Aviñón
Cidade da Provenza, capital do departamento francés da Vaucluse, situada na ribeira do Ródano (86.939 h [1990]). Centro de veraneo. A situación da cidade influíu notablemente na súa historia. Aliada de Roma e profundamente romanizada, a pequena Avennio acadou unha grande importancia no tempo das invasións xermánicas debido á súa situación privilexiada, doadamente fortificable. Ao declinar o Imperio Romano de Occidente pasou ao dominio dos burgundios (413). Pertenceu sucesivamente aos reis da Borgoña Cisxurana, de Arlés, das Dúas Borgoñas e finalmente aos condes da Provenza. En setembro do 1125 foi repartida entre o conde de Barcelona Ramón Berenguer III, esposo da herdeira da Provenza, e Afonso Jordà, conde de Tolosa. Próspero centro comercial, a cidade desenvolveu cedo unha poderosa clase burguesa consciente dos seus dereitos que, dende 1198, lle deu un goberno amplamente autónomo. En tempos da cruzada albixense, Aviñón púxose ao carón da casa de Tolosa, e no 1226, logo dun curto sitio, o Rei de Francia Luís VIII fixo asasinar a todos os seus defensores. Durante os 68 anos que durou o papado de Aviñón (1309-1377), a cidade converteuse no centro da política europea, crecendo considerablemente a súa poboación e cubríndose de novos monumentos ao tempo que se congregaba unha refinada sociedade ao redor da Corte e da Universidade Pontificia. A marcha de Gregorio XI no 1377 significou o principio dunha serie de calamidades. Durante os séculos seguintes, administrada por gobernadores nomeados dende Roma, conservou o carácter de cidade internacional. De todos os xeitos, os papas non acadaron o dominio absoluto da cidade, xa que os reis de Francia procuraron continuamente a súa anexión. Dentro do recinto da cidade o principal monumento é o Pazo dos papas, de grandes proporcións (15.000 m2 de superficie), que consta de dúas partes: o pazo vello, construído por Benedicto XII (1334-1342), de austeridade cisterciense, e o novo, de Clemente VI (1342-1352), dun gótico máis decorativo. A catedral é unha mostra da tardía escola románica de Provenza (s XII).