Ayras Moniz d’ Asme
Trobador pertencente á escola medieval galego-portuguesa. Parece que naceu no seo dunha familia nobre, probablemente galega, xa que en Portugal o seu topónimo non orixinou liñaxe familiar tal e como ocorreu, segundo a documentación conservada, ao norte do Miño e en territorio castelán-leonés. A hipótese máis fiable é identificalo cun escudeiro citado nun testamento de 1224 do lugar de Ribadavia, de nome Airas Nuni de Asma. Tamén existe a posibilidade de que estivese emparentado con Diego Moniz; ademais, a cronoloxía que se lle supón é de finais do s XII e primeira metade do XIII, de xeito que coincidiría mesmo con Bonifaci Calvo na Corte de Afonso X. A súa obra redúcese a dúas cantigas de amor que se conservan unicamente no inicio do Cancioneiro da Biblioteca Nacional, xa que tanto o Cancioneiro da Ajuda como o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana presentan lagoas no espazo textual que lles correspondería; curiosamente, o seu nome non aparece na Tavola Colocciana. Os dous textos que se lle atribúen son cantigas de mestría. A primeira delas está estruturada en cobras dobras e mostra un grande exercicio de rimas derivadas co esquema métrico a7 b6’ a7 b6’ a7 b6’ a8 a8 b6’, faltándolle dous versos na segunda cobra; é un escarnio de amor, fiticiamente dialogado, no que un cabaleiro solicita a unha dama maior atención, petición á que ela responde coa negativa do seu amor aconsellándolle que marche, aínda que si deixa aberta unha pequena esperanza. A composición remata cunha última intervención masculina presidida por novas peticións á dama; falta, xa que logo, unha cobra final que estaría en boca da senhor. A segunda cantiga, elaborada con cobras unisonantes e co esquema a8 b8 a8 b8 c8 c8 d8 d8, ofrece tamén rima derivada xunto con palabra rima; é un tipo especial de cantiga de amor (leva o motivo da mala cansó) xa que o trobador amosa, ao lado do característico sentimento esaxerado, o elemento da vinganza por non recibir a atención desexada. Malia non aparecer especificada a identidade da senhor, tal e como obrigan as normas do amor cortés, a dama pode ser facilmente recoñecible dentro das circunstancias do seu círculo social.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : XIII