Asociación de Obreros Agricultores de Betanzos

Asociación de Obreros Agricultores de Betanzos

Organización agraria máis antiga da vila de Betanzos constituída oficialmente en decembro de 1900. A súa fundación foi alentada no transcurso dunha visita que o líder socialista Pablo Iglesias realizou en 1899 á vila. Esta organización labrega, de orientación socialista, estaba conformada por xornaleiros, arrendatarios e pequenos propietarios de terras. Entre os seus obxectivos estaban os de mellorar a condición económica, moral e intelectual dos afiliados, establecendo relacións de solidariedade coas demais asociacións de carácter obreiro. Interveu nas loitas electorais municipais dende 1901, apoiando aos candidatos socialistas; e do mesmo xeito, entre 1907 e 1909, apoiou a Solidaridad Gallega, enfrontándose así ao caciquismo liberal do distrito. Nos anos da II República estivo adherida á Federación Agraria do Partido Judicial de Betanzos. Desapareceu nos comezos do alzamento militar de 1936.