Alí). Durante o Califato Abbásida a civilización islámica acadou a plenitude. O Islam constituíu un crisol onde se fundiron elementos tanto orientais como occidentais, tan distintos como podían ser a filosofía e a ciencia gregas e o cálculo e a astronomía hindús. A partir do s X, as diversas rexións do Imperio comezaron a independizarse de Bagdad, recoñecéndolle á cidade tan só unha preponderancia espiritual. Non obstante , esta división non afectou á cultura de xeito negativo, senón que a estimulou: cada principado, cada aristócrata, exercía o mecenado cos pensadores e artistas, dando ás súas respectivas cortes unha fasquía creadora de coñecemento e formas artísticas. No s XI, os turcos occidentais, islamizados, caracterizados por un fanatismo superior ao da primeira expansión árabe, lanzáronse á Guerra Santa, derrocando as dinastías persas e dando novo pulo á islamización de Asia. Os turcos gaznavides apoderáronse do Afganistán e do Irán oriental chegando ata o Punxab; os turcos seléucidas someteron a rexión persa e entraron en Bagdad (1055), dende onde gobernaron en nome do califa abbásida. Conquistaron logo Armenia aos bizantinos, gran parte da Anatolia e chegaron ata Palestina, onde tomaron Xerusalén (1078). O temor dun asalto seléucida a Europa, así como a atracción polas rutas comerciais do Oriente cortadas polos turcos, incitaron á cristiandade a organizar as cruzadas. Cando foi mobilizada a Primeira Cruzada (1096), o Imperio Seléucida xa se esmigallara en sultanatos. Turcos e afgáns, ao conquistar o N da India na primeira metade do s XIII, deron o derradeiro pulo á expansión islámica deste período.
O arranque das vellas civilizacións (ss VII-X)
Durante o período no que o Islam expandía e creaba a súa cultura, as civilizacións de Asia chegaban tamén ao punto máis alto da súa expansión: a India reestruturábase logo da desfeita e a ruína causadas polas invasións hunas. O N da India foi unificado no s VII por Harsha-vardhana (606-647), continuador da tradición gupta; foi un soberano ilustrado, autor de dramas en sánscrito e gran protector do Budismo. O Hinduísmo, mentres, comezaba a sobrepoñerse ao Budismo. O País Marata (Mahārā ṣ h ṭ ra) constituía outro imperio hinduísta (ss VI-VII). Logo da morte de Harsha, o imperio fragmentouse e produciuse unha reacción hinduísta que limitou o Budismo ao Maghada (rexión do Ganxes), onde a dinastía pāla o protexeu ata a chegada do Islam turco (1197). O outro reduto do Budismo foi Sri Lanka, dende onde se difundiu por Myanmar e a Asia do SO. Rival daquela de Sri Lanka e dos chālukya, o país tamil, o máis característico da India dravídica, constituíu un poderoso imperio baixo as dinastías dos pallava (ss VI-IX) e dos chola (ss X-XI), coas que deveu unha verdadeira talasocracia arredor das costas do Mar de Bengala. O período entre os ss VIII e IX foi, en efecto, unha época dinámica na configuración dos pobos da cultura hindú do SL. O feito capital foi o nacemento do Imperio Khmer (802), que había ser o estado máis importante do SL asiático ata o s XIV. De civilización hindú, a sociedade khmer foi rixidamente xerarquizada e dirixida por unha aristocracia política e relixiosa que practica tanto o Hinduísmo como o Budismo. Na China, a dinastía Sui, sucesora dos tuoba conquistou o Reino de Nanquín refacendo a antiga unidade territorial (589). Esta dinastía foi reemprazada polos Tang (618-907), a máis sobranceira dinastía da historia imperial chinesa. Despois dun primeiro período de reformas agrarias e fiscais, de economía florecente e intenso comercio, principalmente cos árabes, as continuas guerras fixeron que o réxime dos Tang se alicerzase progresivamente no exército. A presión fiscal e social fixo desaparecer progresivamente a pequena propiedade rural campesiña e entorpeceu o comercio. Finalmente, a crise social desencadeou revoltas (874) que finalmente acabaron coa caída da dinastía. A deposición dos Tang (907) principiou un período de anarquía na China, co S esmigallado en diversos principados e co N gobernado por efémeras dinastías, ata que a dinastía Song (960-1276) tentou a reconstrución do Imperio. Entrementres, Xapón estaba sometido a un réxime aristocrático de grandes terratenentes (shôen). No s VIII incrementouse o poder central, e diversas reformas comezaban a mermar o poder dos nobres e a reforzar a pequena propiedade labrega. A partir do s X, sen embargo, proliferaron as intrigas entre as grandes familias; finalmente unha delas, os Fujiwara, converteuse na preponderante.
