atún
(< ár at-tūn ou at-tunn < latthŭnnus < gr ϴύννος‘atún’)
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
Denominación común que engloba unhas 48 especies de peixes de distribución practicamente mundial, que pertencen á familia dos escómbridos, que se subdivide á súa vez en 14 xéneros. Nas augas da Península Ibérica o número redúcese, de xeito que só se atopan 10. Os atúns habitan na maior parte dos océanos; aliméntanse e reprodúcense principalmente nas augas quentes e mornas, polo tanto, ausentes só das augas frías do Ártico e mais o Antártico, xa que moi poucas especies, entre as que se atopan as xardas, superan a latitude dos 50° (tanto setentrional como meridional). Caracterízanse por presentar corpo fusiforme e algo comprimido lateralmente, coroado por dúas aletas dorsais, a primeira de radios duros e espiñentos, bastante maior cá segunda que os presenta brandos. Ademais, entre esta última e a cola, aparecen unha serie de pínnulas (falsas aletiñas) que teñen tamén a súa correspondencia na parte inferior, entre a anal e a caudal. Trátase de especies peláxicas (que viven nas augas libres), de costumes migratorias, xeralmente gregarias (forman grandes bancos), dotadas dunha gran voracidade: a súa alimentación é basicamente piscívora, aínda que interveñen tamén outros organismos como moluscos e compoñentes do plancto. Presentan o fociño prolongado e a boca armada de dentes que, ás veces, invaden tamén o padal e mais a lingua. Os ollos, polo xeral, son adiposos, agás nas especies dos xéneros Scomber e Rastrelliger. A cola presenta a forma dunha lúa minguante, amosándose ben desenvolvida e inseríndose no tronco a través dun pedúnculo que presenta quillas arriba e abaixo, e que axudan á estabilidade durante a natación. Normalmente, agás contadas especies, realizan concentracións previas á viaxe de reprodución á que despois da posta segue outra de dispersión. É precisamente neses desprazamentos masivos nos que viaxan concentrados, cando saen os pescadores na súa procura, obtendo grandes cantidades tanto a bordo, como nas almadrabas ou atuneiras que lles cortan o paso. Debido ás baixas temperaturas do Atlántico Norte, en Galicia aparece un número reducido de especies (a cabala, a xarda, o bonito, o atún vermello e o atún branco), pois algunhas especies mediterráneas non se aventuran por estas latitudes. Utilízanse na súa captura variados sistemas de pesca que van dende as artes fixas, como almadrabas, cerca de estacas e bambús, ás artes móbiles, feitas principalmente con redes ou provistas de anzois (curricán, palangre, engado vivo).
-
atún branco
[ANIMAL/ICT]
Atún pequeno que raramente supera os 1,20 m de longo e os 30 kg de peso. Presenta unha longa aleta pectoral, estreita e moura, que supera amplamente a vertical que pasa pola segunda dorsal. Captúranse unhas 200.000 Tm deste peixe todos os anos.
Sinónimos: albacora. -
atún de aleta negra
[ANIMAL/ICT]
Atún que mide como máximo 90 cm de longo e que presenta unha mancha escura na metade das aletas pectorais. Vive no Atlántico americano, dende Canadá ao Brasil. Péscanse unhas 1.000 Tm anuais a nivel mundial.
-
atún meridional
[ANIMAL/ICT]
Atún que acada un tamaño máximo de 2,30 m de longo e que presenta unha cor marela no bordo das quillas caudais, característica que os distingue doutras especies. Vive na parte baixa dos océanos Atlántico, Índico e Pacífico, e estivo moi relacionado co atún atlántico e mais co oriental. Captúranse unhas 45.000 Tm anuais, principalmente nos caladoiros surafricanos, no cono suramericano (ambas ribeiras) e arredor do continente australiano.
