Atlas Lingüístico Galego

Atlas Lingüístico Galego
Nome científico: [ALGA]

No ano 1973 un grupo de investigadores coordinados polo profesor Constantino García recibía o encargo de realizar as enquisas no territorio de Galicia para o Atlas Linguarum Europae e para o Atlas Lingüístico de España e Portugal, e decatouse de que este era o momento oportuno para, cun pouco máis de esforzo engadido, afrontar a realización dun Atlas Lingüístico Galego. Galicia non contaba aínda con ningún traballo propio de xeolingüística, se ben o seu territorio aparecía incluído dentro da rede do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica con 52 puntos, rede demasiado reducida para poder estudar a realidade dialectal galega. Ademais do ALPI só se chegaron a publicar 75 mapas, e o material inédito algún está perdido e outro espallado por diversos lugares.
Metodoloxía
O cuestionario constaba de 2.711 preguntas seleccionadas tendo en conta outros atlas doutras zonas da Romania e os estudios realizados con anterioridade sobre a lingua e a cultura galegas, especialmente as teses doutorais e as memorias de licenciatura existentes. Este cuestionario único está dividido en catro grandes capítulos: fonética (148 preguntas), morfoloxía (240 preguntas + un cuestionario específico de morfoloxía verbal), sintaxe (139 preguntas) e léxico (2.183 preguntas, das que un número importante son de resposta múltiple). Os enquisadores do ALGA foron María do Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González, que participaron así mesmo na elaboración do Cuestionario, ao lado de Constantino García e A. Santamarina (directores do proxecto). Antes de realizar as primeiras enquisas foi necesaria unha etapa de coordinación entre os tres investigadores para unificar a maneira de preguntar e para acadar a maior uniformidade posible na transcrición. Despois deste período inicial, os tres enquisadores fixeron conxuntamente, no mesmo lugar e co mesmo informante, as primeiras enquisas, co fin de verificar a concordancia das súas transcricións. Máis tarde cada investigador pasou a realizar as enquisas independentemente, aínda que de maneira periódica se reunían para facer unha enquisa en común e para intercambiar opinións e discutir os problemas que xurdían no decorrer do traballo.
A rede de puntos
Nun primeiro momento pretendeuse establecer unha rede máis ou menos simétrica, cunha distancia aproximada de 20 quilómetros entre cada punto. Pero introducíronse desviacións deste criterio en casos que merecían un tratamento específico:
a) algunhas zonas limítrofes entre o galego e o leonés, zonas das que se tiña moi pouca información contrastada, e nas que era conveniente delimitar as isoglosas coa maior precisión posible nunha obra deste tipo.
b) algunhas zonas onde era necesario precisar a área de fenómenos como o seseo, a gheada, os resultados dos sufixos latinos -ANU, -ANA, etc.
c) Procurouse, igualmente, facer máis mesta a rede na franxa costeira, porque presenta unha densidade de poboación máis alta ca o resto do territorio, e porque é a zona de maior variedade dialectal: gheada, seseo, cheísmo, teísmo, diversas construcións con infinitivo, etc. Á hora de establecer a rede de puntos procurouse que todos os tipos de poboación estivesen representados, para non falsear a realidade lingüística. Por esta razón, ao lado de puntos relativamente illados e arredados das principais vías de comunicación, escolléronse outros correspondentes a vilas e cidades, onde o galego está xeralmente máis contaminado polo castelán, pero que resultan interesantes para o estudo das interferencias lingüísticas. Con estes criterios, deseñouse unha rede de 167 puntos, dos que 49 pertencen á provincia da Coruña, 33 á de Pontevedra, 39 á de Lugo, 31 á de Ourense, 7 á de Asturias, 5 á de León e 3 á de Zamora.
