Austria

Austria
Nome científico: [nome oficial: República de Austria; al: Republik Österreich]

Estado da Europa central alpina que limita con Liechtenstein e Suíza ao O, con Alemaña e a República Checa ao N, con Hungría e Eslovaquia ao L e con Italia e Eslovenia ao S (83.859 km2; 8.087.000 h [1997]). A súa capital é Viena.
Xeografía

Xeografía física
Distínguense tres grandes rexións xeomorfolóxicas: a Austria propiamente alpina, a Austria danubiana e o Burgenland. Os vales do Inn e do Brenner dividen a Austria alpina en dous sectores; no O, a zona axial da cordilleira alpina comprende o Voralberg e o Tirol, depresión pechada de clima relativamente seco. No L os Alpes austríacos divídense conformando os Prealpes ao N, cunha serie de bloques calcarios (Dachstein) e altas superficies cársticas (Totes Gebirge) e os Alpes centrais, formados polos Alpes Cárnicos, onde está a máxima elevación (Grossglockner, 3.797 m). A Austria danubiana comprende os altiplanos da Alta e da Baixa Austria; trátase dunha área de transición cara ao altiplano de Bohemia. O Burgenland forma parte fisiograficamente da chaira Panónica e está cuberta por solos variados (loess, terras negras). O clima de Austria é continental, aínda que a influencia oceánica atenúa o rigor dos Prealpes do S. As precipitacións son moi abundantes, a miúdo de neve.
Xeografía económica e economía
A Segunda Guerra Mundial supuxo para Austria unha total desarticulación da súa actividade económica. Os EE UU concederon créditos e axudas que favoreceron a súa recuperación, iniciada en 1948 e acelerada pola desvalorización do xilín (1953). Desde a posguerra iniciouse un dos procesos de estabilización da economía máis sólidos do mundo capitalista. Na década de 1980 reverteuse en parte este proceso, e permitiuse a entrada de capital privado nas empresas estatais. O sector primario experimentou unha transformación considerable desde a preguerra; incrementouse extraordinariamente o grao de mecanización no campo, aínda que predomina a pequena e a mediana propiedade. O primeiro cultivo do país é o dos cereais, seguido a gran distancia pola remolacha azucreira, a vide e as patacas. A gandería experimentou un gran crecemento, especialmente no sector bovino. Ten tamén importancia a explotación forestal e as industrias derivadas (celulosa, pasta de papel, etc). En canto ao aproveitamento dos seus solos, a produción de lignito está decrecendo; a extracción de petróleo (comezada no 1934) e a de gas natural non chegan a cubrir as necesidades do país, que debe importalos. É importante a produción de electricidade, a maior parte de orixe hidroeléctica. O ferro e a magnetita son absorbidos pola industria siderúrxica, e a metalurxia é de carácter disperso. Teñen unha grande importancia as industrias de alimentación, químicas e metalúrxicas de transformación (motores, automóbiles). No sector terciario destaca o turismo, que representa cerca do 9% do PNB (1990), tanto nas cidades históricas (Viena e Salzburgo) como nas estacións alpinas (Innsbruk, Kitzbühel, Liech, etc). Respecto ao comercio exterior, Austria importa sobre todo maquinaria e produtos químicos, e exporta tamén produtos destes sectores. A balanza comercial presenta un saldo netamente negativo. Os principais compradores e provedores son Alemaña, Italia e Suíza. Respecto aos transportes, a rede ferroviaria ten 5.672 km (1995). Emprégase o Danubio como vía navegable. As estradas federais teñen unha extensión notable (106.268 km en 1994; 1.596 km de autoestradas) nun país tan montañoso. Despois da Segunda Guerra Mundial ata a disolución da Unión Soviética e o remate da Guerra Fría, a “neutralidade perpetua” obrigou a Austria a ponderar as direccións do comercio exterior. Austria pertence á Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE), á Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE), á Asociación Europea do Libre Cambio (EFTA), ao Consello de Europa, á ONU, ao FMI e á BIRD. Dende 1972 mantivo un tratado de libre comercio coa Comunidade Económica Europea. En xaneiro de 1995 ingresou como membro de pleno dereito na Unión Europea, canda Suecia e Finlandia. A unidade monetaria austríaca é o xilín (schilling), emitido polo Österreichische Nationalbank, o banco central estatal, que forma parte das moedas fundadoras do euro, quedando fixada a conversión en 13,7603 xilíns por euro.
