Aurín, Teatro
Aurín, Teatro
Grupo de teatro afeccionado creado en Moaña por Pedro Pablo Riobó Sanluís. En 1983 estreou Dos arquivos do trasno, espectáculo creado a partir de textos de Rafael Dieste. Dende aquela, leva realizado máis dunha ducia de espectáculos, representados por toda a provincia de Pontevedra; entre eles, destacan A gata sobre o tellado de zinc quente (1994), a partir do texto homónimo de Tennessee Williams e Nai coraxe e os seus fillos (1996), sobre a peza de Bertold Brecht. Amais do labor de dinamización sociocultural que a súa actividade leva aparellada, este colectivo ten contribuído á creación de públicos, á formación de espectadores e á promoción de novos actores como Marcos Vieitez ou Salvador del Río.