auga

auga

(< lat aqua)

  1. s f [QUÍM]

    Composto formado por hidróxeno e osíxeno, de fórmula H2O. Atendendo ao seu papel na natureza e aos seus innumerables usos, pódese dicir que é a máis importante de todas as substancias e que durante séculos foi considerada un elemento.

    Propiedades físico-químicas da auga:
    Composición. A súa composición estableceuna Cavendish en 1781 facendo estourar unha mestura de hidróxeno e osíxeno. A análise fixérona Lavoisier e Meusner en 1783, descompoñendo o vapor con ferro candente. A descomposición electrolítica realizárona por primeira vez Nicholson e Carlisle no ano 1800. O problema da composición da auga reformulouse en 1913 coa descuberta dos isótopos, e conduciu á separación da auga pesada. A auga de orixe natural é, de feito, unha mestura de H2O e de moi pequenas cantidades de D2O e HDO e, asemade, contén en proporcións case non medibles, combinacións derivadas dos isótopos 17O e 18O e do tritio. No estado de vapor os dous enlaces H-O forman un ángulo de 104°27’ cunha distancia entre os centros atómicos de 0,96 Å. O enlace H-O é covalente, pero a diferencia nas electronegatividades confírelle un certo carácter iónico e provoca a formación dun dipolo. A estrutura en estado sólido, onde cada osíxeno está envolto tetraedricamente por outros catro é moi aberta, a consecuencia da formación de enlaces hidróxeno O-H-O. A pesar disto, as moléculas de auga conservan a súa individualidade, pois o hidróxeno encóntrase preto dun osíxeno (0,99 Å e afastado do outro (1,77 Å). O número total de enlaces hidróxeno decrece coa temperatura, pero continúa sendo elevada ata a ebulición. A estrutura da auga líquida é ata uns 4°C moi similar á do xeo. Por riba dos 4°C a estrutura é aínda semicristalina, malia que máis compacta, e cómpren condicións especiais de temperatura e presión para que domine a estrutura máis típica dos líquidos (empaquetado máximo das moléculas). Baixo presión normal, a auga líquida preséntase como unha estrutura macromolecular con baleiros onde se poden intercalar outras moléculas ou ións capaces de rachar os enlaces de hidróxeno, o que explica as excepcionais propiedades da auga como solvente. O equilibrio dinámico entre as tres estruturas e a presenza dos enlaces hidróxeno explican tamén as propiedades físicas particulares da auga líquida.

    Poliformismo. Dende o punto de vista das propiedades físicas, a auga é, en efecto, unha das substancias máis complexas. Unha particularidade interesante é o polimorfismo en estado sólido, xa que o xeo pode presentar seis formas cristalinas diferentes. Isto fai que, en certas condicións de presión e temperatura, coexistan dúas fases sólidas e unha líquida ou tres fases sólidas. Agora ben, alí onde a auga manifesta un comportamento máis especial é no estado líquido. As súas principais anomalías son: o feito de que a 0°C a densidade do xeo é inferior á da auga líquida; os valores anormalmente elevados das súas temperaturas de fusión e de ebulición; a diminución da viscosidade ao aumentar a presión (por baixo dos 30°C) e da comprensibilidade ao aumentar a temperatura; os valores elevados da calor específica, de fusión e de vaporización, e da constante dieléctrica. A expansión da auga ao solidificar fai rebentar os tubos e os radiadores dos automóbiles; sen embargo, a máxima densidade da auga líquida (3,98°C), evita a conxelación total dos ríos e dos lagos no inverno, e do mar nas rexións árticas. Por outra banda, os valores elevados da calor específica de fusión e de vaporización fan que as masas de auga actúen como regulador térmico e inflúan enormemente sobre o clima. A auga, cando é pura (auga destilada, auga bidestilada), é incolora -polo menos en pequenas cantidades-, inodora e insípida. A súa condutividade eléctrica é moi baixa (auga de condutividade).

    Estabilidade. Quimicamente é moi estable e fortemente exotérmica. A principal característica química da auga é, sen dúbida, ser o máis universal de todos os solventes. Ademais, cómpre salientar a súa capacidade de producir os compostos moleculares chamados hidratos; as reaccións de hidrólise e de descomposición e o seu poder catalítico. O poder solvente da auga maniféstase, sobre todo, coas substancias polares. A causa da súa constante dieléctrica elevada, a auga favorece, máis que calquera outro solvente, a disociación electrolítica. Os ións envólvense en moléculas de auga. A solvatación prodúcese, ou ben por formación de enlaces hidróxeno (caso dos anións) ou de coordinación (caso do ión H+ que dá H3O+), ou ben por simple atracción electrostática entre o ión e o dipolo da auga. Nas reaccións de descomposición, a auga descomponse liberando un dos seus compoñentes. A causa da electronegatividade elevada do osíxeno, só o flúor é capaz de descompoñer a auga liberándoo en frío. Pola contra, os elementos que liberan hidróxeno son moi numerosos e comprenden algúns non-metais (carbono, silicio e boro) e todos os metais máis electropositivos ca o hidróxeno. As reaccións co cloro (auga de cloro) e con moitos carburos metálicos (acetileno) son reaccións de hidrólise. Como catalizador, a auga ten tamén grande importancia, xa que son numerosas as reaccións que non se producen sen a súa presencia. Así, as reaccións do osíxeno co carbono, o óxido de carbono, o xofre, o fósforo e o hidróxeno, normalmente moi vivas e incluso explosivas, non teñen lugar -ou son moi lentas-, cando os reactivos están perfectamente secos. Nalgúns casos o efecto catalítico da auga explícase pola disociación en ións que se produce.
    Analítica. Atendendo á influencia da auga sobre as propiedades de moitos produtos, a súa determinación analítica reviste unha grande importancia. Un exemplo típico é a determinación da humidade atmosférica, efectuada cos higrómetros. Cualitativamente a presenza da auga se identifica mediante a utilización de reactivos químicos (nitruro magnésico, carburo de calcio e outros) ou mediante medidas físicas, como a espectrofotometría infravermella. Para a determinación cuantitativa, o método máis clásico é o pesado, efectuado antes e despois da desecación en estufa ou ben cunha termobalanza. Este último método é máis adecuado. Nos últimos tempos, o método químico máis importante é o de Karl Fischer, que utiliza como reactivo unha solución de iodo e de anhídrido sulfuroso nunha mestura de piridina e metanol anhidrados. Para coñecer a humidade de certos sólidos, rapidamente pero sen moita precisión, utilízanse na industria aparellos baseados en medicións eléctricas, automáticas ou de manexo moi simple, que precisan dunha calibración previa. A súa principal aplicación é a determinación da humidade dos produtos de orixe orgánica (madeira, coiro, tabaco, cereais e demais).