Os informantes
Para a escolla dos informantes que debían responder as preguntas procurouse na medida do posible achegarse ao modelo tradicional de “informador ideal”: unha persoa que non viaxara e que falase con espontaneidade, sen deformacións da boca e sen defectos articulatorios; dotada de boa intelixencia natural; nacida ela e os seus pais no lugar que se estudia, etc. Na maioría dos casos a enquisa realizouse cun informante principal, co que se cubría todo o cuestionario ou a maior parte del; pero tamén en moitos casos se buscaron informadores secundarios para responderen preguntas das que o informante principal ignoraba a resposta, como ocorría a miúdo co léxico especializado do muiñeiro, ferreiro, carpinteiro, etc. Nalgúns casos, ante a dificultade de atopar unha persoa axeitada que puidese estar dispoñible o tempo necesario para a realización íntegra da enquisa (ó redor de tres días), os enquisadores optaron por dividir o cuestionario entre dous informantes principais. A idade media dos informantes estaba ao redor dos 60 anos, aínda que se tivo en conta na medida do posible a información complementaria procedente de persoas de maior idade (moitas veces transcendental polo que respecta ao léxico) así como das persoas pertencentes a xeracións máis novas, particularmente cando o enquisador percibía a existencia de innovacións no dominio fonético (por ex, despalatalización do fonema /S/, o cambio na realización fonética do /?/, a existencia de yeísmo, etc). Cando se observaron diverxencias deste tipo, cada resposta leva a indicación do informante que ofreceu cada unha das solucións.
A ordenación dos datos
Cando se finalizaron as enquisas do Atlas, pasáronse todos os datos a uns cadernos nos que se recollían de maneira ordenada as respostas a cada pregunta en todos os puntos da rede, coa idea de elaborar os mapas a partir destes cadernos. Pero a irrupción da informática e a posibilidade da cartografía automática, levounos a desbotar estes cadernos e organizar novamente a información nunha base de datos que nos permita a transferencia da información a un programa cartográfico. A medida que ía pasando o tempo, a informática foi ocupando un papel cada vez máis importante na elaboración do ALGA, e mesmo na composición dos volumes xa publicados: o primeiro volume foi composto manualmente, pegando cada símbolo sobre un mapa de fondo no lugar que lle correspondía. No segundo volume seguiuse un sistema semellante, pero con auxilio do ordenador: en vez de facelo pegado manualmente fíxose sobre a pantalla dun ordenador, utilizando o programa Corel Draw. No terceiro volume produciuse un salto cualitativo cara á cartografía automática, mediante a asociación dunha base de datos, que contiña a información lingüística debidamente estruturada, e o programa cartográfico MapInfo encargado de trasladar a información da base de datos sobre un mapa de maneira automática.
Obxectivos
O feito de que o ALGA sexa un atlas nacional dun dominio lingüístico completo non quere dicir que estea concibido como un atlas illado e puramente particularista. Pola contra, a súa preparación seguiu sempre unha dobre orientación:
a) Procurar, por unha banda, a conexión con outros atlas máis xerais. Esta é a razón da inclusión no cuestionario do ALGA do Atlas Lingüístico de España y Portugal (ALEP) que, á súa vez, inclúe o do Atlas Linguarum Europae (ALE). Gracias a esta coordinación, unha parte do material recollido para o ALGA foi utilizado tamén para o ALEP, para o ALE e para o Atlas Linguistique Roman (ALiR).
b) Pero, por outra parte, tratouse de afondar igualmente nas características propias. De aí que unha parte importante do Cuestionario estea orientada ao estudo de certos aspectos tipicamente galegos ou de fenómenos que teñen importancia dentro do sistema lingüístico galego. Este atlas permítenos ver agora xa, pero con moita maior claridade cando estea concluído, a riqueza lingüística de Galicia, así como a súa personalidade diferenciadora no conxunto peninsular, románico e europeo. Os seus datos resultan imprescindibles para o estudo das variacións internas do galego, pero tamén para fixar con precisión a posición desta lingua con respecto ás realidades lingüísticas do redor.