O repregamento das vellas civilizacións e o triunfo dos nómades (ss XI-XV)
O cambio máis importante da historia asiática a partir do s XI foi o xiro total producido pola expansión dos nómades de Mongolia, que procederon á dominación da maior parte do continente. Daquela, as civilizacións chinesa e india repregáronse ante as invasións estranxeiras. O N da India foi invadido no 1191 polo exército do Reino de Ghor, islámico, onde se mesturaban as poboacións turcas e afganas. Deste xeito, fundouse o Sultanato de Delhi, islámico, que perseguiu o Hinduísmo e conquistou a India central e gran parte do Decán a finais do s XIII. Non obstante , no s XIV fragmentouse en dinastías musulmanas locais. Na China, as loitas da dinastía Song a prol da reunificación do Imperio, foron aproveitadas polos pobos nómades para penetrar nas rexións máis setentrionais. No s XII, os xutguén, pobo de estirpe tungúsica e orixinario da Manchuria, apoderouse do Reino Chidán de Pequín (1122), invadiu Kaifen, capital dos Song, e deportaron o Emperador. Os reis xutguén, nomeados Jin (‘reis de ouro’), gobernaron o N dende Pequín, mentres que a dinastía Song conseguiu estabilizarse ao S con capital en Hangzhou. O pobo mongol estaba formado por tribos nómades que foron unificadas por un cabeza de clan, Temüjin (1167-1227), recoñecido no 1206 como Khan de todos os mongois e se fai chamar Xenguis Khan: organizados nunha cabalería de destrísimos arqueiros, os mongois conquistaron, entre outros, o Reino Tsin dos xutguén, o Reino Karakitay, o Sultanato de Corasmia (os actuais Uzbequistán, Afganistán e Irán), reino turco que no 1194 substituíra os seléucidas. Baixo Ögödei (1229-1241), fillo de Xenguis Khan, o Imperio comezou a organizarse e a civilizarse os mongois. Continuaron as conquistas sobre Persia e Rusia (1237-1240), onde se fundou o Khanato de Kipchak, máis coñecido como o Imperio da Horda de Ouro, que se mantivo ata 1783 en Crimea; os mongois chegaron ata Polonia e Silesia (1241). Mongke, sucesor de Ögödei (1251-1259) comezou a conquista do Imperio Song meridional e Hülegü, irmán seu e gobernador de Persia, arrebatoulle Bagdad ao derradeiro Califa (1258) e funda o Il-Khanato, khanato mongol persa, con centro no Acerbaixán e que se mantivo durante case un século (1258-1335). Khublai (1258-1294), irmán e sucesor de Mongke, foi o último Gran Khan: rematou a conquista do Imperio Song (1276) e trasladou a capital mongol dende Karakorum a Pequín. Mantivo a súa autoridade con moitas dificultades e dun xeito máis moral ca efectivo sobre os seus curmáns, os Khans de Turquestán e Persia. Na China, a dinastía mongol dos Iuan decaeu rapidamente, rematando por ser expulsada no 1368. A dinastía mongol de Persia islamizouse deseguida e extinguiuse no 1355, fragmentándose o Il-Khanato en reinos locais. O Khanato de Čagatai (que comprendía os dous Turquestáns) tamén se turquizou e no 1346 a maioría dos señores turcos da Transoxiana xa eran independentes. Un deles, Timor-Lang (Tamerlán), movido por un islamismo fanático, impúxose aos demais e foi recoñecido rei da rexión. Foi o creador do derradeiro dos grandes imperios nómades e dominou boa parte dos territorios que abranguen dende a India ao Exeo. Á súa morte (1405) fragmentouse o imperio; os descendentes de Tamerlán reinaron dende o Khorāsān e a Transoxiana.
O estancamento das sociedades asiáticas
Entre os diversos principados en que se fragmentaron os dominios seléucidas da Anatolia, o da dinastía otomana, que se estendía polo NO da Frixia ata a Bitinia bizantina impúxose ao resto. Os otomanos traspasaron o Dardanelos e conquistaron Rumelia, Macedonia, Serbia, Bulgaria, Constantinopla (1453), os Balcáns, Grecia, Siria e Exipto. O seu pulo acadou o apoxeo co Sultán Solimán o Magnífico (1520-1566) que arrebatou Bagdad aos persas e conquistou Hungría (1526). Despois de todas as dominacións turcas e mongois que sufrira, Irán recobrou o seu goberno coa dinastía autóctona dos ṣ afawīs (1501-1736), que presidiron un período relativamente importante da cultura persa, principalmente na arte. Logo dun período de anarquía impúxose a dinastía turcomana dos Qājārs (1779-1925), que converteu a Irán nunha das sociedades asiáticas máis estancadas culturalmente. O derradeiro descendente de Tamerlán, Bāber, foi expulsado da Samarcanda no 1512 polos turcomanos uzbecos. Logo de ter conquistado o Afganistán, entrou na India e constituíu o que despois sería o Imperio timúrido da India (Imperio dos Grandes Mongois ou Gran Mongol), consolidado por Akbar (1556-1605). O derradeiro Gran Mongol, Aurangzeb (1659-1707), se ben estendeu o imperio pola maior parte do Decán foi, pola contra, un musulmán fanático que cargou os hindús de impostos e doutras discriminacións, que remataron por facer estoupar a revolta; á súa morte, o imperio reduciuse á rexión de Delhi. O Punxab foi dominado polos sikhs, seita que apareceu no s XV como síntese do Hinduísmo khrixnaísta e do Islamismo xiíta persa. Por outra banda, os maratos, montañeses hindús do Decán, uníronse e formaron unha confederación que sería a primeira reacción autóctona importante contra os séculos de dominio islámico. Na China, unha vez expulsados os mongois, foi instaurada a dinastía Ming (1368-1644), que conservou as institucións da anterior dinastía nacional, a Song. No interior instaurouse un absolutismo despótico. Os Ming foron derrocados polos emperadores manchús (1644), que axiña reinstauraron o Confucionismo como relixión do estado. Doutra banda, as necesidades de defensa e de producir doadas satisfaccións populares levaron aos manchús a unha política expansionista que deu ao Imperio aos seus límites máis extensos (Mongolia oriental e occidental, Tíbet, Kaxgaria). Os manchús continuaron a tradición de refinamento arquitectónico dos Ming, pero estableceron o peche e ensimesmamento da sociedade e da civilización chinesas. O estancamento que caracteriza á maioría das sociedades asiáticas durante os últimos séculos de existencia política dos seus réximes tradicionais foi relativo; a economía fundamentada na sociedade agraria, coñeceu sucesivamente épocas de puxanza e épocas de decadencia. Cando a poboación campesiña era próspera e a organización dos traballos agrícolas e de irrigación estaba ben establecida e dirixida, o que implicaba un poder político activo, producíanse ciclos expansivos: aumento da poboación, proliferamento dos mosteiros e as clases dirixentes multiplicaban o seu exército de servidores involucrando unha parte importante da actividade urbana, artesá e comercial. Non obstante , as campañas militares derivadas destes ciclos expansivos acababan por arruinar o país. Aparecía a escaseza, a poboación campesiña arruinábase e a urbana pauperizábase; como consecuencia, o poder político endurecíase para facer fronte ás revoltas que provocaba esa situación. A estrutura fundamental permanecía sen ser modificada; a economía monetaria sempre foi un illote, activísimo nalgunhas ocasións, dentro dunha economía natural: a acumulación de capital precisa para dar paso a novas clases e estruturas nunca se chegou a producir.
