2 auto

2 auto

(

  1. s m [LIT/ESPECT]

    Peza teatral breve cultivada durante a Idade Media na Península Ibérica, de carácter sacro ou profano e representada nun só acto. O texto máis antigo que se conserva -en estado fragmentario-, é o Auto de los Reyes Magos (ss XII-XIII?). Manifestacións análogas danse nos mystères franceses e nas sacre rappresentazioni italianas. Dende o s XVI asociouse á festividade do Corpus Christi e deu lugar ao auto sacramental.

  2. s m pl [DER]

    Conxunto de actuacións, pezas ou documentos que se producen nun xuízo ou nunha cousa.

  3. auto de fe [HIST]

    Cerimonia da Inquisición nos reinos hispánicos desde o s XVI, que consistía en ler o proceso da causa de fe instituída. Recibíase de novo na igrexa ao que abxuraba do erro do que estivera acusado, ou ben executábase publicamente ao que non se retractara das acusacións das que era obxecto. Desde os preparativos ata o remate seguía un ritual solemne que incluía unha procesión, unha misa e un xantar. Denominábase auto privado cando, tratándose de faltas liviás, podían revestir un carácter privado, e auto público cando, en casos graves, adquiría solemnidade pública. O procedemento do Santo Oficio era unha expresión pública do arrepentimento dos pecados e o rexeitamento da herexía, que chegou a ser unha especie de festividade; ata finais do s XVIII era un espectáculo popular. O derradeiro auto de fe celebrouse en 1826.

  4. auto ordinario [HIST/DER/ADM]

    Decreto Galego.

  5. auto sacramental [LIT/ESPECT]

    Nome que designa no ámbito ibérico a composición dramática breve nun acto e en verso, que representaba a exaltación da Eucaristía mediante personaxes de carácter bíblico, alegórico ou popular para simbolizar ideas abstractas e problemas de índole teolóxica cun mínimo de acción. Destinada a celebrar a festividade do Corpus Christi, foi o resultado da superposición das esixencias da reforma católica que impuxo o Concilio de Trento ao costume popular medieval de conmemorar ese día con representacións teatrais. Acadou a súa plenitude nos ss XVI e XVII coas obras de Lope de Vega, Tirso de Molina, Mira de Amescua e, en especial, Calderón de la Barca, quen lles deu a súa estrutura definitiva integrando os elementos esenciais do dogma e os intereses particulares da Contrarreforma. No século XX déronse propostas de renovación do xénero. En Galicia, Manuel María reivindicou a recuperación desa tradición cunha serie de pezas marcadas por unha forte conciencia social: Auto do taberneiro (1957), Auto do labrego (1961), Auto do mariñeiro (1961), Auto da costureira (1973), Auto do maio esmaiolado (1982), Auto do camiñante (1985) ou o Auto transcendental da escola tradicional. A partir desta última obra creouse un espectáculo que se estreou en 1977 no medio escolar.

Palabras veciñas

autista | autixénico -ca | 1 auto | 2 auto | auto- | autoacendido | autoacusación