-
atún patudo
[ANIMAL/ICT]
Atún que presenta unha aleta pectoral moi longa, sobre todo nos exemplares novos, feito que pode confundilo co atún branco naqueles lugares nos que ambas especies están presentes. Aínda así esta aleta é algo máis ancha e nos exemplares máis vellos vese bastante máis curta. Propio das augas quentes e mornas dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico, péscanse en augas abertas arredor dunhas 200.000 Tm anuais que se consomen preferentemente conxeladas, enlatadas ou secas e salgadas.
-
atún rabil
[ANIMAL/ICT]
Atún que se caracteriza polo tamaño desmesurado da segunda aleta dorsal, que supera en moito á primeira, e que ten a súa correlación coa pélvica, de xeito que parece que arrastra dous rabos. Acada un talle máximo de 1,90 m. Aparece nas augas tropicais e subtropicais de todos os océanos. As súas capturas superan o medio millón de toneladas anuais. Péscase en augas abertas de todos os océanos.
-
atún rabilongo/atún tongol
[ANIMAL/ICT]
Atún que presenta o pedúnculo caudal máis longo do que é habitual noutros atúns. É unha especie de tamaño medio, pois acada os 1,05 m. Vive no Indo-Pacífico, chegando cara a Occidente ata o Mar Vermello. Ás veces frecuenta zonas costeiras baixas en salinidade nas bocas dos ríos. Péscase sobre todo con palangre, aínda que as capturas mundiais non sobrepasan as 2.000 toneladas, e consómese fresco e salgado.
-
atún vermello
[ANIMAL/ICT]
Atún no que se distinguen dúas subespecies: unha propia do Atlántico e do Mediterráneo, T. thynnus thynnus, e outra distribuída polo Pacífico, T. thynnus orientalis. Á parte de vivir en océanos ben distintos, existen algunhas diferencias entre elas. Así, a do Atlántico é bastante máis grande cá que vive no Pacífico (4 m de longo contra 1,05 m) amosando, ademais, a vexiga natatoria de maior tamaño e diferentemente disposta. Tamén a relación osteolóxica entre as vértebras 9ª e 10ª é distinta. A aleta pectoral vese máis longa na especie atlántica ca na pacífica; e, por último, a do Atlántico ten algunhas branquispiñas máis no primeiro arco (34-43) ca a que vive na parte oriental (32-40). Trátase dunha especie peláxica, gregaria e migradora pero que presenta, pola contra, individuos solitarios, de andadura errática, que se afastan da comunidade e que poden acadar tamaños sorprendentes. Moi voraz, consome cantidades enormes de alimento, sobre todo peixes, como cabalas e sardiñas, e tamén crustáceos, maiormente cangrexos peláxicos, dos chamados patexos. Captúranse no Cantábrico con curricáns, ceibados con follas de millo que se arrastran pola superficie do mar co movemento do barco. Poden chegar a pesar ata media tonelada. A súa carne é tan apreciada como a do atún branco. Entre unha e outra especie (atlántica e oriental) captúranse a nivel mundial arredor das 50.000 Tm que se consomen preferentemente en fresco, conxelado, enlatado e menos usualmente cru. O atún do Atlántico fai migracións periódicas, internándose no Mediterráneo para desovar entre abril e agosto, arredor das Illes Balears, ao norte de Sicilia e no interior do Mar Tirreno. Cando son capturados nas almadrabas na súa viaxe prenupcial, chámaselles atúns de dereito ou de paso, mentres que se se apañan unha vez realizada a posta, denomínaselles atúns de revés ou de retorno.
-
s
m
[ALIM]
Peixe moi apreciado polos gregos, que lle reservaban o nome de Posidón e Arquestrato de Gela; no mundo antigo tamén se denominaba porco do mar, polas súas diferentes preparacións e sabores. En España é máis propio do sur da Península, aínda que as súas formas de preparación son semellantes ás do bonito do norte, e o seu sabor só é diferenciable por expertos. A súa carne, escura, graxenta e de intenso aroma pode consumirse fresca, afumada, en aceite, en escabeche ou desecada.