A expansión europea (ss XVI- XIX)
A intervención dos europeos na historia asiática comezou coa ocupación portuguesa de Goa (1510) e Malaca (1511). Mentres que o Imperio Portugués foi estritamente comercial e non conquistou a India, Sri Lanka e a Insulindia, bases precisas para asegurar as rutas marítimas do comercio co Extremo Oriente, os holandeses comezaron a establecer durante o s XVII dominios militares. Os ingleses pasaron, sen embargo, da simple intervención comercial a unha rápida conquista militar: Bengala (1815), País Marata (1819) e os dominios dos sikhs do Punxab (1849). No 1877 a intervención colonial xa se consolidara, se ben aínda no 1886 se producía a anexión de Myanmar. No 1841 a armada británica ocupou Hong Kong para obrigar aos chineses a permitir a introdución de opio no seu territorio: a Guerra do Opio (1839-1842) foi o pretexto dos británicos para intervir na China, onde reinaba, daquela en plena decadencia, a dinastía manchú. Por outra banda, Francia adquiriulles aos annamitas a Conchinchina (1862), estableceu o protectorado sobre Campuchea (1864), ocupou Tonquín e fixo recoñecer o seu protectorado sobre Annam (1883). Os rusos, que comezaran a súa expansión asiática en tempos de Ivo o Terrible (s XVI), sempre a entenderon como a prolongación natural da Rusia europea; só o Turquestán (s XIX) foi considerado conquista colonial. A vida xaponesa tamén se trastocou por mor do intervencionismo occidental, pero a reacción dos xaponeses foi inmediata e inversa á dos outros países asiáticos. O Shōgun (‘emperador’) Mtusuhito (1867-1912) aboliu o Shōgunado dos Tokuganva de Toquio e restableceu a autoridade imperial, trasladou a capital a esta cidade e comezou a modernización social e económica do Xapón, organizando ao tempo un exército á europea. Os resultados demostraron que esta reforma fora tecnicamente eficaz: os xaponeses desfixeron o exército chinés na Guerra do Protectorado de Corea (1894-1895) e o do Tsar na de Manchuria (1904-1905). De feito, a dominación colonial fixo reaccionar ás vellas clases dirixentes e ás dinastías reinantes en todo canto país a sufría, facéndoos recorrer á poboación a través dun patriotismo dinástico e paternalista; agás no caso do Xapón, sen embargo, estes esforzos postremeiros dos antigos réximes asiáticos fracasaron pola ausencia de unidade nacional. Despois, resignadas á perda de poder efectivo, as aristocracias aferráronse ao humillante réxime colonial con tal de manter os seus privilexios en relación cos seus compatriotas, mesmo en contra dos intereses nacionais. O nacionalismo que xurdiu desta situación foi moi distinto destas resistencias convulsivas da vella orde; sostido por novas clases, non se apoiou no pasado, senón que aspirou a transformar a vella sociedade para constituír unha nova.
