Auz
Liñaxe de orixe navarro-aragonesa procedente do lugar homónimo. Fóra de Galicia, este apelido adoita aparecer coa forma Haux, ou mesmo, Hauz e Dauz. Asentouse en diversos puntos da provincia luguesa: en Bazar, no lugar da Pesqueira e Momán, concello de Cospeito, e tamén en Manzaneda de Trives, debido ao entroncamento cos Rueda e Quiroga. Da casa orixinaria de Hauz, en Navarra, saíu unha rama que enlazou cos señores da máis alta nobreza de Bizkaia. Deste lugar chegou o capitán Rodrigo de Hauz quen, xunto á súa dona María Alonso de Rubiño, filla de Pedro Yáñez, señor do couto e pazo de Rubiños, formou o tronco dos Auz, que se espallaron por Galicia e que emparentaron con familias tan distinguidas como os Osorio de Velasco, Ron, García de Marco, Rois, Neira, Barrera, Saavedra, Ponce de León, Pardo de Cela. As armas que locen na casa da Pesqueira levan escudo cortado: na primeira partición, unha árbore de sinople sobre campo de ouro e, ao seu pé, un lobo pasante da súa cor; e, na segunda, un castelo de ouro aclarado de goles, en campo de azul. Outra variante ostenta: en campo de ouro, unha árbore de sinople, terrazado do mesmo e, ao seu pé e por detrás do tronco, un touro da mesma cor atado cunha cadea de sable.