    Augas Naturais. A auga atópase na natureza en forma de vapor, líquida ou sólida e constitúe, aproximadamente, unhas tres cuartas partes en peso da codia terrestre. A auga líquida natural non é nunca pura e contén materias en suspensión e numerosas substancias disoltas, variables en natureza e cantidade segundo a orixe. As máis correntes son os gases do aire e os ións Na+,Ca2+, Mg2+, HCO3-, CI-, SO42-. Cando a proporción de ións CI- e Na+ é moi elevada, como no caso da auga de mar, a auga é salgada. As propiedades e os usos posibles da auga dependen moito da cantidade de calcio e magnesio presentes e, dende este punto de vista, tecnicamente se distingue entre as augas duras e as augas brandas. Ademais das substancias mencionadas, a auga natural pode conter en menor cantidade outros elementos e compostos inorgánicos. A miúdo, tamén pode levar compostos orgánicos, provenientes de residuos biolóxicos ou dos seus produtos de degradación, e algúns microorganismos. Está presente como auga de hidratación en moitas rochas e pódese atopar en estado natural con carácter radioactivo (presencia de emanación). Finalmente, todas as augas que conteñen residuos industriais se denominan augas residuais.
    A auga e os seres vivos

    Os tecidos de animais e plantas presentan contidos de auga moi elevados, que aumentan canto maior sexa a actividade fisiolóxica destes. O contido de auga é máximo nos tecidos máis novos (embrión, meristema) e diminúe gradualmente coa idade. A importancia fisiolóxica da auga está intimamente ligada ás súas excepcionais propiedades físicas e químicas. A súa estrutura polar confírelle propiedades disolventes e ionizantes. Cumpre tamén unha función termorreguladora e estrutural. A auga chega ás plantas por absorción a través das raíces, e elimínase por transpiración. Os animais obtéñena principalmente bebéndoa, ademais da que, nunha gran proporción, levan os alimentos. A auga participa activamente no metabolismo dos seres vivos. Tanto nas plantas como nos animais, fórmase na fase catabólica do metabolismo; esta auga metabólica pode abondar para a vida dalgúns animais. Os animais perden auga por excreción, transpiración e sudación, e co aire expirado. A auga representa un dos medios máis axeitados para o desenvolvemento dos organismos. As condicións que favorecen a vida no ambiente acuático, especialmente no mar (auga de mar), son: a doada reactividade das substancias químicas no seo da auga; a dispoñibilidade de todos os elementos; a solubilidade dos gases (osíxeno, anhídrido carbónico); a súa densidade, moi próxima á do protoplasma celular; a constante renovación do medio, e o feito de que os seres que alí viven non precisan de se defender contra a desecación.
    Tratamento e depuración das augas

    En xeral, as augas son sometidas a un conxunto de operacións e tratamentos para volvelas aptas para o consumo humano ou para unhas determinadas aplicacións industriais. Os tratamentos poden ser de natureza física, química ou bacteriolóxica. O tratamento físico consiste en someter a auga á decantación, natural ou acelerada con axentes de floculación, e posteriormente á filtración. O tratamento químico que se efectúa soe consistir nunha redución da dureza temporal ou carbónica debida aos bicarbonatos de calcio ou de magnesio, e nun control do seu pH; tamén pode incluír o uso de intercambiadores iónicos, para reducir ou eliminar os catións indesexados ou para desmineralizar a desalgadura. O tratamento bacteriolóxico efectúase xeralmente por oxidación con gas cloro, ou ben con compostos clorados; unha pequena dose de cloro libre residual garante a potabilidade bacteriolóxica da auga antes de chegar aos consumidores.
    A auga nos procesos industriais

    A auga intervén nos procesos industriais, fundamentalmente, como primeira materia incorporada, como auxiliar indispensable de fabricación, como refrixerante ou transportador de calor, como fonte de enerxía e como vía de comunicación. As industrias que máis auga consomen son as siderúrxicas, as centrais térmicas, as fábricas de pasta de papel, as petroquímicas, as dos acabados téxtiles e as alimentarias. Determinadas industrias, como as centrais ou as siderúrxicas, necesitan a presencia dun curso de auga abundante. Nestes casos, onde a meirande parte da auga só serve como axente térmico para arrefecer, a técnica actual permite aproveitar e volver utilizar máis dun 90% do total da auga en circulación (recirculación). As industrias que máis contaminan a auga (fábricas de papel, acabados téxtiles, curtidoiros e outros), posto que a empregan principalmente para lavar ou para enxaugar, son as máis directamente afectadas pola crecente necesidade de auga. Fundamentalmente non lles é doado recuperar a auga utilizada, dados os subprodutos que levan (deterxentes, colorantes), xa que as plantas de tratamento requiren altos investimentos económicos e son moi custosas de manter. Por outro lado, a vixilancia das concas fluviais, cada día máis rigorosamente aplicada por parte das autoridades competentes, forza a este tipo de industrias a deitaren as augas luxadas baixo condicións especiais, máis ou menos severas segundo a proximidade de núcleos habitados que poidan resultar afectados (augas residuais). Naquelas industrias onde a auga se incorpora ao produto fabricado (bebidas, laboratorios farmacéuticos, etc), as condicións de calidade e potabilidade da auga han de ser definitivas (auga potable). O papel da auga como fonte de enerxía é tamén digna de salientar. Inicialmente foron as rodas hidráulicas os elementos motrices da industria, feito que explica moitas veces a presenza das primeiras industrias á beira de concas fluviais. A combinación de caudais grandes de auga xunto cunha xeografía que facilita a construción de encoros foi un dos factores decisivos do desenvolvemento industrial duns países respecto dos outros. En canto á auga como vía de comunicación, é no mar no que cómpre pensar primeiro. O feito de que o petróleo e aos seus derivados desprazasen os combustibles sólidos (carbón e leña) obriga ás industrias pesadas a situarse en zonas costeiras, pola facilidade de recibir e expedir a materia prima e os produtos elaborados.