Do nacionalismo das elites ao nacionalismo de masas (1880-1954)
A colonización europea repercutiu nos países asiáticos de xeitos ben diversos. Por unha banda, contribuíu á liquidación das ordes sociais tradicionais; por outra, orixinou unha serie de considerables transformacións da estrutura económica daqueles países onde, por conseguinte, apareceron grupos sociais novos con intereses distintos aos dos outros. Igualmente, foi un factor esencial a formación técnica e ideolóxica que dentro dos exércitos, das empresas coloniais ou das universidades europeas, recibiron un número restrinxido de individuos dos pobos colonizados, dos que habían de xurdir a maioría dos futuros dirixentes nacionalistas. Malia que as potencias coloniais detectaban estes movementos, non podían facer nada para deter eses procesos que a mesma colonización esixía e aceleraba. Os intentos de atopar solucións políticas ao nacemento da vaga nacionalista fracasaron. O apoio aos autócratas locais e as estruturas sociais en que se apoiaban, política que se practicou na China, onde as colonias sostiveron a dinastía manchú logo da revolta dos Taiping (1864), e que os franceses practicaron amplamente na Indochina, os holandeses en Indonesia e os ingleses en parte da India e no Oriente Medio, non fixo máis que conducir ao nacionalismo ás novas clases medias de comerciantes e industriais. Igualmente, fracasou a política de asimilación ao sistema das elites educadas en Europa, obxectivo, por exemplo, das reformas de Morley-Minto do 1909 na India. Así mesmo, tamén fracasou a política de desviar os movementos nacionalistas baseándose en concesións autonomistas (acta de 1919 do goberno da India) do seu obxectivo independentista. De feito, as concesións ou apaños non saciaban os nacionalistas, ben ao contrario, dáballes azos para continuar. Así mesmo, as concesións políticas eran moitas veces a única saída posible, xa que a represión militar era ineficaz cando a mobilización era masiva. Certos feitos da historia europea tiveron unha repercusión xeral en Asia; así a Revolución Rusa de 1905 converteuse no símbolo contra a autocracia e inspirou as revoltas “constitucionalistas” de Irán (1906), Turquía (1908) e China (1911) e radicalizou outros movementos minoritarios. A Primeira Guerra Mundial (1914-1918) tivo diferentes repercusións: acelerou o desenvolvemento económico da China, a India, Malaisia e os dominios holandeses; coa mobilización de tropas aumentou o número daqueles que tiveron contacto coas ideas europeas; os países coloniais saíron da guerra débiles e desprestixiados. A Revolución Soviética (1917) constituíu un exemplo para numerosas revolucións anticolonialistas; neste sentido, en 1920 celebrouse en Bakú o Congreso dos Pobos Orientais ao que asistiron delegados de 37 nacionalidades. Finalmente, a Segunda Guerra Mundial, entre outros feitos, deu paso á expansión militar do Xapón na China, Indochina, Filipinas, Malaisia, as Indias Holandesas e Myanmar, onde desfixo a estrutura colonial europea, refacendo os movementos nacionalistas xa avanzados, como na China ou no Vietnam; ou precipitou a conxunción dos factores necesarios para que deveñan en movementos de masas, como en Indonesia. En definitiva, a Segunda Guerra Mundial, principalmente a Guerra do Pacífico, significou a liquidación xeral da colonización europea. Se o colonialismo foi o gran revulsivo para axitar as sociedades asiáticas, o impacto das ideas europeas non foi menos esencial para as revoltas subseguintes. Os asiáticos descubriron os grandes filósofos europeos, o pensamento ilustrado, a Declaración de Independencia dos EE UU de América, os ideais da Revolución Francesa, o dereito dos pobos á autodeterminación e, finalmente, o marxismo-leninismo. Mais non todos os elementos desta revolta foron europeos, e os que o eran tiveron que ser asimilados e adaptados á mentalidade asiática. Deste xeito, nun primeiro momento tiveron un papel importante os movementos relixiosos que xurdiron en diversos países asiáticos: o Islam en Indonesia, na India e no Oriente Medio, o Hinduísmo na India ou o Budismo en Myanmar e Vietnam. Por outra banda, os líderes nacionalistas, por moi imbuídos que estivesen nas ideas europeas, non aspiraban a europeizar Asia, senón a adaptar os vellos valores aos novos esquemas máis dinámicos, as vellas culturas ás novas sociedades. Os movementos nacionalistas asiáticos coñeceron tres momentos característicos, con formas e contidos diferentes segundo os países. O primeiro momento, sen resultados significativos a nivel xeral, caracterizouse pola aparición dunha xenofobia e o desexo de reforma no marco da orde tradicional. No segundo momento, entraron en xogo, conxuntamente, unha xeración nova de homes con educación occidental e nacionalistas, e as novas clases medias auspiciadas polo colonialismo. Foi unha etapa burguesa, con obxectivos liberais e constitucionalistas; aínda que se orixinan movementos organizados, a represión colonial podía decapitalos facilmente a causa do seu carácter minoritario. No terceiro período, os líderes víronse obrigados a alicerzar o movemento nas masas populares e, polo tanto, a propor a loita nacionalista como paso preciso para a transformación económica e social. A partir desta nova situación o camiño cara á independencia foi relativamente rápido, segundo a capacidade de represión do colonizador. En xeral poden describirse tres procesos: o chinés, que desembocou nunha democracia comunista; o hindú, que callou na fundación da maior democracia parlamentaria do mundo; e o indonesio, onde o nacionalismo se mantivo ao abeiro do exército e dos intereses capitalistas internacionais. Na China, os precedentes do nacionalismo remóntanse á derradeira década do s XIX, logo da derrota de 1894 a mans dos xaponeses. Os partidarios dunha reforma, dirixidos