Asociación de Creadores Plásticos Composteláns
Institución creada en 1980 por unha trintena de artistas, críticos e persoeiros do eido da cultura baixo a presidencia de Xulio Maside. O seu fin prioritario é promover o desenvolvemento e perfeccionamento da cultura artística galega entre os seus membros e no ámbito social, así como a defensa e pulo da arte na escultura, na ornamentación ambiental, no gravado, na arquitectura, etc. Xunto coa Asociación de Artistas de Pontevedra e a Asociación de Artistas de Ourense, constituíu a Federación Galega de Artistas Plásticos en 1990 coa presidencia de Miguel Mosquera. Froito do dinamismo cultural promovido por esta asociación, creouse o Grupo Nome integrado polos pintores X. Maside, X. G. Pardiñas, Morquecho, Bibian, Anselmo Lamela, Quintana Martelo e a escultora Mª Xosé Díaz. Actualmente está obsoleta, só ten existencia a nivel enunciativo.