Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza

Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza

Asociación cultural creada en decembro de 1996 en Santiago de Compostela. O seu principal obxectivo é fomentar e estender en Galicia a afección pola arte lírica (ópera, zarzuela, canción, lied, etc) e outras manifestacións musicais. A primeira e actual xunta directiva está presidida por José Víctor Carou Fernández. O concerto inaugural da asociación tivo lugar o 24 de setembro de 1997 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Dende 1998 edita a revista trimestral Cavatina, primeira revista feita en Galicia e en galego totalmente dedicada á ópera e á lírica, con especial atención á actualidade musical galega. Entre as actividades organizadas, destaca o Ciclo de Novos Intérpretes Galegos, así como o ciclo de conferencias e concertos “Unha pequena historia da ópera”, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Nas súas temporadas de concertos interviñeron, entre outros intérpretes, Teresa Berganza, Cecilia Lavilla, Enrique Viana, Ángeles Blancas, xunto aos galegos Mercedes Hernández, Carmen Subrido e Teresa Novoa.