Xeografía humana
Austria presenta un crecemento demográfico moi feble (1,4‰ no 1995, cunha taxa de natalidade do 11‰), que fai que a poboación sexa practicamente estable (a mortalidade é do 10,1‰). A esperanza de vida sitúase nos 73 anos para os homes e 80 para as mulleres. A poboación urbana representa o 55,5% do total (1995), aínda que en Viena reside o 20% da poboación total do país. Os austríacos son o 93,4% da poboación, aínda que hai minorías autóctonas checa, eslovena, croata e húngara; a poboación inmigrante é maioritariamente balcánica (2,5%) e turca (1,5%). A lingua oficial é o alemán. O 78% da poboación declárase católica, os fieis da Igrexa Reformada (protestantes luteranos) son o 5%, a minoría musulmá acada o 2% e os de relixión xudía son o 0,1%. A educación é obrigatoria dende os 6 ata os 15 anos de idade. Despois do ciclo primario (Volksschule), que dura 4 anos, os rapaces poden escoller entre dous tipos de instrución secundaria: a Hauptschule, que permite continuar estudios técnicos especializados, e a Allgemeinbildende höhere Schule, que dá acceso a todas as facultades universitarias. A educación superior está controlada polo ministerio federal e as autoridades dos länders supervisan a educación obrigatoria. As minorías lingüísticas (húngaro, esloveno, checo e croata) reciben o ensino na súa lingua. Austria ten unha elevada renda per cápita (28.110 dólares/h no 1996), reflectida nun alto nivel de vida. O Indicador de Desenvolvemento Humano das Nacións Unidas en 1995 situaba a Austria entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 12° posto cun índice 0,932). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 76,7 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 87%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 21.322.
Goberno e sociedade

Austria é unha república federal dividida en nove länders: Baixa Austria, Alta Austria, Salzburgo, Estiria, Burgenland, Carintia, Tirol, Voralberg e Viena. Está rexida pola Constitución de 1920, suspendida entre 1938 e 1945. O poder lexislativo reside na Asemblea federal, formada polo Nationalrat (Consello Nacional), composto de 183 deputados elixidos por sufraxio universal segundo o sistema proporcional por catro anos, e o Bundesrat (Consello Federal), representación dos länder con 63 membros elixidos polos gobernos rexionais en cada lexislatura. As leis teñen que ser aprobadas polas dúas cámaras. O Presidente da República é elixido directamente cada seis anos. O goberno federal está formado polo chanceler, o vicechanceler e os ministros. O ordenamento xudicial baséase nos principios do sistema continental europeo e, sobre todo, alemán. Os fitos máis importantes da codificación do dereito austríaco son a compilación do Codex Theresanius (1766) e do código civil xeral austríaco (Allgemeines Bürgerlisches Gesetzbuch), vixente dende 1811. O máximo órgano xurídico é a Suprema Corte de Xustiza. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), Protocolo Facultativo do PIDCP, Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP relativo á abolición da pena de morte, Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, Convención contra a Tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanas ou degradantes, Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951), Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967), Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller, Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950), Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987). Os principais partidos son o Sozialistiche Partei Österreichs (SPÖ, Partido Socialista Austríaco), de tendencia socialista, o Österreichische Volkspartei (ÖVP, Partido Popular Austríaco), demócrata-cristián, e o Freiheitliche Partei Österreichs (FPÖ, Partido Liberal Austríaco), de carácter liberal. Cada un dos länder ten un goberno propio presidido por un gobernador, elixido pola dieta rexional (Landtag), e goza dunha ampla autonomía en materia administrativa e lexislativa.
Historia

Os alicerces históricos de Austria: de provincia romana a marca oriental

A Austria actual foi o centro da cultura neolítica de Hallstatt no s VIII a C que, a finais do s II a C, inicia o contacto pacífico cos romanos, que ocuparon a zona situada ao S do Danubio antes do 15 a C. Aínda que a romanización destes territorios (Retia, Noricum e Panonia) foi lenta e pouco intensa, foron tomados como base para a acción ofensiva e defensiva contra as tribos bárbaras, grazas á súa óptima posición estratéxica, dende a que se dominaban as vías de comunicación da Europa central. Os romanos fundaron sobre un asentamento celta o campamento militar de Vindobona (actual Viena), que se constituíu no centro neurálxico das estradas romanas que conducían á fértil rexión da Baixa Austria e Carnuntum (actual Petronell). As tribos xermanas iniciaron os ataques contra esta provincia a partir do ano 166, que resistiu baixo o dominio romano ata o s IV. Os hunos ocuparon a Panonia no 432; despois deles chegaron sucesivamente os longobardos e os ostrogodos, os hérulos, que se estableceron en Iuvavum (actual Salzburgo), os bávaros, que ocuparon o Tirol ao redor do 550, os alamáns, que avanzaron dentro de Retia, os godos e finalmente os ávaros (538), que se desprazaron polo interior da Panonia. Durante o s VIII, logo das numerosas loitas establecidas entre os ávaros e os bávaros no val do Danubio, os francos tomaron o trono de Baviera. Entre o ano 788 e o 803, Carlomagno estableceu unha serie de postos militares nas terras comprendidas entre os ríos Enns e Raab para deter as posibles incursións de pobos procedentes do leste. Algúns destes postos constituíron a Marca Oriental (Östmark), que despois se chamou Reino do Leste (Österreich). A Marca caeu baixo o dominio da Gran Moravia (s IX) e máis tarde dos invasores maxiares, ata que a vitoria de Otón I en Lechfeld (955) fixo posible a restauración da Marca, outorgando o cargo de margrave ao seu administrador, quen estaba dotado de poderes excepcionais para cumprir a súa misión de defender o territorio fronteirizo e as áreas limítrofes. O margrave de Austria, sen embargo, estaba subordinado aos duques de Baviera. Entre o 976 e o 1230, os gobernadores da dinastía Babenberg ensancharon as fronteiras do seu pequeno territorio, construíron cidades e camiños, e fomentaron o comercio do margraviato. Ao se extinguir a dinastía (1246), a importancia estratéxica e económica de Austria e a disputa entre o Papado e o Sacro Imperio provocaron unha serie de liortas hereditarias que se resolveron en 1278, cando o Emperador Rodolfo I de Habsburgo derrotou o Rei Ottokar II de Bohemia, que ocupara os territorios do margraviato durante o seu reinado, e incorporou á súa familia a herdanza dos Babenberg. Alberte I de Habsburgo reuniu cara ao 1283 todos os territorios que dominara Ottokar I (Austria, Estiria e Carniola).