    A auga e a economía
    As características da oferta e da procura de auga son máis complexas ca as da maioría dos bens a causa, sobre todo, dos usos tan diferentes e da valoración difícil destes usos. O aumento do consumo por habitante, o crecemento da poboación e a expansión da urbanización fan que o problema da escaseza de auga sexa xeral. O consumo de auga está en relación directa co desenvolvemento e a estrutura da economía. Nas zonas agrícolas dos países subdesenvolvidos o consumo por habitante é duns 40 l/h/día, mentres que na cidade de Chicago é da orde de 1.000 l/h/día. Cuantitativamente o uso máis importante é o agrícola, onde ten unha función insubstituíble. A industria emprega a auga como materia prima, pero tamén e principalmente, para arrefecer ou limpar nalgunha fase do proceso produtivo. É importante o sector hidroeléctrico porque, a pesar dos problemas medioambientais que conleva, actúa sobre toda unha serie de factores. Produce unha regulación no caudal dos ríos, pois evita as enchentes e permite un abastecemento regular ao longo do todo o ano dos diferentes usuarios: agrícolas, industriais ou urbanos. O uso máis importante en relación cos problemas que produce é sen dúbida o urbano. As necesidades son aínda moi elevadas en moitos lugares, malia o incremento do abastecemento. Ademais da gran demanda que xeran, as aglomeracións urbanas producen unha gran polución das augas. O aumento de consumo previsto en todo o mundo traerá un encarecemento do recurso e obrigará a unha racionalización do consumo, ao arredamento das técnicas de rego dispendiosas e a un progresivo retorno á agricultura de secaño.

    Sinónimos: agua.
  2. s f

    Elemento líquido que chega das nubes en forma de chuvia.

    Sinónimos: agua.
    1. s f

      Río, regueiro, mar, corrente de auga, etc.

      Sinónimos: agua.
    2. auga abaixo

      Nun curso de auga, nunha instalación hidráulica ou semellante, corrente abaixo, en dirección ao lugar a onde descende a auga.

    3. auga alodada/atoldada

      Auga que está revolta.

    4. auga arriba

      Nun curso de auga, nunha instalación hidráulica ou parecida, corrente arriba, en dirección ao lugar de onde vén a auga.

    5. auga cabría

      Auga de rego que se pode usar libremente.

    6. auga corrente

      Auga que circula, que non está encorada.

    7. auga de pillotas

      Auga que corre libremente.

    8. auga natural

      Auga que brota dos mananciais.

    9. auga viva

      Auga corrente.

    10. augas vistas

      Auga que circula por unha condución descuberta.

  3. s f

    Cada unha das partes do tellado, tamén chamadas vertentes, polas que se verten as augas da chuvia.

    Sinónimos: agua.
    1. s f

      Calquera líquido orgánico de procedencia animal (secreción, efusión, humor acuoso) que ten un aspecto semellante á auga, como a saliva, a suor, os ouriños e demais.

      Sinónimos: agua.
    2. s f pl

      Denominación popular do líquido amniótico, sobre todo empregada na expresión ‘romper augas’.

    3. augas menores

      Ouriños.

    1. s f

      Zume das froitas.

      Ex: Estas mazás teñen moita auga.

      Sinónimos: agua.
    2. auga de coco

      Leite de coco.

  4. s f pl

    Transparencia, limpidez e lustre dunha pedra preciosa, especialmente o diamante.

  5. s f pl

    O mesmo líquido cando ofrece algunha propiedade curativa e, por extensión o lugar onde se poden beber ou bañarse nelas.

    Sinónimos: agua.
  6. s f pl

    Brillos ou reflexos en forma de ondas mariñas nalgunhas teas, pedras, madeiras, penas e superficie semellantes.

    Ex: O vestido fai unhas augas pola parte de abaixo.

  7. [ALIM/QUÍM]
    1. auga carbónica

      Auga gasosa que contén disolto dióxido de carbono e ácido carbónico libre. As augas carbónicas poden ser naturais ou artificiais. A solubilidade do dióxido de carbono en auga é feble a presión ordinaria e as augas carbónicas perden rapidamente o gas se non son conservadas en recipientes pechados e a presión.

    2. auga das castañas

      Infusión de café sen aroma e moi pouco cargada.

    3. auga gasosa

      Auga que contén gases na disolución, como a auga carbónica.

    4. auga mineral

      Auga de fonte que ten características especiais de composición que lle confiren un sabor diferente, fana máis apta para certas dietas, axudan á dixestión (polo seu contido en gases, por exemplo) ou presentan certas propiedades terapéuticas.

    5. auga picante

      Auga mineral carbónica, que pica no padal a causa do ácido e do anhídrido carbónico que contén.

    6. auga potable

      Auga apta para a alimentación humana, para a dos animais domésticos ou para a preparación e elaboración de alimentos. Pode proceder de fontes naturais, dos ríos ou incluso do mar. Pódense facer potables as augas residuais mediante procesos de depuración. As condicións físicas, químicas e microbiolóxicas que debe reunir a auga potable teñen que ser coidadosamente controladas, como tamén a escuma orixinada por deterxentes moi estables que resisten as depuracións químicas e biolóxicas e, sobre todo nas industrias alimentarias, diversos aspectos de composición que poden influír no sabor e no arrecendo do produto que se está a elaborar.

    7. augas de vexetación

      Auga contida nas olivas que, xunto con outros subprodutos, se separa ao elaborar o aceite.

