australiano -na
(< topónimo Australia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Australia -considerada como continente ou como estado-, ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Australia.
-
[BIOL/XEOG]
-
adx
Relativo ou pertencente ao reino bioxeográfico australiano.
-
reino australiano
Segundo algúns botánicos, reino fitoxeográfico, rico en endemismos, que comprende basicamente o continente australiano e Tasmania. Considérase unha restrición do reino australo-papú.
-
adx
-
-
adx
Relativo ou pertencente aos aborixes de Australia.
-
s
m
[ETN]
Pobo establecido en Australia procedente da Asia meridional hai 40.000 anos. Estímase que no momento da chegada dos europeos o seu número oscilaba entre os 300.000 e o millón de individuos. Habitaban sobre todo no litoral e comprendían un gran número de grupos territoriais e lingüísticos, aínda que con límites pouco determinados entre eles. Non obstante , a presión dos colonos desprazounos cara ás zonas desérticas e máis inhóspitas do interior. No ano 1993 os aborixes australianos eran uns 260.000 individuos (1,5% da poboación australiana), número que incluía unha maioría de mestizos, feito que sinala unha certa recuperación da poboación aborixe (138.000 en 1980). Actualmente, só unha minoría mantén as formas de vida tradicional dun xeito máis ou menos intacto. O contacto coa cultura occidental modificou profundamente a forma de vida dos australianos, o que comportaba un grao considerable de degradación, tanto no plano individual como no colectivo: introdución de enfermidades, de bebidas alcohólicas, da agricultura, etc. Nos anos vinte o goberno concedeulles dereitos territoriais aos aborixes que conservaran as súas formas de vida tradicionais; sen embargo, as prospeccións e explotacións mineiras posteriores a 1945 forzaron un retroceso na consecución dos dereitos dos aborixes. En 1967 conseguiron o dereito á cidadanía australiana e en 1976 o goberno federal admitiu o principio dun recoñecemento legal dos dereitos das tribos sobre os seus territorios tradicionais, aínda que non sería executado ata 1993. Nos anos oitenta a formación de numerosas organizacións aborixes permitiu que moitas das súas reivindicacións fosen escoitadas polo goberno. En 1998 o goberno de Howard aprobou unha indemnización a título de resarcimento, aínda que rexeitou presentar escusas oficiais. Polo xeral habitan en cabanas de planta redonda feitas con pólas. Non coñecen nin a agricultura nin a gandería, os metais, a roda e a cerámica. O seu réxime de subsistencia é o de cazador-recadador, xa que aproveitan recursos vexetais e animais tanto terrestres como mariños; no pasado foi importante a antropofaxia. Os seus artefactos teñen como materia prima a madeira e a pedra. As súas armas son de pedra tallada ou pulimentada; o búmerang e os propulsores son de madeira, xeralmente de acacia. Os obxectos ornamentais son numerosos e variados, tales como: brazaletes, diademas, colares, puchos, etc. Adórnanse tamén con pinturas, tatuaxes e cicatrices. Practican a decoración, que aplican tanto nos obxectos sacros como nos de uso cotián. A arte móbil redúcese ás churingas, obxectos totémicos formados por pedras planas nas que gravaban motivos relacionados cos antepasados; neste apartado tamén se sitúan as armas, os cestos e os adornos persoais. Decoraban as paredes das covas con motivos mitolóxicos e máxicos. As pinturas máis relevantes atópanse no norte de Australia. A pintura sobre cortiza ten orixe nos lugares que protexían da chuvia; co tempo foise utilizando nas cerimonias de iniciación dos máis novos e nos funerais. Teñen a mesma temática ca as pinturas rupestres: representación de nimis (seres que habitan nas covas); animais nos que se representa tamén o interior dos seus corpos; pinturas narrativas con escenas mitolóxicas; representacións abstractas e xeométricas. As manifestacións musicais e a danza están moi vencelladas aos símbolos das súas crenzas máxicas. No centro do país os cantos son moi primitivos, de intervalos flutuantes, comezan frecuentemente por un son moi agudo e remata con sons máis graves. En moitas rexións periféricas, que tiveron máis contacto con Indonesia e Nova Guinea, interprétanse melodías pentatónicas con intervalos fixos e constantes. Os instrumentos musicais son poucos e moi rudimentarios: o didjeridu, instrumento de vento de son fixo feito cun tronco baleiro, arco musical de terra -no que un grande oco tapado fai de resoador-, frautas, tambores de madeira ocos, etc. A música australiana é maioritariamente vocal. A literatura oral é moi rica. Biasutti diferenciou tres tipos de organización social: as tribos máis primitivas, divididas en pequenos grupos con territorio propio de caza, practicaban a exogamia local e a polixenia; as tribos exogámicas, divididas en dúas fratrías, exogámicas e de filiación matrilineal; e as tribos totémico-patriarcais, cada unha delas dividida en dúas metades e, á súa vez, en dúas seccións: as metades son de filiación patrilineal e as seccións, de filiación matrilineal, ambas as dúas exogámicas. Ademais disto, cada individuo pertence a un grupo totémico. Hai tribos que cren nun deus superior creador do mundo. As totémicas en divindades inferiores. Os mozos e as mozas, para ser considerados adultos, teñen que pasar por cerimonias de iniciación.
