Avia

Avia

Río afluente pola dereita do Miño. Nace na vertente oriental da serra do Suído, a 880 m de altitude no lugar de Fonte Avia, na parroquia de Nieva (concello de Avión). Alóxase nunha fractura de dirección SO-NL ata o encoro de Albarellos, no límite entre os concellos de Avión, Boborás e Leiro. Neste treito recibe unha chea de regos que drenan o Suído, o Testeiro, o Irixo e o Faro de Avión. A partir do encoro prosegue encaixado polo N do Rañadoiro ata a confluencia co seu principal tributario, o Arenteiro, na parroquia de Pazos de Arenteiro do concello de Boborás, onde vira cara ao SL. Finalmente, dende Leiro ata Ribadavia, onde desemboca logo dun percorrido de 36,7 km, discorre en sentido meridiano (N-S). A súa conca abrangue 673 km2 e achega un caudal medio de 18,5 m3/s, cun réxime estacional que ten os máximos no inverno (febreiro 49 m3/s) e os mínimos no verán (setembro 1,8 m3/s).