  8. [BIOL]
    1. auga de imbibición

      Nos organismos vivos, a auga que ocupa os espacios libres nos xeles de moléculas proteicas. A auga de imbibición comprende a auga libre, retida por capilaridade, e a auga enlazada, unida a estas moléculas por forzas como as que dan lugar á formación de hidratos. A auga enlazada pode representar en certos casos ata o 30% da auga de imbibición total. Tanto a auga libre como practicamente a totalidade da auga enlazada desenvolven no organismo a función de solvente.

    2. auga metabólica

      Auga resultante dos procesos metabólicos.

    3. falsas augas

      Líquido seroso expulsado durante o período de preñez.

  9. [IND]
    1. auga da forxa

      Auga que se adquire na ferrería para usar como abortivo.

    2. auga de cortiza

      Auga onde estivo a macerar a cortiza de piñeiro, da aciñeira ou doutras árbores e que, unha vez disoltos os taninos, tomou unha cor vermella escura.

    3. augas brancas

      Augas de cor esbrancuxada que, na fabricación de papel, se separan da pasta e que conteñen unha certa cantidade recuperable de fibras. Unha parte das augas brancas pode ser posta novamente en circuíto pero, cando menos para unha fracción, é preciso utilizar recuperadores.

    4. augas fecais/ augas negras

      Augas residuais dunha poboación.

    5. augas residuais

      Augas que conteñen residuos diversos, procedentes quer da industria, quer de núcleos de poboamento humano (augas fecais ou negras). Son envorcadas xeralmente en pozos negros ou, mediante unha rede de sumidoiros, nos ríos ou no mar. Neste último caso, cómpre sometelas previamente a un tratamento de depuración de augas residuais.

      Sinónimos: ludro.
  10. [MAR]
    1. augas do leme

      Augas que se encontran xunto á pa do leme, ou aquelas que, envolvendo os costados da embarcación, inciden na pa do leme no seu movemento.

    2. augas dun barco

      Augas que deixan detrás do barco a pegada da súa marcha.

    3. augas históricas

      Nome aplicado aos espacios marítimos que tradicionalmente foron considerados parte do territorio dun estado determinado.

    4. augas interiores

      Espacios marítimos situados entre as concavidades da costa que, a causa da súa configuración e amplitude relativamente pequena, se consideran dentro dunha liña media de costa. Esta consideración aplícase tamén aos espacios marítimos entre as illas e os illotes achegados, e aos portos, ademais dos espacios fluviais que serven de vía de acceso ao mar.

    5. augas internacionais

      Espacios marítimos que non forman parte do mar territorial ou das augas interiores. Tamén é a denominación antiga de alta mar.

    6. augas territoriais

      mar territorial.

    7. augas xurisdiccionais

      Antiga denominación de mar territorial ou espacio marítimo sometido á soberanía dun estado.

  11. [QUÍM/MED]
    1. auga albuminosa

      Auga mesturada con claras de ovo, que se emprega como antídoto en intoxicacións por vía gástrica.

    2. auga aromática destilada

      Nome xenérico das solucións acuosas obtidas destilando con auga ou ao vapor -a presión ordinaria ou ao baleiro, con maceración previa ou sen ela-, certas plantas e flores. As augas aromáticas chámanse dobres ou triplas cando foron cohobadas dúas ou tres veces. Chámanse tamén augas aromáticas ás solucións similares preparadas sen destilar, disolvendo en auga aceites esenciais deterpenados suficientemente solubles ou incluso produtos sintéticos odoríferos.

    3. auga bidestilada

      Auga sometida a dúas destilacións co fin de obter un grao de pureza superior ao da auga destilada ordinaria.

    4. auga bórica

      Solución acuosa de ácido bórico ao 3%. Emprégase como antiséptica, especialmente para lavar os ollos.

    5. auga branca

      Solución acuosa nun 1-2% de acetatos básicos de chumbo, así chamada porque se presenta como unha suspensión leitosa de carbonato e sulfato de chumbo. Empregábase externamente como astrinxente e como sedante contra inflamacións e contusións sen ferida.

    6. auga branda

      Denominación técnica da auga doce que, xa dende a orixe ou ben por un tratamento de desendurecemento, contén en solución cantidades baixas ou nulas de ións calcio, magnesio ou doutros metais pesados.

    7. auga clorofórmica

      Solución acuosa ao 0,5% de cloroformo. Empregada como antiemética a causa da acción anestésica do cloroformo sobre o estómago.

    8. auga da Raíña de Hungría

      Alcoholato preparado con flores, follas e brotes floridos de romeu (receita atribuída á Raíña Isabel de Hungría, s XIII), ou ben solución alcohólica de esencia de romeu con algunhas outras esencias vexetais.

    9. auga de Alibour

      Solución diluída de sulfato de cobre e mais de zinc cunha pequena cantidade de láudano e alcanfor. Empregada como antiséptica, astrinxente e antiulcerosa. Chámase tamén auga verde.

    10. auga de arroz

      Auga obtida coa cocción de arroz. Remedio caseiro para as diarreas.

    11. auga de azar

      Auga aromática destilada, obtida a partir de flores de laranxeira frescas, que se emprega como antiespasmódica e en perfumería.

    12. auga de Bürow

      Solución acuosa de alume potásico e de acetato de chumbo. É velenosa e emprégase como antiinflamatoria e astrinxente.

    13. auga de cal

      Solución saturada de hidróxido de calcio (1,7 g/l, a 15°C), empregada como reactivo para identificar o anhídrido carbónico e tamén en farmacia como recalcificante antiácido, astrinxente e desinfectante suave. É un dos compoñentes do linimento oleocalcario. Entúrbase ao contacto co aire.

    14. auga de canela

      Auga aromática destilada obtida da casca da canela. Ten unha lixeira acción estimulante das funcións dixestivas.

    15. auga de cloro

      Solución de cloro en auga. Ten a cor, o gusto e o cheiro do cloro. Arrefriada a 0°C deposita un hidrato, Cl 2 ·8H 2 O, que se considera un clatrato. A auga de cloro descomponse pouco a pouco por hidrólise e, exposta á luz, desprende osíxeno.