-
grupo humano australiano
[ANTROP/FISIO]
Grupo humano que se localiza na illa de Australia, afastada bioxeograficamente do continente asiático pola liña Wallace. A orixe deste grupo é incerta: unha teoría sostén que é o resultado dunha evolución autónoma de tipos humanos instalados dende os primeiros momentos da ocupación humana das illas do sueste asiático (‘home de Xava’); outra, sen embargo, mantén que chegaron hai 40.000 anos procedentes da última expansión da humanidade moderna polo mundo. Algúns autores defenden a existencia de tres tipos diferenciados no seo do grupo australiano: barriniano, murraiano e carpentariano, aos que relacionan cunha ocupación da illa por vagas sucesivas e con elementos humanos diferentes. Non obstante , considerados globalmente, os aborixes australianos son bastante homoxéneos pola súa estrutura corporal, con predominio dos tipos lonxíneos, malia a gran diversidade ambiental en que viven (dende os desertos centrais aos bosques tropicais do norte). O tronco é alongado, con ombreiros e cadeiras estreitos; as extremidades son longas e delgadas, o mesmo que as mans e os pés, predominando os segmentos distais sobre os proximais. A cabeza é dolicocéfala, con bóveda craniana baixa e fronte fuxidía, arcadas superciliares prominentes, enterramento da base nasal, marcada platirrinia (nariz triangular e ancho), algo de prognatismo, boca moi ancha con beizos grosos e queixo pouco marcado. Outros trazos morfolóxicos son: desenvolvemento muscular da parte superior do tronco, o aplanamento de glúteos e das barrigas da perna, aspecto corporal grácil, flexibilidade do tronco e reducido tamaño das vértebras. No adulto a cor da pel é morena escura, pero non negra; ademais, a pigmentación dos neonatos é de tonalidade rosáceo-amarela. A pilosidade é abundante, de cor castaña escura ou negra e ondulada, nunca crecha.
-
adx
-
arte australiana
[ARTE]
Arte desenvolvida na moderna Australia. A pintura, fortemente nacionalista, centrouse na paisaxe. Os primeiros pintores eran topógrafos estranxeiros, especialmente ingleses. O primeiro grande artista foi Arthur Streeton (1867-1943), relacionado co Impresionismo. George Bell e a Herald Exhibition of Modern European Painting (1939) conseguiron poñer aos artistas locais en contacto coas novas correntes artísticas. Posteriormente triunfou o Expresionismo. Russell Drysdale nas súas creacións narra nostalxicamente a vida rural dos antigos colonos; Arthur Boyd e Sidney Nolan, pintor das montañas de Australia central, quen transmite a desolación próxima ao Surrealismo, cultivaron un espírito plein air. Fred Williams asimila influencias fauvistas e cubistas. En arquitectura, despois dun primeiro período colonial (obras de Francis H. Greenway), existiu un período contemporáneo no que se constrúen edificios culturais. Destacan tamén no apartado arquitectónico as obras de R. Grounds, F. Hassell e H. Seidler.
-
cine australiano
[ARTE/IMAX]
Cine creado en Australia. A primeira produción de 1901 feita pola Salvation Army, tivo unha certa continuidade ata a Primeira Guerra Mundial. Cara ao 1930 apareceu a figura de Charles Chauvel que con Moth of Mombi (A bolboreta de Mombi, 1926) iniciou unha longa carreira. Entre outros cineastas interesantes destacaron Harry Watt e Cecil Holmes. En 1970 foron creados o Film and Television School e a Australian Film Development Corporation, dous organismos estatais que comezaron a dar os seus froitos coa produción dunhas 15 longametraxes anuais a partir de 1972. Nos últimos anos a principal característica do público e do cine australiano é que estivo á marxe de moitos dos seus mellores realizadores (Peter Weir, Fred Schepisi, Bruce Beresford ou Gillian Armstrong), e de cara ao cine norteamericano, malia as xenerosas axudas estatais á industria autóctona. De entre os novos realizadores que acadaron ultimamente un certo renome cómpre mencionar a Paul Cox, Richard Lowenstein, Stephen Wallace, Jackie Mckimmie e os neocelandeses Vincent Ward e Jane Campion.