Austria baixo os Habsburgo
No 1282 Rodolfo declarou a Austria como feudo hereditario dos Habsburgo, que a partir deste momento ligaron a súa fortuna aos novos territorios (ata o 1918), iniciando un período no que as fronteiras de Austria estiveron crecendo continuamente, o que supuxo tamén numerosas tensións políticas. No s XV Austria gozaba dun bo momento económico grazas aos seus recursos mineiros, ao comercio de grans e viños con Alemaña, de teas de Occidente cara a Hungría e, sobre todo, pola súa situación na ruta do comercio veneciano cara ao norte. Así mesmo, apareceron asembleas representativas con participación de nobres, eclesiásticos e burgueses. Baixo o reinado de Maximiliano I (1493-1519), que tentou reorganizar tanto o Imperio como os dominios patrimoniais de Austria, preparando a anexión de novos territorios aos dominios familiares mediante unha brillante política matrimonial, Austria obtivo unha autoridade efectiva sobre o Sacro Imperio e unha posición hexemónica en Europa. Carlos de Habsburgo reuniu baixo un mesmo trono as terras dos Habsburgo en Austria, os Países Baixos, a Coroa de Castela e a de Aragón. Ocupado nos problemas políticos, fundamentalmente derivados da política que había seguir como Rei de Castela e pola reforma luterana, cedeu no ano 1521 o goberno dos dominios familiares de Austria ao seu irmán Fernando. A división dinástica dos Habsburgo completouse cando Carlos de Habsburgo abdicou en 1556 como Rei de España en favor do seu fillo Filipe e, en 1558, como Emperador en favor do seu irmán Fernando I (1522-1564), quen xuntou baixo a Coroa de Austria as de Bohemia e Hungría. Estas circunstancias marcaron unha nova estratexia da Coroa austríaca, que se orientou cara ao Danubio e que se converteu nun estado plurinacional. A partir de entón a política exterior austríaca encamiñouse á defensa fronte á ameaza turca. No ano 1564, á morte de Fernando I, os tres fillos deste dividiron a Coroa en tres estados: Austria (con Bohemia e Hungría), Estiria e Tirol. A Reforma protestante tivo adeptos en Austria, sobre todo en Hungría (calvinistas e luteranos) e en Bohemia (calvinistas), e conseguiu unha gran vitoria política ao lograr a Paz de Augsburgo (1555), que significou o establecemento dunha tolerancia relixiosa na Alemaña para luteranos e católicos segundo o principio de que cada gobernador tiña dereito a determinar a súa relixión e a dos seus súbditos. Este acordo foi respectado polos Habsburgo ata a chegada de Fernando II, dirixente da Contrarreforma, que impuxera violentamente no seu ducado. A Contrarreforma católica, que provocou o aglutinamento dos protestantes, foi sobre todo obra de xesuítas, establecidos en Viena (1552) e logo en Graz, Ingolstadt e Praga (1573). Isto, unido ás medidas tomadas contra as prerrogativas checas, provocou un golpe de estado (Defenestracións de Praga, 1618), constituíndose unha nova asemblea checa que proclamou destituír os Habsburgo, e principiando a Guerra dos Trinta Anos, que comezou como un conflito local. O exército checo foi derrotado na Batalla da Montaña Branca (1620), os dirixentes da revolta foron executados e Bohemia incorporada como país conquistado, comezando así a fase internacional da Guerra dos Trinta Anos. Os Habsburgo foron derrotados na contenda e a Paz de Westfalia (1648) marcou a fin da súa hexemonía no Sacro Imperio Romano e a súa consolidación como estado danubiano, proceso no que foi determinante a figura de Leopoldo I (1658-1705), creador do moderno estado austríaco. En 1683 os turcos, dirixidos polo Gran Visir Kara Mustafá Pasha, chegaron ás portas de Viena, que foi rescatada por un exército de xermanos e polacos baixo o mando do Rei de Polonia Xoán III Sobieski. As seguintes vitorias austríacas (Buda, 1686 e Senta, 1699) afastaron definitivamente os turcos de Hungría, Croacia e Transilvania, permitindo aos Habsburgo proclamarse reis hereditarios de Hungría. A Paz de Passarowitz (1718) deixou nas mans de Austria o Banato e parte da Valaquia, Bosnia e Serbia. Pouco tempo antes, a raíz da Paz de Utrecht, Carlos VI (1711-1740), reformador da administración financeira e promotor das actividades económicas, sobre todo coa repoboación de Hungría, aboliu a Lei Sálica, declarando o dereito ao trono da súa descendencia feminina, unha forma de asegurar a sucesión da súa filla María Tareixa. A Pragmática Sanción de Carlos VI (1713), que declaraba que as posesións austríacas eran indivisibles e hereditarias á vez para homes e mulleres na sucesión da Casa dos Habsburgo, foi a primeira lei fundamental para todos os territorios da Casa dos Habsburgo e proxectouse con carácter unificador; sen embargo, Hungría adquiriu unha maior autonomía a raíz desta Pragmática, dado que Carlos VI tivo que ratificar a súa constitución e autonomía. Aínda que a maioría das casas reais europeas prometeron aceptar a Pragmática Sanción a cambio de varias