azteca-tanoano
Grupo de linguas amerindias do Norte e de Centroamérica, unhas trinta aproximadamente, que contan cun reducido número de falantes na actualidade. Este grupo inclúe linguas de tribos tan coñecidas como o comanche, o paiuté, o chochonés e tamén o hopí. Tres linguas mexicanas teñen aínda un número considerable de falantes, o azteca ou nahua cun millón de falantes aproximadamente, o tarahumara, con ao redor de 50.000 e o pima-papago con case 20.000. Consta de dúas familias: o grupo tanoano (ou kiowa-tanoano) e o uto-azteca. A primeira inclúe algunhas linguas faladas no suroeste dos EE UU e o kiowa na zona das Grandes Chairas. A familia uto-azteca é máis extensa e confórmana unha liña de linguas que se falan desde meseta do Colorado ata California, en Centroamérica e en pequenas extensións nas Grandes Chairas. Algunhas delas son: o cahuilla e o luiseño en California, o paiute e o sashoni na Gran Conca, os dialectos ute e comanche nas Grandes Chairas, o hopí e o pina-papago no SO ou o náhuatl en Centroamérica.