astronomía
(
-
s
f
[ASTRON]
Ciencia que estudia a posición, os movementos, a natureza, a estrutura e a evolución, individual ou colectiva, de todos os corpos celestes. As súas ramas son a Astrometría, que determina as posicións dos astros -o que permitiu a confección do calendario, a medida do tempo e a navegación astronómica-; a mecánica celeste, que describe e calcula os movementos dos astros, fundamentalmente obxectos do Sistema Solar (planetas, satélites, asteroides, cometas e tamén as máquinas lanzadas polo home), e confecciona táboas astronómicas, almanaques náuticos ou efemérides; e a Astrofísica, sucesora da astronomía descritiva, que aplica os métodos da Física ao descubrimento dos fenómenos celestes, e que ocupa actualmente case que toda a actividade da Astronomía. A Astronomía é a máis antiga das ciencias da natureza. A interpretación que o home primitivo fixo dos fenómenos astronómicos máis elementais foi esencialmente relixiosa e deu orixe á Astroloxía. En todas as primitivas cosmoloxías, a Terra adóitase considerar plana, cunha campá por cúpula celeste, flotando na auga ou ben sostida por piares. Segundo a cosmoloxía caldea, a Terra era unha montaña, cunha parte superior que estaba habitada polos deuses. Esta cosmoloxía foi adoptada con poucas variantes polos hebreos. Os caldeos chegaron a coñecer os movementos aparentes do Sol, da Lúa e dos cinco planetas visibles sen telescopio, as eclipses, a conxunción da Lúa cos planetas e a dos planetas entre eles. Dividiron o día en doce horas dobres, a hora en 60 minutos e estes en 60 segundos. Agruparon as estrelas en constelacións e asignáronlles un nome aos doce signos do zodíaco. Segundo Halley, descubriron o período ou ciclo de Saros. Os exipcios fixeron progresos importantes no calendario. Pódese destacar tamén a astronomía chinesa, e tamén os coñecementos dos maias e dos incas. Foi en Grecia, no s VI a C, onde a Astronomía comezou a desenvolverse a partir dunha concepción racionalista do mundo. Foron notables os descubrimentos de Anaximandro (s VI a C), Parménides (s V a C), Filolao, Platón (s IV a C) e Éudox (s IV a C). Heráclides Póntico (s IV a C) foi o primeiro en anunciar o movemento de rotación da Terra. Pero a teoría do Heliocentrismo de Aristarco de Samos (s III a C) foi menosprezada ata Copérnico, e durante estes séculos predominou a teoría xeocéntrica da Gran Sintaxe Matemática de Ptolomeo (s II d C). O Cristianismo centrou o seu interese nos poucos aspectos que confirmaban os textos bíblicos. Os árabes, continuadores da obra dos astrónomos da Antigüidade, traduciron e estudiaron o Almaxesto, nome que deron á Gran Sintaxe de Ptolomeo, e confeccionaron táboas astronómicas. Regiomontanus (s XV) destacou como construtor de instrumentos astronómicos. A publicación en 1543 de De Revolutionibus Orbium Coelestium de Copérnico sinalou o nacemento da Astronomía moderna. A reacción dos crentes foi violenta: o Heliocentrismo de Copérnico foi condenado pola Igrexa Católica no 1616. Giordano Bruno (s XVI), partidario das ideas de Copérnico, morreu queimado pola Inquisición. Copérnico, aínda que puña o Sol no centro do seu Sistema Solar, cometeu o erro de vincular os movementos dos planetas aos da Terra e non ao Sol, seguindo traxectorias circulares. Tycho Brahe (1546-1601) descubriu a refracción astronómica e a natureza celeste dos cometas. Kepler (1571-1630), alumno seu, estableceu as súas leis (leis de Kepler), que foron a base das teorías de Newton. Galileo (1564-1642) aplicou o telescopio á observación astronómica: descubriu as fases de Venus e os satélites de Xúpiter xunto coas súas fases; descubriu tamén moitas estrelas e estudiou a natureza da Vía Láctea. As observacións de Kepler, Tycho Brahe e Galileo permitíronlle a Newton (1643-1727), fundador da mecánica celeste, formular a súa lei da atracción universal, única lei de valor para todo o universo. Estableceuse