concesións, rexeitárona cando Carlos VI morreu en 1740 sen herdeiros masculinos. Os resultados para Austria da Guerra de Sucesión (1740-1748) e da Guerra dos Sete Anos (1756-1763) foron a perda de Silesia -a provincia máis desenvolvida economicamente- e Bohemia á mans de Prusia, de Parma ás mans da monarquía hispánica e a concesión da autonomía á nobreza húngara como prezo pola súa axuda. Durante os períodos de paz, María Tareixa ocupouse de realizar unha reforma centralizadora e xermanizante coa finalidade de fortalecer o poder real fronte ao das oligarquías nobiliarias; así mesmo, estimulou o ensino e a educación, e diminuíu os impostos aos que estaban sometidos os servos. Xosé II (1780-1790), fillo de María Tareixa e de Francisco de Lorena, procurou desenvolver unha política correspondente ao seu carácter de déspota ilustrado: aboliu a servidume, racionalizou os procedementos civís e criminais, decretou a tolerancia relixiosa e a liberdade de prensa, reduciu o control da Igrexa católica sobre os asuntos seglares e centralizou a administración imperial. O contido revolucionario das reformas e a forma de efectualas provocaron a oposición xeneralizada dos burgueses dos Países Baixos, o Tirol e Hungría. No eido internacional Austria mantivo o equilibrio de Europa oriental logo de repartirse o territorio polaco con Rusia e Prusia. Os Países Baixos, sublevados en 1789, acadaron a independencia en 1790. Leopoldo II (1790-1792), sucesor e irmán de Xosé, revogou a maioría das reformas e recoñeceu a Hungría como unidade separada das posesións dos Habsburgo. O seu fillo e sucesor Francisco II (1792-1835), participou activamente en todas as coalicións europeas contra o proceso revolucionario francés e logo contra Napoleón Bonaparte, nun período de guerras case continuadas dende 1792 ata o 1815. Malia algunhas campañas vitoriosas iniciais realizadas xunto coas tropas prusianas en territorio francés, as forzas francesas fixeron retroceder aos invasores trala fronteira e, durante o inverno de 1794-1795, conquistaron os Países Baixos austríacos. En 1806, logo da conquista de Alemaña por Napoleón, disolveuse o Sacro Imperio Romano-Xermánico, quedando Francisco I como Emperador de Austria, non sen protestas dos checos e dos húngaros. No 1813, logo da campaña de Rusia, Austria uniuse novamente aos inimigos de Napoleón, colaborando na súa decisiva derrota en Waterloo. O Congreso de Viena (1814-1815) devolveu a Austria a unha situación de primeiro orde, sobre todo grazas á política do chanceler Metternich. Se ben quedou abolido o Sacro Imperio, Austria seguiu a ser a potencia preponderante da Confederación Xermánica ata o 1848. No interior, a política de Francisco I e do seu fillo Fernando I (1835-1848), dirixida por Metternich, foi absolutista e reaccionaria, alicerzándose nunha policía omnipotente, nunha rigorosa censura e nun estreito control sobre as universidades. Austria aínda foi quen de dominar os primeiros movementos liberais e nacionalistas, pero a oposición foi cada vez máis forte no interior do Imperio, xurdindo movementos nacionalistas en Bohemia, Eslovenia, Croacia e Galitzia. A onda revolucionaria do 1848 principiada en Francia, fixo romper o sistema represivo austríaco. Hungría, baixo a dirección de Lajos Kossuth, iniciou un movemento revolucionario que inspirou, entre outras, a Praga, a Croacia e ás cidades italianas baixo poder austríaco. En Viena un movemento popular provocou a demisión do chanceler Metternich, obrigando a fuxir ao Emperador, logo de estenderse a revolución a outros territorios do Imperio. O Emperador abdicou o 2 de decembro en favor do seu sobriño Francisco Xosé I (1848-1916), que promulgou unha Constitución para Austria na que establecía un goberno parlamentario e emancipaba os campesiños das obrigas feudais. Os italianos ocuparon o goberno milanés e Hungría declarou a independencia, permanecendo vinculada ao Imperio só a través do monarca de Habsburgo. Ademais, unha asemblea constitucional redactou un plan para a reorganización administrativa do Imperio de acordo coas diferencias nacionais. Non obstante , as forzas revolucionarias debilitáronse axiña ao entrar en conflito diferentes intereses sociais e nacionais. Aproveitando esta debilidade, o exército dos Habsburgo, coa axuda dos rusos, derrotaron os rebeldes italianos e reprimiron a revolta húngara. Francisco Xosé I aboliu o goberno constitucional e rexeitou o plan de reorganización territorial do estado; o único froito que permaneceu da Revolución do 1848 foi a emancipación dos labregos. Esta nova época de reacción (sistema Bach) estivo marcada polos seguintes feitos: nova división dos territorios en círculos e distritos, gobernados por funcionarios dependentes do goberno central; anulación da maioría das prerrogativas dos estados, principalmente de Hungría; unificación do exército e aumento do poder da policía; e concordato coa Santa Sé (1855), o que deixaba en mans da Igrexa a educación e a censura. As reformas políticas estiveron acompañadas por un verdadeiro interese polas melloras económicas, sobre todo a construción de camiños de ferro, a fundación de bancos e a axuda á agricultura e á industria. O chanceler prusiano, Otto von Bismarck, aproveitou a situación de descontento interno en Austria e a súa ruptura con Rusia a raíz da Guerra de Crimea (1853-1856), e as súas derrotas no Reino de Piemonte-Sardeña (1859) para apartar a Austria do proceso de unificación de Alemaña, que se realizou baixo a dirección de Prusia. A Desfeita de Sadova (1866) e a disolución da Confederación Xermánica, foron determinantes nese proceso de unificación alemana.
