Asma, San Salvador de
Igrexa románica situada no concello Chantada. Finais do s XIII. Formou parte dunha antiga fundación monástica beneditina do s XI creada polo conde Ero Ordóniz e a condesa Adosinda, avós de san Rosendo. Durante os s XIII e XIV acumulou un importante patrimonio grazas ás doazóns e aos privilexios recibidos polo favor real. En 1496 anexionouno como priorato o mosteiro de San Benito de Valladolid. Do antigo mosteiro consérvanse na actualidade a igrexa e un claustro na súa cara sur. A igrexa ten unha soa nave que remata nunha ábsida heptagonal no interior e semicircular no exterior. A ábsida e o altar maior cóbrense cun artesoado probablemente de comezos do s XVII. Destacan tamén os canzorros zoomórficos do exterior. No interior consérvanse retablos do s XVI. No Archivo Histórico Nacional de Madrid atópase a colección de pergameos procedentes do mosteiro dos que foron publicados só uns poucos.