Avendaño
Liñaxe que tivo como tronco o conde Mendo de Rausona, irmán de Desiderio, último Rei dos longobardos de Italia (s VIII); por esta razón, nun principio recibiu o nome de Mendaio, patronímico de Mendo. Pasou ao País Vasco e asentouse en San Martín de Avendaño, vila próxima a Gasteiz, de onde seguramente tomaría a nova designación. Espallouse logo por Castela, Navarra, Islas Canarias, Colombia e Chile. En Galicia os Avendaño fundaron casa en Cristiñade, concello de Ponteareas, entre outros lugares. Cabaleiros desta liñaxe ingresaron nas ordes militares de Santiago, Calatrava e Alcántara. As primitivas armas desta familia levan, en campo de ouro, roeis de azul; e, segundo outros investigadores, en campo de prata, unha banda de goles. As máis frecuentes ostentan, en campo de azul, unha camisa mourisca de prata, atravesada por tres frechas de ouro, coas puntas manchadas de sangue. Os de América usan escudo medio partido cortado: a primeira partición leva, en campo de prata, unha banda de sable; a segunda, en campo de prata, tres panelas de sinople; e a terceira, en campo de prata, un lobo enreixado da súa cor natural. Outra variante na rama galega trae, en campo de ouro, unha torre de pedra con seis roeis de goles, tres a cada lado postos en pao.