-
linguas australianas
[LING]
Conxunto de linguas faladas polos aborixes australianos. Os debates históricos son en gran parte especulativos pois non se rexistra documentación escrita. No século XVIII poderían constituír este grupo unhas 500 linguas aborixes de Australia con máis de 300.000 falantes. Na actualidade trátase dunhas 250 linguas (excluída Tasmania) repartidas nunha quincena de grupos e faladas por uns 50.000 individuos. A maioría destas linguas contan con moi poucos falantes e aproximadamente a metade destas linguas xa se extinguiron. As conservadas fálanse principalmente no N e no NO do continente, e destas só unhas cincuenta semellan ter garantida a supervivencia máis alá de tres xeracións; pero as estimacións son moi difíciles de realizar por diferentes razóns: a miúdo os aborixes viven en áreas illadas, na súa maioría presentan diferentes graos de bilingüismo e non sempre é sinxelo obter a información precisa dos propios falantes; moitos deles estiman ou subestiman o seu dominio da lingua por razóns sociais ou políticas. As linguas aborixes adoitan agruparse en 28 familias que se pensa están todas relacionadas excepto aquela familia que se desenvolve na parte norte de Australia Occidental, nos territorios máis setentrionais desta área e en Queensland, así como nunha zona que inclúe non máis dunha oitava parte do continente; concretamente a terra de Arnhem amosa unha elevada concentración destas linguas. Pola contra, unha soa familia, a pama-ñungana cobre o resto do continente; nunha época pertenceron a ela unhas 175 linguas pero na actualidade fálanse menos de 50, a súa maioría séguese falando no noroeste do continente. As linguas que contan con maior número de falantes son o tiví, o volmera, o valpirí, o aranda, o mabuiago e o carduchara; todas pertencentes á familia pama-ñungana salvo a primeira. Algunhas delas utilízanse como lingua franca: o gunhuingú falado na maioría do territorio do noroeste da terra de Arnhem e o pinchanchara falado nunha extensa zona do norte de Australia Occidental, principalmente utilizada como lingua da Igrexa. O valpirí é unha das linguas máis vigorosas, falada en moitas zonas do centro e do sur do territorio do norte. Nas áreas setentrionais desenvolvéronse varios sabires e crioulos relacionados co inglés. O futuro das linguas aborixes é incerto, aínda que agora varias delas dispoñen dunha forma escrita e diseñáronse programas escolares bilingües. Algunhas organizacións como o Instituto Australiano de Estudios Aborixes están a traballar no estudo e promoción destas linguas, da súa historia e da súa situación social e política contemporánea.
-
literatura australiana
[LIT]
Literatura en lingua inglesa desenvolvida en Australia. A literatura australiana comezou a ter personalidade propia a mediados do s XIX. Os intentos anteriores insírense na órbita cultural da colonización británica. Charles Harpur, Henry Kendall e Adam Lindsay Gordon foron os poetas a través dos que se produciu a ruptura. Desde 1880, a nova literatura recibiu un notable empuxe coa aparición da revista The Bulletin. Henry Kingsley, Marcus Clarke e Rolf Boldrewood, pseudónimo de Thomas A. Browne, conseguiron crear un punto de partida para a novela autóctona que foi continuada por Tom Collins, Rosa Campbell e Henry Handel Richardson. Dentro da literatura contemporánea hai que destacar as novelas de Patrick White, Premio Nobel de Literatura no 1973, Morris West, Leonard Mann e Vance Palmer. Entre os autores contemporáneos están Barry Oakley, Michael Wilding, Murray Bail e Peter Carey. A poesía foi cultivada por Kenneth Slessor, James McAuley, Peter Porter, Os Murray e Michael Dransfield, entre outros.
-
música australiana
[MÚS]
Música desenvolvida na moderna Australia. A música culta ten unha intérprete de fama internacional, a soprano Joan Sutherland. Conta tamén co Sidney Opera House, un dos conxuntos de salas de ópera e concerto máis grandes e mellor dotados do mundo. Tamén destacan algúns compositores notables como P. A. Grainger. Nos últimos tempos a música australiana máis popular é unha síntese dos cantos introducidos no s XIX polos misioneiros.