axente

axente

(< lat agens -ntis ‘o que fai’)

  1. adx

    Que desenvolve unha acción.

    Ex: O suxeito axente do crime conseguiu escapar sen deixar rastro.

  2. s m

    Poder ou causa activa que produce un efecto ou un fenómeno determinado.

    Ex: Debemos ter coidado con estes axentes químicos que poden provocar grandes catástrofes.

  3. s

    Persoa que ten a misión de obrar en representación de alguén.

    Ex: A empresa mandou os seus axentes comerciais polas casa para vender mellor o produto.

  4. s m [DER]

    Aquel que executa actos que poden producir ou producen efectos xurídicos.

  5. s m [DER]

    Autor dunha acción cualificada legalmente como delito ou como falta.

  6. [INFORM]
    1. s m

      Parte do sistema que facilita o intercambio de información nos modelos de rede cliente-servidor.

    2. axente de busca

      Aplicación informática que localiza datos nunha rede tras recibir instrucións delimitando o tipo de información que debe encontrar, e organizando a continuación os resultados seguindo unhas categorías preestablecidas.

  7. s m [LING]
    1. Aquel ou aquilo que realiza a acción expresada polo verbo, a diferenza do paciente, que sofre a acción en vez de realizala.

      Ex: Luís le un libro, onde Luís é o axente.

    2. Complemento do verbo en voz pasiva, introducido xeralmente pola preposición por, que expresa a cousa ou persoa que realiza a acción. Nestas construcións sintácticas o suxeito aparece como paciente da acción verbal. OBS: En galego, este tipo de construcións son pouco comúns na lingua literaria e moito menos no rexistro coloquial, pois o galego prefire presentar o suxeito como axente da acción verbal e non como paciente.

      Ex: A folla do libro foi rachada polo neno (construción pasiva onde neno ~complemento do verbo- é o axente) fronte a O neno rachou a folla do libro (construción activa, onde neno -suxeito- é o axente).

  8. s m [LIT]

    Na tipoloxía de papeis actanciais proposta por Greimas (Sémiotique textuelle et narrative, 1973), o axente é o papel actancial desempeñado polos personaxes que cumpren determinados procesos ou accións e que se opón ao papel de paciente. O axente pode asumir diversos roles, segundo interfira na sorte do paciente: influenciador, protector, degradador, etc. Equivale á categoría de suxeito.

  9. axente antiinfeccioso [BIOQ]

    Substancia química natural ou de síntese que evita o desenvolvemento ou que é quen de eliminar os microorganismos patóxenos específicos dun proceso infeccioso. Os compostos que actúan principalmente contra as bacterias son os axentes antiinfecciosos máis utilizados.

  10. axente causante [PAT]

    Microorganismo responsable dunha enfermidade ou afección.

  11. axente comercial [DER]

    Persoa que pola súa profesión fai de intermediario en operacións comerciais de compra-venda de mercadorías.

  12. axente consular [DER]

    Axente que, sen pertencer ao corpo de funcionarios dun estado, exerce determinadas actividades consulares limitadas nunha cidade ou nun porto estranxeiro, por conta dese estado e baixo a autoridade do seu cónsul.

  13. axente da autoridade [DER]

    Nome xenérico que designa a aquel que, por disposición legal ou dunha autoridade, ten que manter a orde pública, a seguridade das persoas e das cousas, e tamén executar mandados, obrando sempre por encargo ou por delegación superior.

  14. axente da orde pública [DER]

    Membro dun corpo de policía administrativa encargado da seguridade e da orde pública.

  15. axente da policía urbana

    Membro da policía municipal.

  16. axente da propiedade inmobiliaria [ECON]

    Profesional que intervén, por conta doutro, en operacións de compra-venda, préstamo ou hipoteca de terreos urbanos ou rústicos, traspasos de locais comerciais, valoracións, etc.

  17. axente de aduanas [ECON]

    Intermediario entre a administración de aduanas e os particulares; intervén nas operacións de despacho das mercadorías, ben como representante autorizado dos consignatarios, ben como receptor destas.

