Augsburgo, Liga de
Coalición política europea de carácter defensivo antifrancés asinada en 1686, motivada pola política de anexións de Luís XIV. A Liga, integrada polo Emperador Leopoldo I, España, Suecia, os príncipes alemáns e Holanda, tiña por obxecto esixir o cumprimento dos tratados de Nimega (1678) e Ratisbona (1684), e defender a integridade dos territorios aliados. A invasión do Palatinado por parte de Luís XIV obrigou á liga a defenderse, e en 1689 Guillerme de Orange, stadhouder das Provincias Unidas e Rei de Inglaterra, entrou tamén na coalición. Xaime II, coa axuda francesa, intentou entón a reconquista do trono de Inglaterra. A guerra da Liga de Augsburgo estendeuse tamén ao mar e ás colonias inglesas e francesas de América; o 30 de xuño de 1690 tivo lugar unha vitoria naval francesa en Beachy Head sobre a flota anglo-holandesa. Non obstante , dous anos máis tarde a flota francesa foi derrotada polos anglo-holandeses. Os corsarios tiveron un papel moi importante no ataque á navegación comercial. En virtude da Paz de Rijswijk (1697), restableceuse o equilibrio en Europa e púxose fin á coalición; Luís XIV, ademais, quería asegurar a candidatura francesa na sucesión de Carlos II á coroa española.