    16. auga de Colonia

      Auga cun cheiro baseado, principalmente, en esencias de cítricos (bergamota e limón), utilizada como perfume e como cosmético. As fórmulas das augas de Colonia son moi diversas, tanto polo seu grao alcohólico, que pode variar entre 80 e 90, como polas esencias que poden acompañar as dúas mencionadas, de flor da laranxeira e de romeu sobre todo, pero tamén, entre outras, de arzaia, de pel de laranxa, de melisa e de tomiño. Nalgunhas fórmulas interveñen tamén a auga de azar, a auga de rosas e a auga do Carme. As máis antigas obtíñanse macerando en alcohol puro algunhas das materias primas vexetais, destilando e engadindo ao destilado as outras esencias. Actualmente se fabrican disolvendo unicamente esencias obtidas cun simple filtrado. A auga de Colonia comezou a fabricarse industrialmente no ano 1710 na cidade do seu nome, pero ten orixe italiana. Representou, de feito, o inicio da industria da perfumería moderna.

    17. auga de conductividade

      Auga de condutividade inferior a 0,5 x 10 -6 Ω -1 cm -1 de pureza, bastante elevada xa para as medidas electroquímicas. Obtense redestilando en aparellos de cuarzo auga bidestilada, previamente tratada con permanganato de potasio, para oxidar a materia orgánica, e despois con álcali cáustico, para eliminar o dióxido de carbono.

    18. auga de constitución

      Auga que en proporción fixa vai unida directamente por enlace de coordinación ao átomo central do catión, ou ben unida por enlace hidróxeno ao anión ou a un coordinante do anión se este é complexo. A auga de constitución elimínase con maior dificultade que a auga de cristalización.

    19. auga de cristalización

      En sentido extenso, a totalidade da auga dos hidratos formados por evaporación ou arrefriamento de solucións acuosas, tanto se é parcial ou totalmente (auga de constitución) como se é propiamente auga de cristalización.

    20. auga de hamamélide

      Auga destilada aromática, obtida da cortiza de hamamélide. Emprégase como hemostática e astrinxente.

    21. auga de hidratación

      Auga contida nun hidrato.

    22. auga de imbibición/auga de inserción

      Auga presente en certos hidratos, en proporción máxima fixa, que non contribúe ao establecemento do retículo cristalino e, polo tanto, pode ser expelida reversiblemente dos cristais, ou tamén substituída por outras pequenas moléculas, sen alteralos macroscopicamente e sen modificar a súa estrutura.

    23. auga de lavanda

      Auga de olor a base de arzaia (Lavandula angustifolia).

    24. auga de loureiro real

      Auga recendente destilada, obtida das follas frescas do loureiro real. É velenosa e soe empregarse en pequenas doses como calmante da tose.

    25. auga de olor

      Nome xenérico das solucións alcohólicas de aceites esenciais utilizadas como perfumes e cosméticos.

    26. auga de rosas

      Auga aromática destilada obtida a partir de rosas frescas. É un produto típico de Bulgaria e, aínda que coñecido dende moi antigo, continúa a ser empregado en perfumería e cosmética.

    27. auga destilada

      Auga de pureza elevada, obtida a partir da auga natural por destilación. A destilación elimina a meirande parte das substancias disoltas ou en suspensión, pero, en condicións ordinarias, non permite obter auga totalmente pura (auga bidestilada, auga de condutividade). A auga destilada industrial obtense en alambiques de cobre con serpentíns de estaño. Augas de calidade similar á da auga destilada ordinaria, obtéñense tamén por desmineralización con resinas de intercambio iónico ou por electroosmose. A auga destilada utilízase habitualmente nos laboratorios e nas industrias de tinturas e colorantes, nas farmacéuticas e noutras.

    28. auga do Carme

      Nome co que é coñecido popularmente o alcohol de melisa composto.

    29. auga dura

      Denominación técnica dunha auga doce que contén en solución cantidades importantes (por exemplo, duns 50 mg/l ou máis) de ións Ca 2+ ou Mg 2+ ou doutros metais pesados. A dureza dunha auga mídese polo método clásico da hidrotimetría, ou, máis modernamente, por complexometría con EDTA.

    30. auga esterilizada

      Auga liberada de toda clase de organismos vivos mediante a acción dalgún axente físico ou químico.

    31. auga fenicada

      Solución acuosa de fenol, utilizada en antisepsia.

    32. auga ferruxinosa

      Auga que contén en solución compostos de ferro.

    33. auga industrial

      Auga non potable empregada na industria para refrixerar e lavar.

    34. auga medicinal

      Auga natural ou solución acuosa artificial, empregada en terapéutica.

    35. auga minero-medicinal

      Auga mineral que pola súa composición e propiedades ten accións terapéuticas.

    36. auga osixenada

      Peróxido de hidróxeno, H 2 O 2 . En estado puro é un líquido incoloro, xaroposo, cáustico para a pel, miscible en auga, soluble en alcohol e éter, de densidade 1,4422 a 25°C que unha vez conxelado funde a -0,41°C. Ferve a 150,2°C, pero descomponse coa calor en auga e osíxeno, o que obriga a destilala a presión reducida. É un ácido moi feble e a súa estrutura é HO-OH. Preséntase e é utilizada sempre en solución acuosa, en concentracións que varían entre o 3 e o 90%. Quimicamente é un oxidante poderoso. Con diversos óxidos e hidróxidos metálicos dá peróxidos inestables que explican as reaccións paradoxais onde a auga osixenada actúa como redutor e se reduce ao mesmo tempo liberando osíxeno. A concentración das solucións comerciais de auga osixenada exprésase a miúdo indicando o volume de osíxeno que poden desprender por descomposición. A solución ao 30%, chamada perhidrol, é aproximadamente de 100 volumes. As principais aplicacións da auga osixenada son: a industria téxtil, para decoloración e branqueado, sobre todo; a industria química e mais a industria papeleira, para branqueado de pasta de papel. Tamén se utiliza como antiséptico e desinfectante, como decolorante, etc. A solución concentrada ao 90% forma parte dalgúns sistemas propulsores de torpedos e foguetes.

    37. auga pesada

      Cada unha das variedades isotópicas da auga, con hidróxeno de número de masa superior a 1, ou con osíxeno de número de masa superior a 16, ou cos dous á vez.

