Asti
Asti
Capital da provincia de Asti, no Piemonte, Italia, próxima ao río Tanaro (73.373 h [1997]). Centro agrícola e comercial dunha fértil área vitivinícola. Antigo centro ligur e despois colonia romana chamada Hasta Pompeia, converteuse durante o s VI en feudo dun condado longobardo. No s XII erixiuse en municipio libre. Sometida aos Visconti de Milán (s XIV), formou parte do dote de Valentina Visconti (dona de Luís de Orleáns) e quedou en poder de Francia ata 1529, data na que foi cedida ao Emperador Carlos V polo tratado de Cambrai. En 1575 incorporouse a Savoia.