Asís
Cidade da provincia de Peruxia, na Umbria, Italia (23.169 h [1991]). Importante centro prerromano e romano (Asisium). Bispado desde o s VI. No 1208 Francisco de Asís fundou a orde dos Irmáns Menores (OFM), orde dos franciscanos. No principio do s XVI pasou a formar parte dos estados da Igrexa. Cidade de estrutura medieval, conserva algúns restos romanos, pero o máis importante monumento é a Basílica de San Francisco, comezada polo irmán Elías en 1228 e consagrada en 1253. Edificada sobre o sepulcro do santo, consta de dúas igrexas superpostas -románica a inferior e gótica a superior- e dunha cripta (s XIX). Contén pinturas murais de Cimabue, Giotto (frescos da Vida de San Francisco), Pietro Lorenzetti (cinco episodios da Paixón), Simone Martini (Escenas da vida de San Martin), etc, que fan desta Basílica o primeiro monumento da pintura italiana dos ss XIII e XIV. No verán de 1997 un terremoto afectou á cidade, danando gravemente a basílica. Comezou entón un proceso de restauración da estrutura arquitectónica e das pinturas murais. Outros edificios importantes son a Igrexa románica de San Pedro, a Catedral de San Rufino (ss XII e XIII) e a Igrexa de Santa Clara (1527-1265). Xa nos arredores da cidade destacan a Igrexa de Santa María dos Anxos, edificada sobre o oratorio de San Francisco (capela da Porciúncula) no s XVI seguindo os planos de Alessio, foi reconstruída no s XIX tras un movemento sísmico e o Convento de san Damián (s XIII).