Atanasio
o Grande , santo (Alexandría 295? - ? 373) Patriarca de Alexandría dende 328 a 373, Doutor da Igrexa, e un dos catro grandes pais orientais. Sucedeu ao Patriarca Alexandre. Asistiu ao Concilio de Nicea, celebrado no 325, onde se enfrontou á doutrina de Ario ( arianismo), negadora da divindade de Cristo, e acadou que o Concilio heretizase o Arianismo e introducise no Credo frases radicalmente opostas aos preceptos arianistas: “nado do Pai antes de todos os séculos, Deus de Deus, luz de luz, Deus verdadeiro de Deus verdadeiro, xerado, non creado, da mesma natureza ca o Pai”. Durante as subseguintes loitas foi desterrado cinco veces da sé bispal (336, 339, 356, 362, 365). A súa actividade como grande opositor do Arianismo maniféstase, tanto nas súas obras De incarnatione (A encarnación) e Adversus arrianos (Contra aos arianos), como no Sínodo Alexandrino de 362, onde se chegou á formulación do concepto de ‘Persoa’ (divina), en grego hypóstasis. A súa doutrina sobre a divindade de Xesucristo foi finalmente recoñecida ortodoxia no Concilio de Constantinopla, no 381. Santo Atanasio forma con san Teodoro a parella de discípulos de Santiago que, segundo a tradición xacobea, trouxeron o corpo do apóstolo (a Traslatio) a Compostela e ambos os dous foron enterrados co Apóstolo na Catedral de Santiago, onde durante as intervencións da década do 1950 foi achada unha tumba martirial caracterizada polo furado que permitía a recollida de reliquias nestas deposicións, coa inscrición ‘Atanasius martir’. A súa festa onomástica celébrase o 2 de maio.