    38. auga pesada esp

      Óxido de deuterio, D 2 O, formado por deuterio e osíxeno ordinario. As solubilidades de moitas substancias son máis febles en D 2 O que en H 2 O e as condutividades electrolíticas son tamén un pouco inferiores. O D 2 O atópase na auga natural na proporción do 0,015% e acumúlase no líquido residual cando a auga se atopa sometida a electrólise. Dende o punto de vista químico, a súa propiedade máis interesante é a facilidade de intercambio isotópico con numerosas substancias hidroxenadas. O D 2 O comercial ten unha riqueza do 99,75%. As súas aplicacións son a investigación química e biolóxica e, sobre todo, o retardamento de neutróns en certos reactores nucleares.

    39. auga pícrica/auga amarela

      Solución acuosa ao 0,5% de ácido pícrico. Pola súa acción cicatrizante emprégase contra as queimaduras.

    40. auga rexia

      Mestura dun volume de ácido nítrico e de 3 ou 4 volumes de ácido clorhídrico, ambos os dous concentrados. Fortemente oxidante, sobre todo quente, disolve diversos metais nobres que resisten o ácido nítrico só (ouro, platino, osmio). Os alquimistas chamábana aqua regia pola súa acción sobre o “rei dos metais”, o ouro.

    41. auga salina purgante

      Solución acuosa de sal e amoníaco cun pouco de alcanfor. Emprégase como sedante aplicada sobre a pel con panos quentes.

    42. auga selenitosa

      Auga que contén xeso disolto.

    43. auga sulfhídrica

      Auga natural que contén disolto sulfuro de hidróxeno, ácido sulfhídrico, e que desprende o cheiro desagradable deste gas.

    44. auga timolada

      Auga con timol ao 1%, glicerina e alcohol de 90°. Ten propiedades antisépticas.

    45. augas amoniacais

      Solución acuosa obtida nas fábricas de gas que destilan hulla e nos fornos de coque, ao depurar, arrefecer e condensar parcialmente os produtos volátiles. As augas amoniacais conteñen amoníaco libre e sales amoniacais. Ata o desenvolvemento da industria do amoníaco sintético foron a principal fonte de amoníaco e dos seus derivados.

    46. augas nais

      Solución que queda en contacto cos cristais ao cristalizar unha substancia disolta. A cristalización dá lugar, polo xeral, a unha segregación, cando menos parcial, das impurezas que se concentran nas augas nais.

  12. [RELIX]
    1. auga bautismal

      Auga preparada con óleo dos catecúmenos e crisma.

    2. auga bendita

      Auga preparada con sales sobre a que o sacerdote pronuncia uns exorcismos e unhas beizóns, empregada como auga sacramental na liturxia cristiá.

    3. auga lustral

      Auga utilizada en diversas relixións como medida de purificación, a causa da crenza de que a auga corrente, sentida como viva, lava a impureza e os pecados.

  13. [XEOL/METEOR/MAR]
    1. auga termal

      Auga que abrolla a temperatura superior á do ambiente; isto permítelle levar en disolución gran proporción de sales minerais. Soe ter unha orixe profunda ou estar asociada a unha anomalía xeotérmica positiva, como pode ser un magma pouco arrefriado, unha zona de falla, etc. Recoñécenselle propiedades terapéuticas, probablemente ocasionadas pola súa riqueza en gases e pola súa radioactividade.

    2. auga volcánica

      Auga que sae en forma de vapor nas erupcións volcánicas, xeralmente en grandes cantidades. Pode provocar, ao arrefecer, chuvias locais moi intensas.

    3. auga xuvenil

      Auga formada no interior dun magma; é a primeira que se incorpora ao ciclo hidrolóxico. Tamén se denomina auga nova ou auga magmática.

    4. augas atalasohalinas

      Augas continentais salgadas.

    5. augas continentais/doces

      En oposición ás augas mariñas, augas que, procedentes das precipitacións atmosféricas, corren (ríos e regos), quedan acumuladas na superficie dos continentes (pantanos, lagos e lagoas) ou se filtran e pasan a ser subterráneas (bolsas freáticas). De comparalas coa masa total da hidrosfera, as augas continentais representan unha cifra pouco importante. A pesar disto, cumpren un papel xeolóxico fundamental, sobre todo a auga da chuvia, que constitúe o axente máis importante da erosión. Por infiltración a través dos terreos permeables, unha parte da auga caída pasa a formar as augas subterráneas, mentres que outra se reintegra á atmosfera a través de procesos de evaporación e evapotranspiración. As augas que despois dunha precipitación escorren sen un curso determinado chámanse augas salvaxes. Xeralmente, o seu escorregamento é lineal e determina a formación de cavorcos e de bad-lands nos terreos arxilosos e margosos, e lapiaces nos calcarios. En terreos heteroxéneos, xeran formas específicas do relevo, como poden ser as demoiselles coiffées, os caos rochosos, os relevos ruiniformes e outros.

    6. augas mortas

      Marea morta ou de cuadratura.

    7. augas salvaxes

      Augas que, despois dunha precipitación, escorren pola superficie terrestre sen un curso determinado.

    8. augas subaluviais

      Augas que se atopan entre os aluvións e que forman a canle dos ríos.

