autodeterminación
(
-
s
f
Acción de decidirse por si mesmo.
-
s
f
[DER/POLÍT]
Acción dunha colectividade humana, dentro dun marco territorial, de decidir libremente o seu destino político, especialmente de constituírse en entidade estatal autónoma ou independente. Considerada norma xeral das relacións internacionais e entendida como facultade esencial dos grupos nacionais, dá lugar ao chamado dereito dos pobos á autodeterminación, elaborado durante o s XIX dentro da teoría das nacionalidades e expresado de feito no principio das nacionalidades. Formulouse por vez primeira na Declaración de independencia dos EE UU (1776) e na teoría da soberanía nacional dos revolucionarios franceses. Despois do estancamento da Santa Alianza, as revolucións de 1830 e de 1848 (Bélxica, Polonia, Hungría, etc) iniciaron o período das loitas nacionais en Europa. O dereito á autodeterminación foi teorizado e difundido principalmente por nacionalistas italianos como Pasquale Stanislao Mancini e Giuseppe Mazzini, e influíu en Bakunin. Cara ao final do s XIX, comezou a ser debatido nos movementos socialistas dos imperios austro-húngaro e ruso. O partido socialdemócrata austríaco negou sempre validez ao dereito de autodeterminación e formulou o principio da autonomía cultural. Pola contra, o Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso declarou no 1903 o dereito á autodeterminación de todas as nacionalidades do estado ruso, orientación seguida polos bolxeviques e por Lenin en Do dereito dos pobos á autodeterminación (1914), pero rexeitada polos menxeviques e polos esquerdistas de Rosa Luxemburg. Unha vez no poder, Lenin e Stalin asinaron a Declaración dos dereitos dos pobos de Rusia (1917), que confirmaba o dereito á autodeterminación. Despois da Primeira Guerra Mundial, o imperialismo dos belixerantes fixo que o Presidente estadounidense Woodrow Wilson formulase por vez primeira o dereito á autodeterminación coma norma internacional na declaración dos Catorce Puntos no 1918; os tratados de paz de París no 1919 consagrárono como principio recoñecido polos estados e, ligado á práctica do plebiscito, déronlle aplicación a través do desmembramento dos imperios austro-húngaro, otomano e ruso. A Sociedade de Nacións, creada no ano 1920, significou a primeira institucionalización do principio de autodeterminación, continuada coa ONU no proceso de descolonización despois da Segunda Guerra Mundial: ademais da carta fundacional (1945), onde foi definido, incluíuse no 1951 na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Por outra banda, a Resolución 1.514 (1960) e a Declaración de Descolonización déronlle base legal a todas as accións da ONU para a autodeterminación dos pobos colonizados: creación do comité especial de descolonización (1961), resolucións sobre territorios coloniais, etc. Finalmente, a Resolución 26/25 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 1970, consagrou o principio da autodeterminación como norma positiva de dereito internacional. Dende o 1990, o afundimento do comunismo acompañouse de numerosos secesionismos que puxeron fin á Unión Soviética entre 1990-1991, a Checoslovaquia no 1992, a Iugoslavia no 1991 e deron lugar a novos estados. Nun sentido inverso, a antiga República Democrática Alemana reunificouse coa República Federal da Alemaña. Agás este último, en todos os outros casos a fragmentación organizouse mediante plebiscitos, aínda que despois, o resultado favorable á segregación non fora aceptado e provocara conflitos bélicos (Guerra dos Balcáns). A aplicación de dereito á autodeterminación xera problemas derivados sobre todo da imprecisión de categorías como país, pobo, nación ou nacionalidade. Por outra banda, os límites na aplicación deste dereito non están claros, e cómpre mencionar tamén que os estados acostuman enmascarar como subversiva e minoritaria a expresión da personalidade nacional. De feito, o dereito á autodeterminación só ten aplicación real naqueles países cun status oficial de colonia ou naqueles estados con grandes diferencias internas. Noutros casos, o principio de non-intervención, a imprecisión xurídica e a falta dunha autoridade mundial fan ineficaz a súa aplicación (como é o caso de Biafra) ou redúcena ao recoñecemento dun feito xa consumado, como aconteceu na maioría dos novos estados da antiga Unión Soviética. A reivindicación do dereito á autodeterminación de Galicia ten os seus alicerces no desenvolvemento doutrinal do Rexionalismo. Deste xeito, en 1887, o Partido Federal de Galicia presentou un proxecto de Constitución para o Estado Galaico segundo o que Galicia se erixía en “estado autónomo e soberano”, e adoptaba para o seu goberno a forma democrática republicana. De todos os xeitos, nestas declaracións rexionalistas e xunto á reclamación da soberanía, afírmase o compromiso da unidade federal coa Nación Española. En 1918 o Manifesto da Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo demanda a “autonomía integral da Nazón Galega” dentro dun estado federal ibérico. O concepto de autodeterminación enúnciase por vez primeira de xeito explícito no programa do Partido Galeguista, constituído en decembro de 1931. Organizacións nacidas despois da Guerra Civil española, principalmente o PSG (1963) e a UPG (1964) recolleron a aspiración á autodeterminación conxugándoa coas doutrinas socialistas e marxistas. A ausencia do recoñecemento ao dereito á autodeterminación provocou que as organizacións da esquerda nacionalista (na órbita da AN-PG) pediran o voto en contra do Estatuto de Autonomía no referendo do 1981. No ámbito institucional, en febreiro de 1990 o deputado do Partido Socialista Galego-Esquerda Galega, Camilo Nogueira Román, presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei sobre o desenvolvemento do autogoberno nacional de Galicia e o dereito á autodeterminación, na que instaba á cámara a declararse depositaria da soberanía nacional de Galicia e a proclamar o dereito á autodeterminación. Esta iniciativa debateuse no pleno o 13 de marzo de 1990, sendo rexeitada por 70 votos en contra (PP, PSOE e BNG, por distintos motivos) fronte a 4 a favor (Coalición Galega e PSG-EG).
Confrontacións: nación, nacionalismo. -
s
f
[POLÍT]
autogoberno.