Avalón
Illa onde, segundo a lenda, o Rei Artur foi levado para curar as feridas que recibiu na batalla de Camlann e que constitúe ademais un símbolo da súa inmortalidade. A primeira mención de Avalón aparece en 1136 na Historia Regum Britanniae (Historia dos reis da Bretaña) de Geoffrey ou Godofredo de Monmouth. Nesta obra, a illa non só é o lugar onde é transportado o Rei, senón a terra marabillosa onde se forxou a espada Escalibur. Outra obra do mesmo autor, a Vita Merlini (Vida de Merlín, 1148?), inclúe unha longa descrición da denominada Illa dos Frutos, que ben correspondería con Avalón. Nesta illa reina Morgana, unha especie de serea ou fada con poderes curativos que acolleu a Artur moribundo para restaurarlle a saúde. A existencia de Avalón na mitoloxía celta foi fortemente cuestionada e moitos críticos consideraron que se trataba dunha invención de Monmouth. Non obstante , o concepto de illa occidental perdida na inmensidade do océano respondería ás crenzas célticas sobre o Alén, imaxinado como a terra dos benaventurados. Unha das representacións que os celtas se facían do Máis Alá corresponde a este lugar, que recibía denominacións moi diversas -illa das Mulleres, illa de Vidro, País da Xuventude- e que se concibía como unha serie de illas paradisíacas, habitadas por mulleres moi fermosas, cheas de todas as delicias imaxinables e onde reinaba unha eterna primavera. Aplicado á lenda do Rei Artur, a tradición que o facía repousar en Avalón reflectía a crenza dos celtas no retorno do seu mítico monarca para liberar a nación do xugo saxón; é o que se deu en chamar “a esperanza bretona”. Pronto xurdiron outras lendas arredor da volta de Artur: unhas situábano durmindo baixo unha cova do monte Etna, outras falaban da súa conversión en corvo e outras imaxinábano nun cortexo espectral que saía de caza as noites de treboada. Finalmente, unha adaptación galega da lenda levou a imaxinar que os mosquitos da lagoa de Antela eran o Rei Artur e os seus cabaleiros. A literatura galega reflicte a variedade de lendas tecidas arredor da perda do Rei bretón. Xa na Idade Media hai unha mención ao respecto. A composición número 419 das Cantigas de Santa María compara a desaparición de Artur e a imposibilidade de achalo coas dificultades de atopar a Virxe despois da Ascensión. Xa no s XX Álvaro Cunqueiro recolle a crenza de Artur metamorfoseado en corvo. Este tipo de transformación aplicoulla Darío Xohán Cabana ao protagonista de Galván en Saor; á súa morte, o sobriño do Rei converteuse en falcón. Nesta obra Artur é recollido pola barca que habería de levalo cara a Avalón. Esta é tamén a tradición que recolle Ramón Cabanillas en Na noite estrelecida, aínda que facendo máis fincapé no retorno do soberano (o poema remata coa palabra “esperade!”). A mesma obra retoma o motivo da illa marabillosa da que procede a espada Escalibur, convertida por Cabanillas na illa de Sálvora. En cambio, en Amor de Artur de Xosé Luis Méndez Ferrín, Avalón é o castelo de Liliana de Escalot, a esposa secreta de Lanzarote. Alí acode Artur na procura de axuda para recuperar o amor perdido de Xenebra. Unha vez no castelo, Artur xace con Liliana -concibindo a Galahad, o cabaleiro do Graal- e queda durmido nun longo sono. Unha nova e orixinal versión procede de Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro. Avalón é aquí a illa onde viven Amadís e Oriana, protagonistas da novela de cabalerías castelá Amadís de Gaula. Cunqueiro, ademais, ofrece unha etimoloxía fantástica para o nome do lugar que, segundo el, quere dicir “a misteriosa”.