    9. augas subterráneas

      Augas que, infiltradas a través das rochas permeables, se atopan baixo a superficie da terra; chegando a unha capa impermeable acumúlanse e enchoupan os poros e fendas das rochas. É deste xeito como se forma un manto acuífero ou simplemente un acuífero. A auga pode estar a presión entre dúas capas impermeables e, neste caso, cando se fura a capa superior, a auga sae espontaneamente á superficie formando un pozo artesiano. Hai dous tipos de rochas permeables: por porosidade e por fisuración. Nas rochas porosas, areosas e graúdas, a circulación da auga depende do gran; se este é miúdo, a circulación é lenta e difícil, se é groso, os intersticios son máis grandes e a corrente pode chegar a ser importante. As rochas permeables por fisuración son aquelas que non deixan escoar a auga agás que haxa nelas unha fenda ou regaña, e a circulación da auga pode formar verdadeiras correntes (calcarias). Hai, con todo, augas subterráneas que non proveñen da superficie, como a auga xuvenil. O estudo das augas subterráneas constitúe a hidroxeoloxía e a súa importancia é moi grande, xa que os recursos de auga continental se volven insuficientes, e a industria e a agricultura precisan da pescuda e da prospección acuífera. A acción xeolóxica das augas subterráneas é moi importante e pode dividirse en dous tipos: fenómenos de esboroamento e fenómenos cársticos. Os primeiros son producidos por impregnación da auga nas rochas arxilosas ou margosas, que as volve tan plásticas que abonda unha pequena inclinación para que toda unha masa de terreo se desprace. Os segundos teñen máis importancia; trátase da disolución das rochas calcarias cando as augas levan dióxido de carbono. Os mantos freáticos poden alimentar a rede hidrográfica e ser a principal achega hídrica de ecosistemas da superficie, polo que a súa xestión e explotación e a posible contaminación debe ter moi en conta o perigo que representa a desecación total do acuífero.

    10. augas vivas

      Marea viva.

    11. auga artesiana

      Auga procedente dun pozo artesiano.

    12. auga capilar

      Parte da auga do solo mantida no seu lugar polas forzas capilares.

    13. auga choca

      Auga que está encorada e non se pode beber por atoparse en estado de descomposición.

    14. auga chovediza/da chuvia

      Auga que cae cando chove.

    15. auga de fusión

      Auga resultante da fusión da neve ou do xeo.

    16. auga de mar

      Auga que contén diversos sales en solución e que forma os mares e os océanos. Para definir a súa composición habitualmente se usan dous valores -clorinidade e salinidade-, expresados en tantos por mil de peso. Para observar pequenas diferencias entre mostras, utilízase tamén a medida da condutividade eléctrica, que é a propiedade física da auga de mar determinable con máis precisión. A salinidade media é de 34,75‰, pero pode variar sensiblemente segundo a insolación e segundo a evaporación, e igualmente segundo as achegas fluviais. Hai, en proporción case constante, cloruro de sodio (27,3‰), cloruro de magnesio (3,4‰), sulfato de magnesio (2‰), sulfato de calcio (1,3‰), cloruro de potasio (0,6‰), e carbonato de calcio (0,1‰). Presenta 60 elementos químicos diferentes en forma de sales e gases disoltos. O pH oscila entre 7,5 e 8,4. En latitudes baixas e medias a auga é máis fría na profundidade que na superficie, e en latitudes moi elevadas sucede o contrario. Nas zonas cálidas, a diminución de temperatura é rápida nos primeiros 200 m de profundidade (a un ritmo duns 5 °C cada 25 m), e vólvese despois máis lenta ata case deterse a partir dos 1.000 m; daquela, oscila entre os 0°C e os 8°C. A densidade, factor importante no proceso xeral de circulación das masas de auga nos océanos, medra a medida que aumenta a salinidade e decrece ao aumentar a temperatura. O valor medio é de 1,014. A cor azul do mar é debida á absorción das radiacións vermellas polas masas de auga; o verde das costas está provocado pola abundancia de pigmentos amarelos procedentes das plantas e do plancto. A transparencia depende da abundancia de fitoplancto: cando este é case inexistente, como por exemplo no mar dos Sargazos, a auga de mar é tan transparente como a destilada; a coloración vermella prodúcese polas algas (Mar Vermello) ou por diversos organismos planctónicos (costas occidentais de América).

    17. auga de neve

      Chuvia e neve miúdas mesturadas.

    18. auga de retención

      Auga que queda enerxicamente retida sobre as paredes dos capilares, unha vez absorbida toda a utilizable polas raíces.

    19. auga de xacemento

      Auga salgada que soe atoparse xunto co petróleo. A súa aparición constitúe un síntoma favorable nas sondaxes petrolíferas.

    20. auga freática

      Auga subterránea da zona saturada que está sometida á presión atmosférica.

    21. auga gravitativa

      Auga que pode escorrer do solo polo seu propio peso. A capacidade de auga gravitativa correspóndese coa diferenza entre a capacidade de retención máxima e a capacidade capilar máxima.

    22. auga higroscópica

      Auga que pode absorber o solo en contacto co aire húmido. Fortemente retida, é inutilizable polas plantas.

    23. auga meteórica

      Auga da atmosfera depositada na terra por efecto dos meteoros como a chuvia, a neve, a sarabia, o orballo e a xeada.

    24. auga miúda

      Chuvia fina.

    25. auga morta

      Fenómeno producido polas ondas internas que teñen lugar nun nivel non inferior ao calado dun barco, cando a esta profundidade se poñen en contacto dúas capas de salinidade diferente. Maniféstase pola perda de velocidade nos barcos e é moi frecuente nos fiordes de Noruega.

    26. auga patañeira

      Chuvia moi fina.

  14. Auga natural que non ten gusto salgado.

    1. auga salgada

      Auga que ten gusto a sal.

    2. Auga do mar.

  15. auga chirla [ALIM]

    Calquera caldo ou bebida sen forza nin substancia.

  16. auga crebada/destemperada

    Auga morna.

  17. auga de València

    Cóctel alcohólico obtido da mestura de viño espumoso (champaña ou cava) con zume de laranxa.

  18. auga levantada

    Auga que sae á superficie do traballo humano.

  19. auga levantada

    Nin fría nin quente.

  20. auga morna/tépeda

    Auga morta.

  21. auga murcha

    Auga lixeiramente salgada.

  22. auga salgadía

    Ardencia de estómago.

Frases feitas

  • Afogarse en pouca auga. Ver grandes atrancos sen motivo.

  • Como auga abaixo/arriba. Que é fácil de facer.

  • Botar auga no mar/ós pitos cando chove. Facer algunha cousa inútil.

  • Botar o peito á auga. Atreverse a algunha cousa.

  • Botar un xerro de auga fría. Provocar que alguén se desengane.

  • Botar/verter augas. Mexar.

  • Botarse alguén á auga. Atreverse a enfrontar algún problema.

