Augsburgo, Paz de

Augsburgo, Paz de

Acordo asinado entre os católicos e os seguidores da confesión de Augsburgo (1555). Con el foron excluídos os partidarios de Zwingli e os anabaptistas. Con este acordo estableceuse un compromiso político-relixioso que marcou a división da Alemaña entre as dúas confesións. Concedíase o dereito de reformar os estados do Imperio e de dispoñer que a relixión de cada príncipe fose obrigatoria para os seus súbditos; quen non o aceptase podía emigrar sen danos nin no seu honor nin nos seus bens; as cidades imperiais reformadas tiñan que respectar as minorías católicas. Recoñecía tamén aos príncipes alemáns as terras de dominio eclesiástico que estiveran secularizadas ata o Tratado de Passau (1552). O arquiduque Fernando de Austria engadiulles o chamado reservatum ecclesiasticum, polo que os bispos e os abades que se pasasen á Reforma perdían o seu oficio, as rendas e o territorio.

Palabras veciñas

Augsburgo, Dieta de | Augsburgo, Ínterim de | Augsburgo, Liga de | Augsburgo, Paz de | augueiro | auguento | augur