por Kang Iuwei, influíron no Emperador, pero foron executados pola reacción tradicionalista de 1898. No ano 1905 Sun Iat-Sen organizou o primeiro grupo revolucionario do que sairía o Guomindan (o Partido Popular Nacional); o seu obxectivo era o establecemento dunha república democrática e liberal. Coa caída da dinastía manchú (1911) e a proclamación da República, advírtese que o obstáculo para unha nova China non eran só os manchús, senón tamén os estranxeiros de Occidente. Entre 1916 e 1926 os xenerais do exército converteron a China nun campo de batalla permanente pola posesión de Pequín. Mentres tanto, no ano 1919, Sun demitiu e, animado polo movemento Catro de Maio e as folgas obreiras, refundiu o Guomidan como un movemento antiimperialista cun forte programa social. No ano 1924 aliouse co Partido Comunista, fundado en 1921, que organizara os campesiños de Hunan baixo a dirección de Mao Zedong. No ano 1925 asumiu o poder do Guomidan a á dereita, controlada polo xeneral Chiang Kai-shek e apoiada pola burguesía nacional, que se desfai da esquerda e dos comunistas que despois de anos de resistencia tiveron que retirarse ás provincias do noroeste. O novo réxime militar de Chiang Kai-shek abandonou todo proxecto de reforma agraria e de transformación social. Mao Zedong, pola contra, distribuíu as terras entre os campesiños, organizados en soviets e guerrillas de oposición ao goberno reaccionario. A intervención xaponesa de 1937 non fai máis que acelerar un proceso irreversible que remata en 1951 coa proclamación da República Popular da China. O Congreso Nacional hindú foi fundado en 1885 por membros de clases altas que desexaban intervir no goberno, pero a partir do movemento Swandeshi de 1905 o partido forneceuse cada vez máis de clases medias, que adoptaron o independentismo aínda que se mantivesen socialmente conservadoras. Non obstante , o partido cambiou radicalmente cando en 1916 Mahatma Gandhi, home de singularísima personalidade, se converteu no seu líder xunto cun grupo de nacionalistas de esquerdas (Patel, Nehru, entre outros) e o transformou coa estratexia da desobediencia pacífica nun auténtico partido de masas a raíz da Primeira Guerra Mundial. A nova estratexia de desobediencia pacífica e a disciplina coa que foi seguida polas masas hindús, ata que se converteu nun vasto movemento nacional, impresionaron aos outros nacionalistas asiáticos. Neste sentido, Sukarno en Indonesia e Sun Iat-Sen en China, tomárono como modelo. O proceso en Myanmar tivo desenvolvementos moi semellantes: o movemento budista orixinario, ligado aos ideais e aos intereses dos príncipes, converteuse co Consello Xeral das Asociación Budistas (Rangún, 1921), nun movemento baixo a orientación da pequena burguesía; o movemento budista tivo unha intervención eficaz nas grandes revoltas campesiñas (1931) e nas folgas de estudiantes (1936) e obreiras (1938), das que saíron líderes como Aung Sang, que no período de 1942 a 1947 dirixiron o movemento contra os xaponeses e británicos, convertido xa nun movemento nacional de masas. Na Indonesia, o movemento lanzado pola princesa Kartini (1902) seguindo o Budi Utomo, asociación de pequenos funcionarios, e o Sarekat Islam, liga de comerciantes urbanos, explotados polos maioristas chineses e que durante a guerra (1914-1918) concretou os seus obxectivos políticos: contra os privilexios aristocráticos, a dominación colonial e os monopolios europeos. Paralelamente, desenvolveuse un movemento socialista, a partir de 1914, e en 1920 fúndase o Partido Comunista que, controlado polos sindicatos, se aventurou nunha insurrección armada (1926) que fracasou e provocou o retroceso do proceso indonesio de mobilización popular nacional. A partir de 1927 asumiu a loita o Partido Nacional de Indonesia, fundado por Sukarno, aínda que debido á súa desconexión coa masa campesiña foi dominado polo réxime holandés. A invasión xaponesa (1942-1945) facilitou a reorganización dunha loita de guerrillas que conduciu á independencia de Indonesia logo da derrota nipona e da toma do poder por parte de Sukarno. Un proceso moi semellante nas primeiras etapas foi o de Vietnam, sen embargo, neste caso os comunistas de Ho Chi Minh actuaron cun gran sentido político e conseguiron dirixir o movemento nacionalista (1931) a través da organización de grandes manifestacións de campesiños, traballadores das plantacións e obreiros, do norte ao sur do país, contra os impostos, os arrendamentos e as condicións de traballo; no Nghê-an constituíronse soviets e repartíronse as terras. A invasión xaponesa facilitou a formación do Viêt Minh (1941), que liberou militar e socialmente o país. A loita prolongouse coa intervención francesa e en 1954 partiuse o Vietnam en dous estados, o do Norte, axudado pola China e a URSS, e o do Sur, auxiliado polos EE UU.
Asia durante a Guerra Fría
A Conferencia de Bandung de 1955 pode considerarse o punto de partida do desenvolvemento da Asia contemporánea. Malia que a conferencia abrangueu o conxunto do chamado Terceiro Mundo, os principios que alí se estableceron, entre outros a doutrina da coexistencia pacífica expresada por primeira vez no tratado de 1954 sobre as fronteiras entre China e India, outorgaron unha certa unanimidade -que despois non se mantivo- no proceso de independencia e de ascensión á soberanía dos pobos do continente. Esta unanimidade non permaneceu porque o conxunto do continente se converteu no escenario da confrontación político-militar leste-oeste dentro do marco da Guerra Fría, á que se engadiron posteriormente outros conflitos, como os derivados do contencioso chino-soviético ou os resultados do dominio colonial. Xa en 1945 a URSS e os EE UU acordaron repartirse a península de Corea en dúas zonas de influencia, o que deu lugar a dous estados, un comunista ao N e