Asturias, Reino de

Asturias, Reino de

Reino constituído por grupos de fuxitivos que, a raíz da destrución da monarquía visigoda pola invasión musulmá da Península Ibérica, se refuxiaron en Asturias. Un deses aglutinadores dos refuxiados e naturais contra o dominio musulmán foi Paio, probablemente un nobre godo -se ben se ten discutido sobre a súa realidade histórica- quen se refuxiou nas montañas e foi recoñecido como adail ou príncipe (718). Unha expedición musulmá contra el foi derrotada en Covadonga (?722). Paio (morto no 737) puido manter a independencia deste núcleo, que se convertería na cerna do proceso que a historiografía tradicional deu en chamar Reconquista. Paio estableceuse en Cangas de Onís e foi xefe dunha dinastía que, se ben era de carácter electivo, ficou vencellada á súa familia. Afonso I (739-757) consolidou o Reino Ástur e principiou a súa expansión, incorporando Galicia. Silo (774-788) trasladou a corte a Pravia. Afonso II o Casto (791-842) resistiu os exércitos musulmáns; realizou diversas expedicións polos dominios do Islam e ocupou temporalmente Lisboa; este monarca fixou a Corte en Oviedo. Afonso III (866-910) fixo avanzar as fronteiras ata a liña do Douro. A partir deste momento, os monarcas comezaron a titularse como reis de León.