Baalbek
Cidade do mu ḥ āfa ẓ a de al-Biqā´, no Líbano, nos contrafortes do Antilíbano (14.000 h [1982]). Cidade fenicia de pouco movemento comercial, helenizada coa conquista de Oriente por Alexandre o Grande e que posteriormente tomou o nome de Heliópolis (Cidade do sol). Acadou o status de colonia romana no 47 a C, durante o goberno de Xulio César, aínda que foi Augusto quen a engrandeceu. Durante o Imperio converteuse na cidade máis importante da Celesiria. Islamizada por Hālid ibn al-Walīd no ano 635, rebelouse contra os omeias e o Califa Marwān arrasou as súas defensas. Os cristiáns, coa formación do reino latino de Xerusalén, obtiveron dela un tributo. O Sultán Qalawūn reedificouna con magnificencia. Viuse reducida case aos cimentos polo ataque de Timur-Lang (Tamerlán) no ano 1401 e despois entrou no ámbito de influencia otomana, onde perdeu progresivamente importancia ante Alepo e Damasco, feito que se agravou despois dos terremotos de 1664 e 1750. O conxunto monumental estaba composto por un pórtico con escaleiras e columnas que daban paso a un patio hexagonal que, á súa vez, servía de entrada a un gran recinto rectangular con pórticos e dous altares ao aire libre. Unha grande escalinata conducía ao templo de Xúpiter Heliopolitano -transposición do antigo Baal-; da súa cidade consérvanse seis enormes columnas do pórtico exterior. Ao carón deste gran complexo había un templo máis pequeno dedicado a Baco que, agás a cuberta, permanece en pé por completo. Diante dos dous edificios atópase un pequeno templo circular dedicado a Venus. Teodosio construíu unha basílica dentro do gran patio rectangular.