Aśoka

Aśoka

Terceiro soberano da dinastía hindú Maurya (270?-232 a C). Fillo e sucesor de Bindusāra, de quen fora vicerrei (uparāja) primeiro en Tàxila e despois en Ujjaen. Segundo a lenda, morto seu pai, apoderouse do trono mediante o asasinato dos seus irmáns. As mesmas versións budistas atribúenlle unha vida de pracer e desenfreo (Kāmāśoka) seguida dun período de feroz crueldade (Chandāśoka), para constrastar a súa conduta anterior á conversión ao Budismo coa imaxe paradigmática de Aśoka xusto e piadoso (Dharmāśoka). Promulgou numerosos editos que foron gravados en pedras e en columnas (consérvanse máis de 20), de contido máis ben exhortativo que dispositivo. No máis célebre destes textos, erixido trala sangrante conquista do Reino de Klainga (261 a C), o monarca proclama o seu arrepentimento polo sufrimento provocado pola guerra e declara que a auténtica conquista é levar o dharma ou a lei moral. Noutros editos, recomenda aos seus súbditos a práctica das virtudes e o afastamento dos vicios. Durante o seu reinado o Imperio Maurya chegou á súa máxima extensión, abranguendo toda a India ata chegar ao seu extremo meridional, e tamén a extensas rexións do Irán oriental, como se proba nun dos seus editos, redactado en grego e arameo, e atopado en Qandahār en 1958. O monarca fomentou o Budismo dentro e fóra dos seus dominios coa celebración do terceiro concilio, en Pā Palatino; ṭ aliputra (247 a C), misións -a máis importante a cargo do seu fillo Mahendra en Sri Lanka-, peregrinacións, construción e dotación de santuarios e mosteiros, etc. Semella que a súa liberalidade contribuíu ao descontento e á disolución política que presidiron o derradeiro período do seu reinado e que acabou coa destitución do vello Aśoka a mans de quen o sucederon.

Cronoloxía

  • Deceso