outro prooccidental ao S, feito que desembocou na Guerra de Corea (1950-1953), primeiro conflito bélico con participación directa de ambos os dous bloques. Non obstante , o principal destes conflitos foi a Guerra do Vietnam, país dividido dende 1954 en dous estados (comunista e prooccidental). Co obxecto de impedir a expansión do comunismo polo sueste asiático, os EE UU comprometéronse no conflito bélico que os esgotou (1964-1973). O Vietnam, reunificado en 1977 baixo o goberno comunista, foi admitido na ONU. O curso da Guerra do Vietnam tivo unha incidencia decisiva para o resto dos países da zona. Un dos países que máis padeceu os efectos desa guerra foi Camboxa, onde no ano 1975 foi derrocada a ditadura pronorteamericana de Lon Nol. Os khmeres vermellos substituírona por un réxime de signo contrario pero tamén notoriamente brutal. O apoio soviético ao Vietnam e chinés a Camboxa provocou o enfrontamento entre estes dous países en xaneiro de 1978, cando as tropas vietnamitas entraron en Camboxa e instauraron un réxime afín ao seu ata 1989; posteriormente, os sucesivos gobernos non foron capaces de superar a inestabilidade política e a violencia crónica da zona. A Revolución Socialista da China deu lugar á formación da República Popular da China (1951), dominada pola figura carismática de Mao Zedong. Asistida nun principio pola URSS, en 1960 as diferencias entre os dous estados levoulles á ruptura, feito que implicou o illamento do réxime chinés, do que saíu en 1972 cando restableceu relacións diplomáticas cos EE UU, un ano despois de que a ONU substituíse o escano da China Nacionalista (Taiwán), polo da China Popular, que pasou a ocupar un lugar no Consello de Seguridade. Morto Mao Zedong (1976), o novo home forte, Deng Xiaoping, iniciou unha etapa de reformas orientadas a promover o crecemento económico por medio da introdución gradual da economía de mercado. No Xapón instaurouse despois da Segunda Guerra Mundial unha democracia parlamentaria baixo tutela norteamericana, de escasa proxección internacional; sen embargo, axiña se converteu nunha potencia económica mundial grazas ao seu peculiar sistema que combina a economía de mercado con elementos tradicionais. A puxanza económica do Xapón transformouno nun aliado incondicional dos EE UU na rexión, malia as tensións entre eles por mor dos aranceis. Do mesmo xeito, aínda que cun sistema político máis autoritario, a República de Corea e Taiwán mudaron, debido ao seu rápido desenvolvemento, para ser os novos bastións occidentais en Asia. Nas Filipinas, en cambio, o réxime pronorteamericano establecido a partir da independencia (1946) beneficiou tan só a unha oligarquía que, cada vez máis decantada cara ao autoritarismo, desembocou na ditadura de Marcos (1966-1987). A retirada británica do subcontinente indio tivo o seu epílogo en 1947, cando se produciu a independencia da India. Non obstante , as divisións entre musulmáns e hindús conduciron á formación de dous estados: a India e Paquistán. Este último, debido a que estaba dividido en dous territorios sen continuidade territorial, tivo que admitir posteriormente a independencia do Paquistán Oriental (1972), que tomaría o nome de Bangladesh. Dende a súa formación, a Unión India tentou seguir un modelo político determinado pola neutralidade, que lle deu un peso político considerable en política exterior, e por un elevado intervencionismo estatal na economía nun marco político federal e democrático. Non obstante , non deu resolto satisfactoriamente a pervivencia de institucións como o sistema de castes; as diferencias étnicas, culturais e relixiosas que a miúdo enfrontan a pobos do interior do país e, ademais, provocan tensións cos estados veciños; a grande extensión da corrupción e a miseria de amplas capas da poboación, impedimentos que coexisten tamén con elementos inequívocos de modernidade e as tentativas de converterse nunha potencia político militar de ámbito rexional. A zona do Oriente Medio foi obxecto durante os anos da Guerra Fría de fortes tensións internacionais. No ano 1979 tivo lugar a caída do Xa de Persia, aliado fiel de Occidente. No seu lugar implantouse un réxime teocrático xiíta dirixido polo Aiatolá Khomeynī, que tivo unha innegable repercusión no crecemento do fundamentalismo islámico no mundo musulmán. Coa súa insistencia no retorno aos valores tradicionais do Islam, Irán, que rexeitou o seu aliñamento exterior, distanciouse dos EE UU e dos seus aliados, manténdose illado internacionalmente. Os EE UU xustificaron o bloqueo coa acusación de que o réxime xiíta acollía a base de operacións do terrorismo islámico internacional. Por outra banda, a existencia dun vello contencioso territorial con Iraq en torno de Šatt al-’Arab, onde hai importantes xacementos petrolíferos, mantivo unha guerra entre Irán e Iraq que se desencadeou en setembro do 1980 e finalizou no 1988 sen que ningún dos dous estados implicados acadase unha ampliación territorial ou económica. A guerra e o bloqueo depauperaron o país e tan só puido sobrevivir coa represión que favorecía a observación inflexible do Alcorán. Despois da morte de Khomeynī (1989), a intransixencia de Irán cara ao exterior diminuíu. Polo que respecta a Iraq, país dominado polo estamento militar dende 1958 e apoiado polo bloque soviético, dende a metade dos anos sesenta é gobernado de xeito autocrático por Saddam Ḥ usayn, quen desenvolveu unha política expansionista: guerra con Irán e invasión de Kuwait. Isto último motivou a creación dunha coalición internacional dirixida polos EE UU e integrada principalmente por forzas súas, da Gran Bretaña, Francia e diversos países árabes, que expulsaron de Kuwait o exército iraquí (1991). Afganistán, inicialmente un “estado-tapón” entre a colonia británica da India e as posesións asiáticas do imperio