Asorey González, Francisco

Asorey González, Francisco

Escultor. Aos 14 anos trasladouse a Barcelona, alí estudiou no colexio dos Salesianos de Sarriá onde se iniciou como escultor á sombra do Novecentismo. En 1916 marchou para Barakaldo coa intención de traballar como mestre de debuxo no Colexio dos Salesianos. En 1917 foi a Madrid por mor do servizo militar. Ao longo deste período formativo entrou en contacto coa obra de Rodin e Bourdelle, tendo ademais a oportunidade de participar nos movementos renovadores de Catalunya e Madrid, e no espertar dunha nova sensibilidade que o encamiñou cara á estética medieval, reafirmada coa súa volta a Galicia en 1918 -logo de gañar a praza de escultor anatómico da Universidade de Santiago de Compostela-, onde descubriu o Románico compostelán. Ata a súa chegada a Santiago de Compostela a súa obra segue unhas reminiscencias decimonónicas e rodinianas, manifestando certa preferencia polas formas esvaídas e polas materias brandas, coas que modelou as súas primeiras obras; sen embargo, a súa escultura é claramente realista, destacando o seu poder expresivo, que logra cun tratamento rudo e xestual da superficie, deixando moitas veces as marcas do proceso de traballo, do mesmo xeito que facían os artesáns arcaicos. Así mesmo, dota de dinamismo interno e vitalidade a súa escultura. Xa en Compostela, instalou o seu obradoiro na horta de Caramoniña, lindeira con San Domingos de Bonaval. A súa obra comeza, a partir dese momento, a introducir os materiais esenciais da topografía e da tradición escultórica galega, moi entroncada co Románico. Esta proximidade co medio constitúe o último paso da súa aprendizaxe, nun proceso de asimilación da talla e da extracción das súas calidades expresivas que configuran, finalmente, os trazos dunha linguaxe propia, chea de forza e vitalidade. Nunha serie de obras policromadas que xiran ao redor do tema da muller (Picariña, Naiciña, Ofrenda a San Ramón, O Tesouro e Santa), nótase unha asociación entre temas de fonda raíz na cultura autóctona galega con temas femininos, como a muller que traballa a terra, a maternidade, a morte, etc. Tematicamente, no que respecta a este gusto polos temas populares, Asorey garda moita relación co fotógrafo Ksado, quen lle fotografaba moitos dos seus modelos e lle proporcionaba outras veces material fotográfico que utilizaba para a realización da súa obra. Estas obras, estáticas e frontais, inspíranse no mundo románico e na escultura popular, aínda que dentro do marco do rexurdir do Galeguismo. A partir de 1924, cando obtivo a segunda medalla das Belas Artes pola súa obra O Tesouro, e de 1926, cando conseguiu a medalla de ouro das Belas Artes pola súa obra relixiosa San Francisco, acadou sona no mundo artístico da época e incidiu fondamente no contexto intelectual nacionalista galego. As súas mulleres, loiras e de ollos azuis, empregáronse como modelo da identidade do galego enraizado no mundo celta. Non obstante , a obra de Asorey afundíase no mundo mediterráneo grecolatino legado pola cultura popular galega, aínda que o Galeguismo dos anos trinta utilizou a súa obra para xustificar as orixes célticas de Galicia dende o punto de vista estético. Dende ese momento, Asorey comezou a ser definido como o “escultor da raza”. A etapa máis prolífica de Asorey iniciouse nos anos trinta -en 1932 trasladara o seu obradoiro ao barrio compostelán de Santa Clara-, cando recibiu encargos para realizar tallas en madeira de temas relixiosos (Virxe da Soidade, encargada para un templo de Bilbao, realizada en 1933, ou o altar do Centro Galego de Bos Aires, de 1938) ou profanos, lápidas e numerosas obras de carácter monumental e conmemorativo, como o monumento a San Francisco en Santiago de Compostela (1926) ou o dedicado a Curros Enríquez (1934) na Coruña. Nos anos corenta foi nomeado profesor da Escola de Artes e Oficios, da de Mestría Industrial da que foi o seu primeiro director, e da cátedra de debuxo do Instituto Rosalía de Castro. Foi membro da Real Academia Nuestra Señora del Rosario e da Real Academia Galega, que o nomeou académico de honor en 1957. Tralo seu pasamento sucedéronse moitas exposicións nas que se revisaba a súa traxectoria, como a celebrada na Igrexa de San Bieito de Cambados (1986), que acolleu o maior número de pezas ata entón reunido do escultor, ou a exposición “Francisco Asorey: Centenario”, realizada no Museo do Pobo Galego. Foi a primeira figura soterrada directamente no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Cambados

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela