ATEO
Creada en 1933, posteriormente incorporouse á FETE (Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza) cando xa o proceso republicano estaba moi avanzado. O seu crecemento foi moi rápido e en 1935 xa contaba con 250 afiliados presididos por Luís Soto Fernández. Algúns dos seus membros foron: Luís Soto, Baltasar Vázquez (director de Escuela del Trabajo, órgano de expresión da ATEO), Rafael Alonso, Fernández Mazas, Adolfo Ansias, Heriberto López Bello, Ignacio Herrero, Eligio Núñez, etc. Moitos deles colaboraron ademais noutros medios escritos, entre eles La República. Nun principio a ATEO caracterizouse pola mestura de correntes galeguistas e de esquerda republicana, pero despois definiuse pola súa pluralidade. Constituíuse como un dos foros onde se debatían novos modelos educativos procurando a renovación pedagóxica, entendida esta como coñecemento científico, obxectivo e neutral. Este movemento renovador serviu de plataforma a diferentes concepcións da sociedade e da educación.