  • Caer auga a xerros/como quen a emborca/a Deus dar/se Deus a dá. Chover en grandes cantidades.

  • Caer unha zarapilda/unha zarracina de auga. Caer unha treboada.

  • Caer/chorar/chover auga a fío. Chover continuamente.

  • Chover a Deus dar augas. Chover moito.

  • Claro como a auga. Que se impón sen demostración.

  • Coller auga cun/nun cesto/cribo/cunha criba. Facer algunha cousa en balde.

  • Como auga de maio. Que é moi desexado.

  • Como botar auga ao mar. Traballar inutilmente.

  • Dar auga ao sedento. Dise de alguén que precisa algunha cousa e atópaa con facilidade.

  • Dar/ventar auga (alguén). Prognosticar que vai chover.

  • Deixar correr a auga. Seguir unha opinión común.

  • Desmandárselle a bulsa das augas a alguén. Mexar por si.

  • Escribir na auga. Realizar un labor inútil.

  • Estar á porta de alguén como cantariño de auga. Esperar inutilmente diante da porta da persoa amada.

  • Estar coa auga ata a boca/ó pescozo. Ter grandes apuros.

  • Estar como peixe na auga. Estar cómodo.

  • Estar entre dúas augas. Estar vacilante.

  • Facer auga. Entrar auga nalgunha embarcación por un furado.

  • Facer unha raia na auga para que non se desfaga. Pretender unha cousa que non é posible.

  • Facerse a boca auga/facerse auga na boca/virse auga á boca. Desexar algunha cousa con moita intensidade, principalmente cando se trata de comida.

  • Ir ás/tomar as augas. Ir a un balneario de augas medicinais con finalidade terapéutica.

  • Levar a auga os dentes. Estar moi fría.

  • Levar auga ao mar. Realizar un labor en balde.

  • Meterse o tempo/día en auga. Poñerse a chover.

  • Nadar entre dúas augas. Non tomar unha decisión entre dúas posicións contrarias.

  • Navegar nas mesmas augas. Ter as mesmas ideas.

  • Nin auga. Indica carencia total.

  • Non dar unha sede de auga. Negar o auxilio a alguén.

  • Non gañar a auga que bebe. Ter un emprego moi mal remunerado.

  • Non haber nin cruz nin auga bieita. Lugar con xente non relixiosa.

  • Non ir a auga polo rego de alguén. Non aconteceren as cousas como deberían.

  • Non ir por aí a auga ao rego/río. Non referirse á mesma cuestión.

  • Non mazca a auga. É demasiado bo.

  • Non merecer un vaso de auga. Non merecer nada.

  • Non saber por onde vai a auga ao rego. Non saber o que está a acontecer.

  • Non se lavará con toda a auga do río. Aplícase a quen non vai recuperar a consideración e a confianza perdidas.

  • Non ter para sal nin auga. Non ter cartos, estar na pobreza.

  • Quedar algunha cousa en augas de bacallao. Non resultar nada dalgunha acción.

  • Querer o sol na porta e a auga na horta. Querer só as vantaxes e desbotar os inconvenientes.

  • Remexerse na auga. Solucionar con audacia os problemas que van xurdindo.

  • Ser auga pasada. Dise das cousas que perderon importancia ao pasar o tempo.

  • Ser auga que dorme. Dise da persoa que ten mal xenio e non o aparenta.

  • Ser como auga corrente. Dise do que non é importante.

  • Ser como auga mansa/mansiña. Dise de quen é hipócrita ou de quen é calmoso e paciente.

  • Ser un augas mornas. Ser desganado.

  • Ser/quedar en auga de bacallao/castañas. Dise cando algunha cousa non rematou ou non tivo a fin desexada.

  • Vai botar auga aos pitos. Dise cando alguén está amolando.

  • Vai tornar a auga. Dise cando alguén amola.

  • Vai tronar que fai falta auga. Dise cando alguén molesta.

  • Volver a auga ao xarro. Compensar unha cousa con outra.

  • Volvérselle a auga. Opoñerse a alguén.

Refráns

  • A auga corrente non mata a xente.
  • A auga é menciña para aquel que é da vida.
  • A auga enriba de mel sabe mal e fai ben.
  • A auga fai a horta.
  • A auga fai mal e o viño fai cantar.
  • A auga fervida ten man da vida.
  • A auga molla por onde pasa.
  • A auga no forno tras da fariña vai.
  • A auga non creba óso.
  • A auga non emborracha nin enferma nin entrampa.
  • A auga non empobrece nin envellece.
  • A auga non enferma nin embebeda.
  • A auga non ha ter olor nin cor nin sabor, para que, ao bebela, saiba mellor.
  • A auga sen cor, sen sabor, sen olor e ha de ver o sol.
  • Auga atoldada non fai espello.
  • Auga boa non enferma nin estorba.
  • Auga clara lava ben a cara.
  • Auga cocida alonga a vida.
  • Auga corrediza non leva malicia.
  • Auga corren te merda non consente.
  • Auga de candea a ninguén se nega.
  • Auga e leña cada día veña.
  • Auga emborcada, pouco aproveitada.
  • Auga en "aúnas", ou moita ou ningunha.
  • Auga limpa non lixa.
  • Auga panada, feita e tomada.
  • Auga parada está envelenada.
  • Auga que corre non mata o home. ¡
  • Auga que corre, nunca mal colle.
  • Auga quente, saúde para o ventre.
  • Auga, a da serra; sombra, a da pedra.
  • Auga, da serra; pan, do que se malla na eira.
  • Bebeu auga do xuncal: sóubolle ben e fíxolle mal.
  • Ben boa é a auga que non custa nada e non emborracha.
  • Boa é a auga, que cando hai sede dela custa pouco ou nada.
  • Borracheira de auga non emborracha.
  • Con auga, non hai terra mala.
  • Non hai auga máis mala cá que dorme.
  • O que a auga trae, a auga leva.
  • O que con auga se cura, pouco dura.
  • Quen con augas se cura, moito non dura.
  • ¡Auga, auga: que se queima a fragua!
  • ¡Auga, que arde a casa!