O Imperio Austrohúngaro: a monarquía dual
A Paz de Praga representou o abandono definitivo das ideas imperiais sobre Alemaña e Italia; o Primeiro Ministro, o conde Fiedrich Ferdinand von Beust, entendeuse cos patricios húngaros Ferenc Deák e co conde Gyula Andrássy para levar a termo unha reorganización total do Imperio, que pasaba a denominarse Imperio Austrohúngaro; o Compromiso (Ausgleich) de 1867 creou dous estados distintos: Cisleithania, que comprendía o Imperio de Austria, os países da Coroa de Bohemia (Bohemia, Moravia e Silesia), o Reino de Galitzia, a Bucovina e o Reino de Dalmacia; e Transleithania, que comprendía o Reino de Hungría coa Transilvania e os Reinos de Croacia e Eslavonia. Aínda que permaneceron unidos por vínculo dinástico (o soberano era Emperador de Austria e Rei de Hungría) e por órganos comúns que se ocupaban da política exterior, o exército e as finanzas, Austria e Hungría eran estados separados, cada un coa súa propia constitución, goberno, Parlamento e lingua, nos que os alemáns e os maxiares eran respectivamente os grupos étnicos predominantes. O problema das nacionalidades rexurdiu inmediatamente: aínda que Eslavonia e Croacia, incorporadas a Hungría, recibiron un estatuto especial de autonomía, persistiron grupos étnicos minoritarios, tanto no interior de Transleithania (alemáns, eslovacos, eslovenos, rutenos, romanés e serbios) como de Cisleithania, onde os alemáns non eran máis que unha terceira parte da poboación e os checos reclamaban dereitos semellantes aos recoñecidos os húngaros. Non obstante , os intereses dos húngaros e dos austríacos limitaron todos os esforzos dos grupos nacionais por conseguir a súa autonomía. En Austria a monarquía seguía a alicerzarse en catro piares fundamentais: exército, policía, igrexa e burocracia. Dentro do Parlamento, o predominio xermanista, liberal e laico dos liberais nacionais durou ata o 1878. No 1879 os liberais nacionais perderon a maioría no Parlamento fronte a unha coalición de católicos conservadores alemáns e de federalistas das outras nacionalidades. O movemento nacional checo, representado polos Mozos Checos, uniu as reivindicacións nacionalistas demandas de tipo demócrata: sufraxio universal, liberdade de prensa e de asociación, escola laica e melloras sociais. Mentres tanto, nas rexións de poboación mesturada xurdiron violentos conflitos nacionais. A reforma electoral do príncipe Gautsch von Frankenthurn (1906), coa concesión do sufraxio universal, puxo en primeira plana novos partidos, xurdidos na etapa anterior: os Alemáns Nacionais, o Socialcristián e o Partido Socialdemócrata. Viena, centro político, financeiro, industrial e cultural do Imperio, medrou axiña (dous millóns de habitantes en 1914). A situación era menos brillante en Hungría onde a nobreza, que dominaba o Parlamento, se negaba a calquera tipo de concesión ás nacionalidades sometidas e desenvolvía unha tenaz campaña de hungarización, mesmo fronte a Austria. A consecuencia da presión húngara naceu a idea dun Reino de Iugoslavia. O rigor húngaro na represión deste movemento non fixo senón que inclinar os patriotas iugoslavos cara ás ideas da Gran Serbia e cara ao terrorismo. A política internacional de Austria-Hungría foi dirixida ao dominio dos Balcáns para evitar o establecemento nese lugar de Rusia ou Italia, ou dun estado eslavo. Así xurdiu a Entente dos Tres Emperadores (1874), que rematou a raíz da expansión do movemento ruso polos Balcáns. En 1881 Austria asinou un tratado favorable con Serbia. En 1903 o asasinato do Rei de Serbia proaustríaco Alexandre Obrenović, e a substitución da súa dinastía pola rival prorrusa, os Karadjordjević (Pedro I), converteron Serbia na cerna da axitación antiaustríaca nos Balcáns. Austria-Hungría contraatacou en 1908 tomando como pretexto a revolta dos Mozos Turcos para incorporar Bosnia-Hercegovina, territorios de poboación iugoslava reivindicados pola Gran Serbia. A crecente rivalidade entre Austria-Hungría e Serbia chegou ao seu apoxeo logo das vitorias serbias sobre Turquía e Bulgaria. Austria-Hungría encontrábase cada vez máis cercada pola alianza franco-rusa, con Serbia como vangarda nos Balcáns.
