atehuda
Na lírica medieval galego-portuguesa, cantiga construída de principio a fin con encabalgamento interestrófico, de xeito que a pausa versal do último verso de cada cobra non se corresponde cunha pausa sintáctica. Kellermann fixou en vinte e catro o número de cantigas atehudas, pero esta cifra foi ampliada posteriormente por Elsa Gonçalves ata un total de corenta e tres composicións (trinta e catro de amor, sete de amigo e dúas de escarnio), obra de vinte e dous trobadores de cronoloxía diversa. Non obstante , na lista ofrecida por esta última estudosa non figuran tres cantigas biestróficas que se axustan plenamente á definición de atehuda, quizais porque as considerou fragmentarias: “Estes que m’ ora tolhem mha senhor” de Afonso Sanchez; “A mi dizen quantos amigos ey” de Johan Fernandez d’Ardeleiro, e “Vos, mha senhor, que non avedes cura” de Osoir’Anes. A denominación atehuda procede da Arte de trobar onde, ademais de definirse o termo con relativa precisión, puntualízase que esta técnica pode verificarse tanto en cantigas de mestría (sete casos nos cancioneiros) como de refrán (trinta e seis composicións conservadas). Á luz dese breve tratado poético, poderíase se cadra deducir que a presenza da fiinda sería unha condición inherente á cantiga atehuda: “E toda a cantiga assy deve d’yr ata a fiinda et aly deve d’ensarrar e concludir o entendimento todo do que antes non acabou nas cobras”. Non obstante , hai casos claros de atehudas sen fiinda (“Vi eu donas, senhor, en cas d’el-rei” de Johan Airas de Santiago), ou con fiinda sintacticamente independente (“Conselhou-mi ~ua mia amiga” de Johan Vasquiz de Talaveira). Aínda que existen unhas poucas atehudas construídas mediante un simple encabalgamento -por exemplo, “Pois eu d’atal ventura, mia senhor” de Roi Gomez o Freire-, o máis frecuente é que este recurso retórico se combine coa presenza de cobras capdenais, de maneira que o primeiro verso de todas as estrofas a partir da segunda (e o primeiro da fiinda, se a houber) comezan cunha anáfora de extensión variable.