Auvernia

Auvernia

Rexión de Francia, no Languedoc, que abrangue os departamentos de Allier, Cantal, Haute Loire e Puy-de-Dôme (26.013 km2; 1.315.215 h [1995]). A súa capital é Clermont-Ferrand. Ocupa o centro do Macizo Central, e está drenada polo Allier e o Dordoña. Atravésana de N a S os altiplanos que constitúen o zócolo dos grandes relevos volcánicos (Puy-de-Dôme, Macizo de Cantal). No seu centro, as bacías atópanse cubertas por sedimentos terciarios, resultando un relevo de pequenas chairas montuosas. Auvernia é rica en fontes de augas minerais e en instalacións balnearias, como Vichy e Royat. O seu nome deriva dos arverni, poderosa confederación de tribos galas que en tempos de Xulio César loitaron contra os romanos baixo o mandato de Vercinxetórix. Durante o Imperio Romano formou parte da Prima Aquitania. Durante os períodos merovinxio e carolinxio, a rexión pasou as mesmas vicisitudes ca o resto da Aquitania. Foi cedida aos visigodos no 475 e conquistada polo Rei franco Clodoveo no 507. En tempos merovinxios formou un condado dependente da Aquitania. Case ao remate do s VIII, Auvernia constituíu un condado separado; o primeiro conde hereditario foi Guillerme o Piadoso (886). No 928 pasou a mans do conde de Toulouse e logo ao Condado de Poitiers. No s XII o condado pasou a soberanía inglesa e quedou dividido; isto orixinou disputas que propiciaron que Filipe Augusto, Rei de Francia, anexionara unha gran parte do condado. Filipe Augusto outougoulle a Roberto I (1195-1227), bispo de Clermont, o señorío da cidade que mudou en condado, propiedade dos bispos de Clermont ata 1552. En 1360 o Rei Xoán II converteu a terra de Auvernia en ducado e cedeulla ao seu fillo Xoán; coa filla deste, o novo título pasou aos Borbóns no 1416. O último duque, o célebre condestable Carlos de Borbón, xuntou os dominios do delfinado de Auvernia cos do ducado, posesións que foron logo confiscadas pola Coroa como consecuencia da sentenza que no 1527 castigou a defección do condestable verbo da causa de Carlos V. O condado de Auvernia, sen embargo, non pasou a depender directamente da Coroa francesa ata tempos de Luís XIII. En 1790 o territorio dividiuse nos actuais departamentos franceses.