A Primeira Guerra Mundial e o derrubamento da monarquía austríaca
O 28 de xuño do 1914, o estudante bosnio Gavrilo Prinzip, partidario da Gran Serbia, asasinou en Saraxevo o Arquiduque Francisco Fernando, herdeiro da Coroa, e a súa dona. Austria responsabilizou a Serbia do atentado e declaroulle a guerra, que dexenerou inmediatamente na Primeira Guerra Mundial. Ata mediados do 1916, a guerra semellaba favorable aos imperios centrais, pero as oposicións nacionais e sociais, e os efectos do bloqueo puxeron en evidencia o proceso de descomposición da monarquía; a entrada dos EE UU na guerra (decembro do 1917) e a imposibilidade de obter provisións a través de Rusia remataron por arruinala. Os eslavos do sur (iugoslavos) e Bohemia esixiron un estado nacional (agosto de 1918), mentres que os aliados recoñeceron un goberno checo no exilio. O 4 de novembro Austria asinou a rendición e o día 11 Carlos I abandonou o país; ao día seguinte, proclamouse a República Democrática de Austria: foi o derrubamento definitivo do estado dos Habsburgo e da súa dinastía. Non só as minorías nacionais se declararon independentes (Checoslovaquia, Iugoslavia), senón que tanto Austria como Hungría perderon parte dos seus territorios tradicionais. Ademais, os vencedores impuxeron a separación de Hungría e Austria, e impediron a unión desta última con Alemaña.
Austria no período de entreguerras: a I República austríaca
O novo estado, que comprendía unha serie de territorios alpinos, pouco poboados e de escaso desenvolvemento económico, cunha capital hipertrofiada (30% da poboación) e sen área provedora, non tiña viabilidade económica. Este feito agravouse pola imposición de reparacións esixidas polos estados vencedores da Primeira Guerra Mundial. A Asemblea Nacional elixida en 1919 aceptou con protestas tanto a nova configuración territorial como as reparacións. A única vantaxe recoñecida á nova República foi a anexión dos territorios húngaros inmediatos, colonizados por alemáns e croatas, que constituíron o novo länd de Burgenland, incorporado no 1921. Unidos os socialdemócratas e os socialcristiáns das zonas rurais, votaron no 1920 unha constitución democrática e liberal; sen embargo, a duración da crise de posguerra agravou o enfrontamento entre socialcristiáns e socialdemócratas. Dende as eleccións de 1920, gañadas polos socialcristiáns co apoio dos panxermanistas, o Sozialistiche Partei Österreichs (SPÖ) quedou excluído do goberno, aínda que continuaba controlando Viena, onde realizou numerosas reformas de signo progresista. O endebedamento da guerra, a plétora de funcionarios e a inflación crecente provocaron unha gran desocupación laboral. En maio de 1922 constituíuse un goberno presidido polo arcebispo de Viena Ignaz Seipel, quen se enfrontou con grande enerxía aos enormes problemas do país. Obtivo créditos estranxeiros ao prezo de admitir a supervisión da Sociedade de Nacións; saneou as finanzas, creou unha nova moeda, o xilín, e equilibrou o orzamento. En 1924 Speil, víctima dunha tentativa de asasinato, foi substituído por Ramek. O novo goberno obtivo a colaboración dos socialdemócratas. Non obstante , o fracaso dalgunhas institucións bancarias provocou a volta de Seipel en 1926. O avance socialdemócrata nas eleccións do 1927 polarizou ambos bandos e a situación dexenerou nunha revolución en Viena (15.7.1927) que foi violentamente reprimida. Ademais, o goberno tivo que facer fronte ao xurdimento do movemento fascista Heimwehr (Defensa Patriótica), dirixida polo conde de Starhemberg, enfrontado coa Republicanischez Schutzbund (Liga de Protección Republicana). No plano internacional, Seipel procurou manter o principio da