Auriñacense

Auriñacense
[ARQUEOL]

Tecnocomplexo lítico do Paleolítico superior localizado en Europa e Asia. A definición deste termo é a historia dun complicado debate entre prehistoriadores. Foi identificado por Breuil en 1906 como cultura situada entre o Musteriense e o Solutrense, desenvolvida en tres fases (inferior, media e superior). En 1933 Peyrony identificou dúas diferentes tradicións para o Paleolítico superior inicial, reservando o termo Auriñacense para a fase media de Breuil, denominando Perigordense á inferior e superior. Este Auriñacense, que pasa a denominarse Auriñacense típico, espállase dende Próximo Oriente a Europa e foi dividido en seis fases. A súa orixe situouse tanto en Próximo Oriente como en Europa, convivindo en tempo e espazo coa tradición perigordense. Os partidarios do polixenismo cren que se orixina en diferentes sitios, simultaneamente, dende tradicións musterenses anteriores. Outros consideran que as diferentes industrias do Paleolítico superior inicial non responden a diferencias culturais, senón funcionais -práctica de diferentes actividades-, sendo as industrias auriñacenses o resultado de actividades realizadas no campamento, tales como o traballo das peles. En Occidente aparece nun dos períodos tépedos da glaciación do Würm e desenvólvese durante a fase fría Würm III, cunha cronoloxía entre 40.000 e 20.000 BP. Para algúns autores o Auriñacense supón a incorporación a Europa do Homo sapiens moderno que avanza dende Próximo Oriente, asignando aos últimos neandertais o complexo técnico do Perigordense inferior. Aínda que cada unha das fases do Auriñacense ten elementos propios, en xeral, a industria lítica caracterízase pola alta porcentaxe de raspadores (máis frecuentes os carenados e en fociño) e as follas con retoque escamoso, ás veces estranguladas. A industria ósea é importante, destacando as azagaias de base fendida. Durante o período auriñacense realizáronse importantes obras de arte moble e parietal, destacan neste último capítulo os chamados santuarios exteriores. O Auriñacense típico non se recoñece, polo de agora, no territorio galego; sen embargo, a presenza de depósitos dos dous complexos técnicos inmediatos (o Musterense da Piteira e o Chatelperronense da Valiña), permite estudar a súa presencia.