Astorga

Astorga

Capital da comarca da Maragatería, na beira do río Jerga. Núcleo xacobeo de primeira orde, é a encrucillada da Ruta da Prata e do Camiño Francés a Santiago. Constitúe un municipio adscrito á provincia de León, na comunidade autónoma de Castela e León (12.564 h [1996]). É un importante centro agrícola (cereal, viño), gandeiro (ovino) e industrial. Entre os seus produtos máis típicos destacan os mantecados e os follados. Continúa a ser un paso fundamental das comunicacións terrestres dende a Meseta a Galicia, tanto por estrada (A-6 e N-120) como por ferrocarril. Chamada polos romanos Asturica Augusta, foi a capital do convento asturense da provincia da Gallaecia. Alí cruzábanse a Vía Traxana coa Vía da Prata, dúas das máis importantes infraestruturas de comunicacións da Hispania romana. A cidade conserva as murallas romanas, así como as ruínas dalgunha vila descuberta casualmente ao acometer obras no s XX. É sé episcopal dende o s III. A finais do s IV foi unha das vilas máis afectadas pola herexía de Prisciliano. O Rei visigodo Teodorico destruíu a cidade sueva trala Batalla do Órbigo. Na época dos visigodos viviu un intenso movemento monástico con san Toribio, san Fructuoso e san Valerio. Conquistada polos musulmáns a finais do s VIII, foi definitivamente reconquistada e repoboada polo Rei Ordoño I a mediados do IX. Importante centro de peregrinos contou con 21 hospitais. Entre os seus monumentos sobresaen a Catedral de Santa María, iniciada en estilo gótico en 1471 sobre unha edificación do s XI, reedificada no s XIII; as obras da fábrica actual remataron no s XVI. Consta de tres naves con capelas laterais e cabeceira con tres ábsidas poligonais. A portada e as torres da fachada son do s XVII. No interior destaca a Virxe da Maxestade, románica do s XI, o retablo de Gaspar Becerra (1562), obra capital da escultura renacentista castelá, o cadeirado do coro renacentista e unha Inmaculada de Gregorio Fernández. Outros edificios de interese son: a casa do concello na Praza Maior (finais do s XVII) e o pazo episcopal encargado polo bispo Grau Vallespinós a Antonio Gaudí. De estilo neogótico, as obras comezaron en 1899 pero á morte do bispo apareceron certas desavenencias que provocaron o abandono de Gaudí e as obras, moi avanzadas, foron rematadas polo arquitecto Ricardo Guereta (1903). No interior acolle o Museo dos Camiños, inaugurado no Ano Santo de 1965, que está dedicado ás tres calzadas que conflúen na vila: a romana, o camiño da arrieiría maragata e o camiño a Compostela.