colaboración con Alemaña creando a doutrina dos “dous estados e unha soa nación”. No ano 1928 o trato recibido polas poboacións xermánicas do Tirol, provocou tensións co goberno italiano. A elección presidencial do 1928 gañouna o socialcristián Wilhelm Miklas, que venceu o candidato panxermanista grazas á abstención dos socialdemócratas. A militarización das forzas políticas acelerouse logo da demisión de Seipel o 3 de abril de 1928. En decembro de 1929 aprobouse unha reforma da Constitución que reforzaba os poderes do Presidente da República, coa posibilidade de ditar “regulamentacións de necesidade”. A evolución dos problemas políticos e sociais de Austria viuse afectada pola chegada ao poder dos nacionalsocialistas na Alemaña, que provocou nos sectores moderados unha resistencia á idea de anexión. Esta actitude foi encarnada polo chanceler Engelbert Dollfuss (1932-1934), funcionario socialcristián, que se enfrontou coa ineficacia institucional, ao marxismo e ao nacionalsocialismo hitleriano. En 1933, por cuestións de forma, o Parlamento parou de funcionar; o chanceler non o volveu convocar. Despois de esmagar a revolta socialista do 12 ao 15 de febreiro de 1934, Dollfuss proclamou unha nova constitución, inspirada na encíclica Quadragesimo anno, notoriamente autoritaria. Así mesmo, disolveu os partidos, incluído o socialcristián, que foron substituídos pola Vaterländische Front (Fronte Patriótica); combateu os nazis austríacos, dirixidos por Seyss-Inquart e, contando coas garantías recibidas de Mussolini, enfrontouse á campaña de propaganda nacionalsocialista dirixida dende Alemaña. O 25 de xullo de 1934, unha banda de nazis asaltou o pazo da chancelería e asasinou a Dollfus. O putsch non puido triunfar debido á mobilización das tropas italianas na fronteira de Brenner. O novo chanceler, Kurt von Schuschnigg, puido continuar durante un tempo a política do seu predecesor; sen embargo, a incesante presión nazi fixo insostible a situación do novo estado. Schuschnigg foi obrigado por Hitler a nomear o nazi Seyss-Inquart ministro do Interior no ano 1938. O rápido deterioro da situación fixo que o chanceler achegase posturas cos militantes sindicais e que convocase un plebiscito sobre a seguinte cuestión: “É vostede favorable a unha Austria libre e alemana, independente e social, cristiá e unida?”. A votación, que non se chegou celebrar, tería lugar o 14 de marzo de 1938. Logo dos ultimatos emitidos por Hitler, na tarde do 11 de marzo, entraron as tropas alemanas en Austria; o mesmo Hitler fixo a súa entrada triunfal en Viena o 14 de marzo. Schuschnigg foi detido e desatouse unha feroz persecución contra os inimigos do nazismo. Nestas condicións organizouse un plebiscito que sancionou o Anschluss, co 99,73% dos votos. Austria quedou reducida a provincia alemá baixo o nome de Ostmark e contribuíu intensamente (300.000 mortos entre civís e militares) ao esforzo bélico da Segunda Guerra Mundial. A conferencia interaliada de Moscova (1943) decidiu declarar nulo o Anschluss, decisión confirmada pola conferencia de Teherán (1943). Despois da ocupación soviética de Viena polo exército soviético, o socialdemócrata Karl Renner estableceu un goberno provisional austríaco o 27 de abril de 1945. O novo goberno organizou eleccións en novembro de 1945, a partir das cales foi constituído o primeiro goberno de coalición populista (que obtivera 85 escanos) e socialista (76 escanos). En decembro a Asemblea Nacional nomeou a Renner, Presidente, e a Leopold Figl, chanceler. Así mesmo, o país foi dividido en catro zonas de ocupación (norteamericana, inglesa, francesa e soviética) e unha zona de ocupación compartida (Viena).
