Asplund, Erik Gunnar

Asplund, Erik Gunnar

Arquitecto. Estudiou na Escola Técnica e na Academia de Artes de Estocolmo. Indiferente ao Funcionalismo europeo, realizou unha arquitectura romántica, de raíces clásicas. Non obstante, na exposición de Estocolmo de 1930 esmiuzou, no seu pavillón, a linguaxe figurativa estendida por Europa polo Racionalismo, independizándoa da súa volumetría, da súa estereotomía cubista e da ideoloxía mecánica e mecanicista. A súa influencia en Europa foi inmensa, sobre todo en Inglaterra. A súa arquitectura é unha invitación á modestia e á antirretórica. As obras máis importantes do seu período romántico son a escola de Karishamn (1912), a capela do Bosque e o cine de Skandia, en Estocolmo (1922-1923), cunha clara decoración neoclásica, a tumba do príncipe Bernadotte e o proxecto primitivo (1921) para a biblioteca municipal de Estocolmo. A partir de 1930, entrou nunha etapa renovadora, que seguiu co almacén Bredberg (1933-1935), co laboratorio bacteriolóxico estatal de Estocolmo (1933-1937) e que culminou coa ampliación da casa da cidade de Göteborg, exemplo maxistral do respecto ao pasado, ao presente e ao futuro. A súa casa de verán (1937), sen ter a mesma notoriedade, entronca con Wright. O crematorio do cemiterio de Estocolmo (1935-1940), a súa última obra, é un retorno ao seu clasicismo: unha cruz enorme reflíctese nun lago artificial; os nomes son significativos: capela da Santa Cruz, da Fe e da Esperanza.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Estocolmo

  • Deceso