tsarista, accedeu á independencia en 1919 adoptando un estatuto de neutralidade. Dende ese momento estivo implicado en varios conflitos internacionais debido á diversidade de etnias e a súa mobilidade. Abolida a monarquía afgana feudal de Zahir Shaho en 1973 e proclamada a República, os conflitos agraváronse, sobre todo co Paquistán por causa da indefinición da liña fronteiriza entre ambos os dous estados. No ano 1979, logo de dous golpes de estado, tomaba o poder unha minoría comunista. A debilidade do novo estado, minado por disensións internas e pola hostilidade de diversos grupos sociais e étnicos, precipitou a intervención militar soviética. Os EE UU responderon cun apoio masivo á guerrilla musulmá dos muxaidíns. Esta intervención que se prolongou ata o ano 1989, freou a distensión da Guerra Fría iniciada en 1963 e foi para a URSS un fracaso que se compara a miúdo co dos EE UU no Vietnam. No Paquistán, onde atopaba acobillo a resistencia afgana, instalouse unha ditadura militar prooccidental no ano 1977, que caeu en 1984 baixo a presión da crecente insatisfacción popular motivada pola corrupción e a represión. No extremo occidental do continente poden diferenciarse ben dous conxuntos: por unha banda a Península Arábiga e o Golfo Pérsico, e pola outra o Próximo Oriente, que teñen na dimensión estratéxico-económica un factor común: o petróleo. As zonas produtoras e tamén as rutas de distribución do petróleo (no Índico e no Mediterráneo oriental) foron adquirindo de xeito simultáneo unha importancia capital. Arabia Saudí constitúe un elemento crucial na rexión tanto pola súa situación xeográfica como polo seu aliñamento político na órbita dos EE UU e dominada polos intereses das grandes compañías petrolíferas estadounidenses, as chamadas Sete Irmás. No sur da Península Arábiga, a presenza colonial británica provocou a partición do Iemen en dous estados. No ano 1979 os dous Iemen entraron en guerra, que rematou no mesmo ano co compromiso de cumprir o acordo de 1972 de fusión de ambos os dous países, unión que se materializa no ano 1990 pero non evitou loitas internas. O sultanato de Omán, protectorado británico dende o s XVIII, acadou a independencia a finais de 1970. O Golfo, na actualidade un dos centros vitais para o mundo industrializado e, polo tanto, importante e estratéxica zona de confrontación, foi durante bastante tempo un protectorado británico, do que se foi liberando progresivamente Kuwait (1961), Bahrain (1971), Qatar (1971) e os Emiratos Árabes Unidos (1971). Dende 1948 o Oriente Próximo sufriu o impacto causado polo permanente conflito árabe-israelí. As fronteiras da zona, produto do réxime de mandatos da Sociedade de Nacións, foron establecidas polas potencias mandatarias (Reino Unido e Francia) sobre os que foran territorios otomanos. Destes mandatos xurdiron Siria (1941), o Líbano (1946), Xordania (1946) e Israel (1948). A reivindicación palestina dun estado propio, que con frecuencia leva implícita a ilexitimidade do Estado de Israel, foi un dos elementos aglutinantes do proxecto dunha gran nación árabe, malia as diferencias dos seus integrantes. O Líbano foi a gran víctima desta situación, logo de que Xordania expulsase do seu territorio a presenza militar palestina (1971) e se convertese na sede do movemento palestino. Como antes Xordania, o Líbano transformouse axiña nun estado esnaquizado por consecuencia das diferencias entre as diversas comunidades libanesas, que se lanzaron a unha guerra civil que arrasou o país e acabou situándoo baixo o control de Siria (1991).
Asia despois da disolución da URSS
A desaparición da URSS tivo como efecto principal a diversificación dos conflitos, que antes estiveran caracterizados pola confrontación entre bloques. A partir dese momento o continente asiático iniciou unha era marcada pola rexionalización. Semella que o modelo económico comunista quedou desacreditado, agás en Corea do Norte. En cambio, polo que respecta ao modelo político-económico alternativo, non está nada claro que a maioría dos estados asiáticos se encamiñen cara ao binomio democracia parlamentaria-capitalismo típico de Occidente que os EE UU, grazas ao seu novo papel hexemónico, intentan favorecer. Na China, os resultados da política económica de Deng Xiaoping, continuada dende 1997 polo seu sucesor Jiang Zemin, situou o país entre as potencias económicas emerxentes. O fortísimo ritmo de crecemento chinés non deixa de presentar trazos inquedantes: elevadísimo nivel de desemprego e grandes diferencias socio-económicas que orixinaron a anarquía e a corrupción que acompañan á actividade empresarial. En política interior, tanto os movementos nacionalistas do Tíbet ou Xinjiang como a disidencia democrática interna, continúan sendo desoídos polas autoridades do país. O modelo político chinés dun país con dúas administracións acelerou o proceso de recuperación das últimas colonias, Hong Kong foi devolta en 1997 polos británicos e Macau en 1999 polos portugueses, mentres que orienta as súas relacións con Taiwán, que no verán de 1999 estiveron a piques de rematar nun conflito armado. En política exterior, China está a demostrar unha clara vontade de hexemonía rexional. Xapón, como Corea do Sur, sufriu as consecuencias da acelerada liberación do mercado mundial posterior ao colapso soviético, que afectou negativamente a unha economía baseada nun forte proteccionismo e na rixidez laboral. Así mesmo, afectou aos fundamentos do sistema político establecido despois da Segunda Guerra Mundial en ambos os dous países. No eido internacional, as tensións entre as dúas Coreas supuxo unha ameaza para a estabilidade rexional, malia a gravísima situación económica que padece a República Democrática Popular de Corea. No sueste asiático, algúns estados como Tailandia, Indonesia e Malaisia, iniciaron