A II República austríaca
O novo goberno dedicouse á tarefa da reconstrución, á loita contra o desemprego e contra a inflación, nacionalizando moitas das grandes empresas. Non obstante , o seu obxectivo principal foi a recuperación total da independencia política, coa conseguinte evacuación das forzas de ocupación. Gracias ao Staatsvertrag (Tratado de Estado) do 15 de maio de 1955, asinado no pazo de Belvedere, Austria acadou a independencia como estado, mantendo a neutralidade na política de bloques da Guerra Fría. En abril de 1966 púxose fin ao sistema de goberno de coalición entre os dous grandes partidos, facéndose cargo do goberno un gabinete presidido polo chanceler democratacristián Josef Klaus, do Österreichische Volkspartei. En 1970 ese partido perdía as eleccións e o poder pasaba aos socialistas. O seu líder, Bruno Kreisky, acadou a chancelería e convocou eleccións anticipadas, que deron a maioría ao seu partido (1971). Iso permitiulle emprender unha política de reformas sociais e de fomento da economía -sobre todo o comercio exterior-, que lle comportaron dúas vitorias electorais máis (en 1975 e 1979). As eleccións xerais de 1983 representaron a fin dos trece anos de goberno dos socialistas en solitario, aínda que conseguiron unha maioría relativa. Kreisky demitía; o seu sucesor, Fred Sinowatz, do mesmo partido, formaba goberno cos liberais, continuando a política de benestar social do seu predecesor e mantiña unha dinámica de activa neutralidade nas relacións internacionais. No 1986 a vitoria do candidato conservador á Presidencia, Kurt Waldheim -primeiro Presidente non socialista dende 1945-, acusado polas súas actividades nazis de depuración racial nos Balcáns dende as filas do exército alemán durante a Segunda Guerra Mundial, provocou fortes protestas e a demisión de Fred Sinowatz. Franz Vranitzky, tamén membro do Sozialistiche Partei Österreichs (SPÖ), chegou a chanceler. Nas eleccións anticipadas de 1987, os socialistas obtiveron maioría relativa e Vranitzky formou unha coalición de goberno cos conservadores, situación que se repetiu na convocatoria de 1990 e 1994, aínda que cunha crecente perda de votos dos partidos maioritarios e cun crecemento sostido do Freiheitliche Partei Österreichs (FPÖ) de Jörg Haider que recollía, co seu discurso de extrema dereita, o sentimento contrario á inmigración de amplos sectores da poboación. En maio do 1992, o conservador Thomas Klestil foi elixido Presidente. A disolución do bloque dos países socialistas da Europa do Leste (1990-1991) puxo fin ao especial estatuto de Austria como país neutral, facendo posibles as negociacións para o seu ingreso na Unión Europea, proceso que culminou co resultado afirmativo no referendo de xuño de 1994, polo que Austria se integraba nesta organización o 1 de xaneiro de 1995. Este feito puña fin á posición marxinal de Austria dende 1945. En outubro de 1995 o Österreichische Volkspartei (ÖVP), liderado polo ministro de Asuntos Exteriores Wolfgang Schüssel, rompeu a gran tradición vixente dende 1986 e provocou eleccións anticipadas co obxectivo de acadar a chancelería, en mans socialdemócratas dende había 25 anos. A manobra foi un fracaso; o Sozialistiche Partei Österreichs (SPÖ) superou ao Österreichische Volkspartei (ÖVP) en máis de dez puntos nas eleccións do 17 de decembro, mentres que os liberais de Haider obtiveron o 22,1% dos votos. Despois de chegar a un acordo para reducir o déficit orzamentario e a contratación na administración pública, privatizar empresas públicas e reformar o réxime de xubilacións e da Seguridade Social, os dous grandes partidos volveron gobernar conxuntamente. Nas eleccións ao Parlamento Europeo do 13 de outubro de 1996 constatouse o avance da ultradereita de Haider (28% dos votos). O 18 de xaneiro de 1997 o chanceler Vranitzky demitiu de xeito inesperado, substituíndoo Viktor Klima, naquel momento ministro de Finanzas. O novo chanceler puxo en marcha unha reforma orzamentaria co fin de permitir a Austria enfrontarse aos estrictos criterios económicos que esixe formar parte da Unión Europea, así como un discutido proxecto para privatizar un dos bancos máis importantes do país. En novembro de 1997 o partido de Haider, que convocara un referendo sobre a adhesión ao euro, non obtivo o apoio esperado. Os tres feitos que centraron a vida política austríaca en 1998 foron: a forte perda de credibilidade da igrexa austríaca; as eleccións presidenciais de abril de 1998, que confirmaron a Thomas Klestil no posto co 63,5% dos votos, e que abriron o debate sobre a función do Presidente na vida política do país; e a neutralidade austríaca, que enfronta aos partidarios da adhesión á OTAN (populares) e contrarios (socialdemócratas). Os socialdemócratas prefiren integrar a súa política de seguridade no contexto da Unión Europea (apoio á UEO e á “asociación para a paz”) e conservar unha reducida neutralidade. Nas eleccións do 3 de outubro de 1999 resultou gañador o Sozialistiche Partei Österreichs (SPÖ) e o ultradereitista Freiheitliche Partei Osterreichs (FPÖ) de Haider confirmouse como segunda forza política por riba do Österreichische Volkspartei (ÖVP), aínda que quedaron empatados en escanos. Logo dunha fase de contactos para formar goberno, os populares romperon cos socialdemócratas e principiaron unha serie de conversas cos liberais, o partido de Haider. En medio de fortes protestas internas (manifestacións na rúa, moción de censura dos verdes, etc) e de sensacións externas promovidas pola UE e os EEUU, o novo executivo austríaco xurou o seu cargo o 4 de febreiro do 2000. Nese goberno a chancelería quedou en mans de W. Schüssel (ÖVP) e a vicechancelería nas de T. Hauder (FPÖ).