Augas Santas, Santa Mariña de

Augas Santas, Santa Mariña de

Igrexa parroquial románica dos ss XII-XIII situada no concello de Allariz. Foi construída polos regulares da Orde de Santo Agostiño co fin de gardar os restos de santa Mariña, filla dun gobernador romano da Limia. Trátase dun sinxelo edificio de tres naves, que cristianiza unha construción antiga (o forno da Santa Mariña), que rematan noutras tantas ábsidas semicirculares. O proxecto inicial da igrexa incluía unha cuberta de bóvedas cuadripartitas na nave central que non se chegaron a construír; a variación entre o proxecto inicial e o deseño actual foi posible debido a que a cabeceira se construíu, xunto cos muros perimetrais, antes ca o interior. Os arcos de acceso ás ábsidas son semicirculares, dobrados, cunha lixeirísima tendencia a apuntarse e de sección rectangular, apoiándose en columnas encaixadas mediante capiteis estilizados e no propio muro. Enriba do arco triunfal de cada capela ábrese un rosetón. Tanto os arcos forneiros como os feixóns son apuntados, dobrados e de sección rectangular; así mesmo, a maioría dos capiteis teñen unha ornamentación de follas que adoitan rematar en bólas. Ten un falso triforio; as naves cóbrense cun tellado único. O exterior da cabeceira destaca pola elegancia dos volumes e proporcións. Os muros laterais están reforzados con robustos contrafortes prismáticos, nos que se apoian arcos semicirculares de sección rectangular. A fachada principal organízase en tres rúas. Durante o Barroco, baixo o padroado do bispo Muñoz de la Cueva, a fábrica experimentou algunhas transformacións e adicións (retablos, ornamentos, atrio e torre) que conformaron o conxunto actual. No presbiterio do templo gardábase un interesante retablo gótico de madeira, hoxe conservado na rectoral, onde se representan escenas da vida de María e a infancia e vida de Cristo. Así mesmo, consérvase parcialmente o programa iconográfico do mestre de Marzá, da escola pictórica hispano-flamenga, nos murais góticos da ábsida. No recinto interior da igrexa atopáronse laudas de estola con elementos antropomorfos e unha cunha cruz de tipo procesional de época sueva. No contorno da igrexa celébrase unha romaría os días 18 de xullo en honra á santa alí martirizada. Os romeiros solicítanlle saúde para os seus e mais para os animais, beben e lavan os oídos coa auga que sae das tres fontes que nacen onde a tradición di que caera rolando a cabeza de santa Mariña logo de ser decapitada. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931.