a finais dos anos oitenta un crecemento económico acelerado baseado na apertura dos mercados, a captación masiva de investimentos estranxeiros, a orientación exportadora e a man de obra barata. Nos anos noventa, dous dos estados comunistas da zona, Vietnam e Laos, adoptaron un camiño similar ao iniciado pola China, tamén seguido por Myanmar, onde o conflito entre a oposición e a xunta militar pode facer fracasar o intento. Camboxa, en cambio, mantivo un forte conflito entre a guerrilla khmer e o goberno ao longo da década dos noventa, que só en 1998 comezou a atopar solución. O forte pulo da ASEAN como instrumento de integración económica da rexión é un dos principais indicadores da evolución deste grupo de países. Despois da disolución da URSS (1991), apareceron unha serie de novos estados, moitos deles no continente asiático (Acerbaixán, Armenia, Kazakhistán, Kirguizistán, Taxiquistán, Turkmenistán, Uzbequistán e Xeorxia), que en 1999 formaban parte da Comunidade de Estados Independentes, que agrupa tamén a Rusia, Bielorrusia, Ucraína e Moldavia. O papel rexional de Rusia como potencia mundial herdeira da Unión Soviética é fundamental. De feito, a situación político-económica de Rusia tivo un efecto de arrastre sobre estes estados (ós que cómpre engadir Mongolia, aliado fiel e protexido da URSS durante a Guerra Fría) onde, malia a implementación de réximes con institucións democráticas, o poder se concentra nos antigos dirixentes comunistas, que a miúdo gobernan con procedementos dubidosamente democráticos. No terreo económico, a dependencia destes estados de Rusia é fundamental e, igual que neste país, a introdución do libre mercado é vacilante e incompleta, feito que en gran medida é responsable da súa deteriorada situación económica. Estas circunstancias están agravadas polos numerosos conflitos civís de contestación aos gobernos no poder (Taxiquistán e Xeorxia) ou de carácter étnico-nacional que, silenciados durante o comunismo, foron reprimidos con violencia e provocaron enfrontamentos internos (Chechenia en Rusia, Abkhazia e Adxaria en Xeorxia, etc) ou entre estados (guerra entre Armenia e Acerbaixán por Nagorno-Karabakh). Nos estados de Asia central, unha boa parte da poboación recuperou a tradición islámica, o que creou tensión e conflitos coa xerarquía gobernamental ex-comunista. En Iraq, Irán, Afganistán, Paquistán e nos estados da Península Arábiga é determinante, malia as diferencias, o peso do Islamismo. Dende a morte de Khomeynī (1989), en Irán desenvolveuse unha loita polo poder entre os sectores máis ortodoxos, que controlan a maior parte dos organismos de goberno, e os máis moderados, que gozan do apoio de amplos sectores populares, especialmente urbanos. En 1999 o réxime islámico iraniano iniciou unha certa apertura internacional propiciada polo apoio mostrado pola monarquía saudita. O Islamismo revolucionario foi protagonista tamén no Afganistán: despois de facer caer, coa axuda dos EE UU e Paquistán, o réxime prosoviético de Najibullah (1992), as diversas faccións musulmanas embarcáronse nunha longa loita polo poder que persiste (1999) acadando o poder político a dos talibáns, sunitas fundamentalistas de etnia paxto que proclamaron o Emirato de Afganistán (1997). Despois da Guerra do Golfo Pérsico, a ditadura laica de Saddam Ḥ usayn converteuse nun dos obxectivos da política exterior norteamericana, que, apoiada incondicionalmente pola ONU, hostilizou e atacou repetidamente a Iraq, acusándoo de fabricar e almacenar armas de destrución masiva. Nas monarquías da Península Arábiga, tradicionais aliadas de Occidente, aplícase a xaria cunha dureza semellante á de Irán; aínda que a comunidade internacional formulou algunhas advertencias, por outra banda infrutuosas, para que se introducisen medidas democratizadoras. Paquistán debátese entre a vía occidentalizadora, representada polo contorno da familia Bhuto, e as correntes islamistas, que en 1997 gañaron as eleccións, resultado dun período no que a corrupción e a falta de resposta aos problemas urxentes de subdesenvolvemento do país acompañaron as opcións pretendidamente modernizadoras. En 1999 un golpe de estado deulle o poder ao xeneral Musharraf, quen prometeu un goberno de tecnócratas; por estes feitos, foi expulsado da Commonwealth. A India foi un dos últimos estados asiáticos que adoptou unha política económica liberalizadora (1994). Aínda así, subsisten os problemas de subdesenvolvemento e de corrupción xeneralizada, que remataron por facerse crónicos. Cómpre indicar as tensións con Paquistán, a raíz do endurecemento do conflito de Caxemira. Esta tensión acadou tons prebélicos no verán de 1999, cando ambos os dous países fixeron manobras militares na fronteira. Por outra banda, o conflito tamil marcou tamén as relacións da India con Sri Lanka e condicionou a política deste estado. No ano 1993 comezou un lento proceso que conduciu á resolución do conflito entre Palestina e Israel, iniciado coa sinatura dos acordos de paz entre o goberno laborista israelí e o sector maioritario dos palestinos liderado por Arafat. O acordo, que tiña o apoio da ONU e dos EE UU, outorgaba unha ampla autonomía aos palestinos e implicou a cesión gradual dos territorios ocupados. Durante o goberno de Netanjahu (1995-1999) este proceso freouse e mesmo chegou retroceder (atentados, incidentes na liña de control policial na franxa de Gaza e Cisxordania, ocupación de novos territorios, etc); sen embargo, a chegada ao poder do novo Primeiro Ministro, Barak, e dos laboristas, reactivou as negociacións de paz e aumentou a autonomía dos territorios baixo a administración da Autoridade Nacional Palestina. Así mesmo, o exército israelí abandonou no verán de 1999 os territorios ocupados do sur do Líbano e comezou as negociacións sobre os altos do Golán con Siria.