Volumes publicados e previsións de futuro
Ata este momento publicáronse tres volumes: o primeiro dedicado ao estudo da morfoloxía verbal, o segundo á morfoloxía non verbal e o terceiro á fonética. Para a súa redacción tivéronse en conta non só os datos procedentes das 167 enquisas que corresponden á rede do atlas, senón tamén outros datos tirados de enquisas complementarias, das gravacións feitas ao mesmo tempo ca as enquisas, e dalgúns estudios monográficos realizados sobre as falas de distintos puntos de Galicia. O primeiro volume (Morfoloxía verbal) foi publicado pola fundación Pedro Barrié de la Maza no ano 1990, consta de 422 mapas nos que se recolle a conxugación dun conxunto de verbos regulares e irregulares no galego de hoxe. Os primeiros mapas están dedicados á conxugación dos verbos regulares, e deseguido aparecen os irregulares ordenados alfabeticamente. Este volume foi coordinado por Francisco Fernández Rei. O segundo volume (Morfoloxía non verbal), coordinado por Rosario Álvarez Blanco, foi publicado pola fundación Barrié no ano 1995, ocúpase da morfoloxía non verbal. Consta de 378 mapas referidos ao estudo do xénero e o número dos substantivos e adxectivos, a gradación e comparación, algúns sufixos, o artigo, o demostrativo, o posesivo, o pronome persoal, os numerais, os indefinidos, os relativos, interrogativos e exclamativos, os adverbios, as preposicións e algunhas conxuncións. O terceiro volume (Fonética) foi coordinado por Manuel González González, e tamén publicado pola fundación Barrié, no ano 1999. Nel recóllense 423 mapas nos que se reflicten os principais fenómenos de fonética galega, considerados tanto desde un punto de vista sincrónico como diacrónico: resultados das vocais latinas no galego de hoxe, influencia da metafonía, influencia das nasais sobre o vocalismo, resultados dos ditongos latinos, encontros secundarios de vocais, fenómenos esporádicos de asimilación, disimilación, prótese, epéntese, metátese, síncopa, etc; evolución das semiconsoantes do latín vulgar, evolución das consoantes latinas, evolución dos grupos consonánticos primarios e secundarios, casos de metátese consonántica, etc. A maior parte dos mapas que aparecen nestes tres volumes son mapas de signos, aínda que nun grupo deles por presentaren resultados con distribución en áreas continuas optouse por unha representación con isoglosas que delimitan as áreas que ocupa cada resultado. Está prevista a publicación de oito volumes dedicados ao estudo do léxico, que irán vendo a luz nos anos sucesivos.
Valoración
Cando estea rematado o ALGA, a lingua galega contará cun atlas lingüístico que non só lle permitirá dar conta da variedade interna desta lingua no último cuarto do século XX, senón que, grazas á súa conexión con outras obras que se ocupan de unidades xeográficas de maior tamaño (como son o Atlas Lingüístico de España y Portugal, o Atlas Linguistique Roman e o Atlas Linguarum Europae) fará posible ver a personalidade diferenciadora do galego con respecto ás demais linguas circundantes ou pertencentes á mesma familia románica. Os datos do ALGA son un tesouro para o estudo da fonética do galego (a gheada, os sistemas de sibilantes, a metafonía, etc), da súa morfosintaxe (áreas de conservación da acentuación etimolóxica en formas tipo cantabamos, cantabades, fixeramos, fixerades, etc; zonas de cheísmo e teísmo; vitalidade do pronome de solidariedade, etc) e do seu léxico (distribución das áreas léxicas, vitalidade de voces prerromanas desaparecidas no resto da Iberorromania, interferencias do español, etc). Os materiais do ALGA tiveron xa moitos aproveitamentos que non estaban previstos cando se planificou a obra. Os seus datos tiveron un peso importante na toma de decisións adoptadas nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, polas que se rexe a variedade normativa do galego, así como nas escollas léxicas levadas a cabo no Vocabulario ortográfico da lingua galega. O seu léxico será incorporado ao Tesouro lexicográfico da lingua galega, e será un material utilísimo para a confección de dicionarios. As súas gravacións non só teñen utilidade lingüística, senón que constitúen tamén unha extraordinaria fonte de información etnográfica e mesmo histórica.