así unha concepción mecánica -e posteriormente mecanicista- do mundo. Os instrumentos progresaron continuamente. En 1667, Auzout e Picard inventaron o micrómetro de fíos. Huygens perfeccionou a óptica dos telescopios e inventou o reloxo de péndulo. Cassini descubriu diversos satélites de Saturno, e estudiou a actividade solar. Malia o precedente de Eratóstenes, a xeodesia non naceu ata a metade do s XVIII. En Inglaterra perfeccionáronse os métodos de navegación astronómica dos navegantes holandeses; Carlos II creou en 1675 o observatorio de Greenwich e o cargo de astrónomo real, que recaeu sucesivamente en Flamsteed, Halley e Bradley. Confeccionáronse tamén os primeiros catálogos astronómicos: o boreal de Flamsteed, o austral de Lacaille, os de Bradley, Piazzi e Bessel. Halley predixo cunha antelación de 75 anos o paso do cometa que leva o seu nome e demostrou que as estrelas presentaban un movemento propio. Como continuadores da obra de Newton cómpre destacar a Euler, 1780, coa axuda do telescopio, Herschel Lagrange e Laplace. En atopou Urano, e durante o s XIX foron descubertos numerosos asteroides. Neptuno foi descuberto por cálculo (1846). En 1930 Howell descubriu Plutón, o máis afastado dos planetas coñecidos. Ata o s XVIII a Astronomía só se ocupou do Sistema Solar, pero entón iniciouse o estudio das estrelas. Herschel fundou a Astronomía estrelar, estableceu o primeiro catálogo de nebulosas e iniciou o estudo das estrelas dobres. Ao longo do s XIX a Astrofísica substituíu á Astronomía. Feitos como o descubrimento das galaxias como sistemas exteriores na Vía Láctea (Hubble 1924-1929) e a aparición de novos modelos sobre a orixe e a evolución do Universo xurdiron da relatividade xeral de Einstein (1916) e da hipótese da gran explosión inicial de Lamaitre (1927). O desenvolvemento de novas técnicas de observación (infravermello, ultravioleta, radio, X, γ), os progresos no instrumental, o impulso na Astronáutica (exploración do Sistema Solar, satélites astronómicos), e o uso dos ordenadores para o control dos instrumentos e para a análise de datos, son as características máis destacadas da Astrofísica contemporánea. O interese céntrase na orixe do universo, na consecuente formación das galaxias, nas interaccións entre elas e nas razóns da actividade inesperada que presentan algunhas.
-
astronomía de posición
[ASTRON]
Denominación frecuentemente empregada para designar a parte da Astrometría que se ocupa da determinación da posición dos astros e do observador.
-
astronomía descritiva
[ASTRON]
Rama da Astronomía que se limita a describir os corpos celestes e a explicar superficialmente os fenómenos astronómicos. Recibe tamén o nome de Cosmografía. Ata chegar á invención do telescopio, a descrición do cosmos limitábase ás constelacións, ás fases da Lúa e de Venus, e aos eclipses do Sol. A partir de Galileo, o estudo dos obxectos resolubles avanzou con rapidez. Galileo observou por primeira vez as manchas do Sol e as montañas da Lúa; a partir do século seguinte a descrición da Lúa converteuse nunha rama particular: a Selenografía. A mediados do s XVIII foron descubertos os cometas. O desenvolvemento dos obxectivos (lentes e espellos), de prismáticos e telescopios permitiu ampliar moito o universo a describir. Pero dende o s XIX a Astronomía descritiva foise subordinando cada vez máis á Astrofísica.
-
astronomía esférica
[ASTRON]
Denominación empregada a miúdo para designar a parte da Astrometría que se ocupa do cálculo da posición dos astros e do observador mediante a trigonometría esférica.
-
astronomía náutica
[ASTRON]
Denominación comunmente empregada para designar a parte da Astrometría que se ocupa dos problemas da navegación astronómica.
-
astronomía teórica
[ASTRON]
Denominación empregada frecuentemente para designar o estudo e a descrición do movemento dos corpos celestes a partir da mecánica celeste.