  18. axente de cambio e bolsa [ECON]

    Antigamente, profesional de carácter oficial que actuaba como mediador e con exclusividade nas transmisións de títulos-valores cotizables na bolsa de comercio e exercía a fe pública nas operacións de índole mercantil. As súas funcións foron asumidas polas axencias de valores.

  19. axente de negocios

    Persoa que se dedica, profesionalmente, a administrar os bens ou a xestionar os negocios doutro.

  20. axente de seguros [DER]

    Profesional que se dedica á promoción, á mediación e ao asesoramento preparatorio da formalización de contratos de seguros e reseguros entre persoas físicas ou xurídicas, e entidades aseguradoras ou destas entre elas.

  21. axente de seguros marítimos [DER]

    Asesor dos armadores en relación coa contratación de pólizas con empresas aseguradoras.

  22. axente de turismo/axente turístico
    1. Mediador entre a axencia de viaxes e o usuario.

    2. Persoa que traballa para a promoción de viaxes.

    3. Profesional do turismo que, traballando en certos organismos públicos, ten o cometido de recoñecer, detectar e investigar nunha área determinada os recursos e as posibilidades turísticas, catalogalos, definir a demanda, as características e as necesidades, analizar proxectos e o seu impacto, e levar a cabo planos de comercialización de produtos, rutas, itinerarios e monumentos.

  23. axente diplomático [DER]
    1. Persoa, cabeza da misión ou membro desta, acreditada con carácter diplomático diante do estado receptor, que figura na lista diplomática e que está aforado baixo o estatuto diplomático.

    2. Persoa que un estado envía como representante seu en misión especial para tomar parte nunha negociación, nun congreso ou nunha conferencia internacional.

  24. axente dobre [POLÍT/BÉL]

    Axente secreto ao servizo de dous gobernos rivais, que pasa información manipulada a un dos dous países para conseguir as informacións verdadeiramente interesantes para o outro país.

  25. axente executivo [DER]

    Funcionario encargado de esixir o pago dos tributos non satisfeitos voluntariamente polos contribuíntes nos termos establecidos legalmente.

  26. axente literario [EMPR/LIT]

    Representante dun escritor -ou de varios-, en nome do que actúa en todo aquilo que ten que ver coa contratación das súas obras polos editores e, en xeral, coa explotación da súa produción literaria, a cambio dunha comisión sobre os dereitos do autor.

  27. axente marítimo [DER]

    Persoa natural ou xurídica que executa actos xurídicos relacionados co tráfico marítimo.

  28. axente medicinal [MED]

    Todo aquilo que ten acción terapéutica.

  29. axente naval [MAR]

    Colaborador do armador en toda clase de operacións mercantís. Pode ser terrestre (consignatario) ou marítimo (capitán de barco); oficial (corredor marítimo) ou privado.

  30. axente oficial da propiedade industrial [DER]

    Encargado de xestionar a presentación e a tramitación de expedientes no rexistro da propiedade industrial. Amais diso, traballa como asesor técnico ou xurídico (redacción de memorias, execución de debuxos, etc).

  31. axente secreto
    1. [POLÍT/BÉL]

      Persoa que realiza misións de espionaxe e de contraespionaxe, que pertence a unha organización gobernamental especializada ou ben que colabora coa policía secreta, dentro do propio país ou no estranxeiro. Está preparado en certas técnicas de información (criptografía, fotografía, aparellos de comunicación) e nos datos relativos ao país no que ten que actuar. Eses coñecementos son os que o distinguen do simple espía.

    2. [LIT]

      Personaxe de ficción creado a partir da situación que ocasionou a Guerra Fría e que orixinou a aparición e difusión de toda unha novelística baseada nas aventuras ao redor da espionaxe. O exemplo máis representativo é James Bond, personaxe creado por Ian Fleming.

  32. axente xudicial [DER]

    Funcionario subalterno que coopera coa administración exercendo, nos tribunais e nos xulgados, funcións principalmente de execución.